MAREA DE VIGO DENUNCIA QUE EN VIGO NON HAI NIN UNHA VIVENDA PARA EMERXENCIAS POR DESAFIUZAMENTOS, NIN DA XUNTA NIN DO CONCELLO

O Grupo Municipal da Marea de Vigo denuncia que nin Xunta nin Concello teñen a data de hoxe unha soa vivenda na cidade para dar solución urxente ás familias desafiuzadas

Coñecidos os datos do Consello Xeral do Poder Xudicial que falan dun 14, 4% de aumento dos casos de desafiuzamentos en Galicia, a Marea de Vigo denuncia que non exista analogamente un reforzo da loita contra esta problemática con solucións habitacionais dende as administracións con competencias como o Concello de Vigo e a Xunta.

Marea de Vigo ten coñecemento dun novo caso de desafiuzamento en Vigo que pode ter lugar no día de mañá, desafiuzamento coñecido pola administración local ao ter recibido varias peticións de axuda, segundo as persoas afectadas.

Para a Marea de Vigo é urxente a adopción de medidas pro-activas en materia de vivenda por parte do Concello, xa que, por unha banda, a día de hoxe, tanto Concello como Xunta de Galicia recoñecen ás persoas afectadas que “non dispoñen de ningunha vivenda no término municipal de Vigo para estes casos”, e, pola outra, seguen sen aclararse os procesos de acceso ao rexistro de vivenda baleira da Xunta.

É inescusable a inacción do Goberno Municipal cara a veciñanza que se está vendo afectada, día tras día, en multitude de casos de desafiuzamento. Esta falla da responsabilidade natural que debería ter unha administración local como a máis próxima á cidadanía, está sendo paliada polo movemento asociativo, movementos sociais e veciñais que están acompañando ás persoas que se están vendo nestas situacións de emerxencia social e habitacional tan extremas.

Marea de Vigo considera tamén que o destino final dos recursos económicos obtidos das poxas polas 19 vivendas de Rosalía vendidas de xeito irresponsable polo Goberno Municipal, debe ser cara á dotación de máis patrimonio público destinado a que o Concello poida paliar a inexistencia de vivendas de emerxencia social para familias que son expulsadas dos seus fogares, especialmente aquelas onde existen menores e persoas dependentes.

Para substanciar isto, tal e como xa ten anunciado e presentado ante o Pleno a Marea de Vigo, é necesario a creación dun Parque Municipal de Vivenda, que, ademais de contar con vivendas de titularidade municipal, contaría con aquelas que puidesen ser cedidas a súa titularidade ou uso por entidades bancarias, SAREB ou outros organismos públicos mediante convenio.

Advertisements

MAREA DE VIGO PÍDELLE AO GOBERNO MUNICIPAL A RECUPERACIÓN DOS CASE 10 MILLÓNS DAS TORRES “IFER”

Marea de Vigo pídelle ao Goberno Municipal a recuperación dos case 10 millóns de euros que lle corresponden ao Concello, e polo tanto á veciñanza viguesa, polo aproveitamento lucrativo das Torres “Ifer”.

Os diferentes gobernos negáronse a cumprir a lexislación vixente e as diferentes sentenzas nas que, conforme á propia lei, dotaban ao Concello do 10% da promoción das torres.

“Xusto nun momento no que o debate sobre a vivenda pública ten tanta relevancia, e xusto no momento no que se vai elaborar un novo Plan Xeral de Ordenación Municipal, a Marea de Vigo considera que xa é o tempo de reclamar para a cidadanía viguesa o que, goberno tras goberno municipal rexeitaron reclamar” afirma Rubén Pérez, voceiro do Grupo Municipal da Marea de Vigo.

O Grupo Municipal da Marea de Vigo, xa en agosto do 2015, preguntara no Pleno do Concello se nesta ocasión íase levar a cabo dita reclamación, obtendo como resposta un simple “fíxose como marcaba a lexislación vixente no momento”. A Marea de Vigo entendeu entón que a resposta debía vir motivada polo convenio que tiñan asinado a Promotora Ifer e o propio concello, onde non existía tal 10%, mais, segundo sinala Rubén Pérez, “a lei está e estaba tamén naquela altura por enriba dun convenio bilateral. E dicir, ou o convenio é ilegal, ou simplemente non reflectía esa parte, o que non exime do seu cumprimento”

No seu día, a propia promotora Ifer tratou incluso de “saltarse” a lei nese aspecto, amarrándose ao citado convenio urbanístico.

Dito convenio tamén foi requirido polo Grupo Municipal da Marea de Vigo, hai xa máis dun ano, así como os planos que puideran clarificar as/os verdadeiras/os propietarias/os dos terreos afectados na promoción. Para ambas cousas, a Marea de Vigo obtivo o silencio como resposta.

Ademais destas peticións, hai un feito que, para a Marea de Vigo sería aclaratorio, que non é outro que saber si existe licenza de actividade nas torres, e no caso de non existir, os motivos.

Calquera intento de legalización de todo o ámbito, debería pasar polo reparto equitativo de cargas urbanísticas e beneficios, pola redacción do proxecto de compensación e pola clarificación da propiedade dos terreos, ademais de facer a reclamación que, tal e como fixo Adif (Ministerio de Fomento) reclamando o que lle corresponde á entidade (sentenza 629/2015 do TSXG) o Concello tería que facer, reclamando, neste caso, o devandito 10% de aproveitamento lucrativo.

Para o Grupo Municipal da Marea de Vigo, é especialmente grave que, dende o ano 1996, coñecida a sentenza xa naquela altura polo propio Concello de Vigo, estiveron, todos os diferentes gobernos que pasaron polo Concello, “escurrendo o vulto, facendo varias modificacións e tratando así encaixar e legalizar o que non pode ser legalizado. Mais o máis grave de todo é que, en definitiva, unha promotora privada apropiouse dunha gran cantidade de diñeiro pertencente á veciñanza de Vigo, para o que contaron coa interesada conivencia das persoas que din representar a dita veciñanza” remata Rubén Pérez.

MAREA DE VIGO ALERTA DO PECHE DE LOCAIS NO CASCO VELLO ALTO E PIDE AO CONSORCIO DO CASCO VELLO E O CONCELLO QUE ACTÚE

Marea de Vigo alerta do peche xeneralizado de locais e negocios no Casco Vello Alto e pide actuacións do Consorcio do Casco Vello e o Concello para evitar o fracaso da revitalización da zona.

Rubén Pérez: “A falla dunha actuación pro-activa do Concello e o Consorcio do Casco Vello forma parte das causas polas que esta semana xa teñen pechado varios locais da zona”.

Marea de Vigo considera que finalmente os alugueres excesivos, a falla de campañas de dinamización no comercio e mesmo o pouco dinamismo de visitas na Pinacoteca Municipal están rematando co proceso de rexeneración da zona emprendido fai algún tempo.

Xa fai anos que a asociación cultural do Casco Vello Alto identificaba a necesidade de programar actividades e dotar ao barrio de vida cultural que fose parella ao proceso de rehabilitación, mesmo a idea de facer do barrio alto un barrio das artes ou da mocidade creadora quedou nun baleiro fronte ao inmobilismo das administracións. A marcha dun coñecido fotógrafo que tiña unha tenda-galería no barrio é sen dúbida un feito que ten que activar xa ao Consorcio do Casco Vello, posto que estes locais estaban promovidos e ofertados por ese ente.

En canto ao recente anuncio por parte do Goberno Municipal sobre o acceso ao barrio, “unha entrada ao barrio alto presidido por un Castelo de San Sebastián en mal estado e cunha zona de aparcadoiro e contedores desordenada non é a mellor presentación turística do barrio, sendo necesaria a reordenación do acceso dende a rúa Pracer. Un plan de reordenación que conecte a Praza do Rei coa entrada superior ao barrio é absolutamente necesario.” argumenta Rubén Pérez, voceiro do Grupo Municipal da Marea de Vigo.

MAREA DE VIGO LAMENTA QUE OS RECURSOS OBTIDOS POLA VENDA DOS PISOS DE REPÚBLICA ARXENTINA NON TEÑAN DESTINO DE CARÁCTER DE VIVENDA SOCIAL.

O Grupo Municipal da Marea de Vigo lamenta a venda das vivendas de República Arxentina sen ter destino final para os recursos recadados.  Agora mesmo soamente quedan 4 pisos en propiedade municipal.

Marea de Vigo considera que os máis de 3 millóns de euros recadados na venda deberían empregarse en adquirir máis vivenda de titularidade municipal, pero para destinala a emerxencia social.

Rubén Pérez, voceiro do Grupo Municipal, considera que “os valores catastrais e os prezos de saída das vivendas de Rosalía de Castro eran altas, polo que co recadado en cada vivenda poderían adquirirse varias repartidas polo conxunto da cidade para artellar un parque de vivenda municipal de emerxencia social, feito que reiteradas veces temos reclamado dende Marea de Vigo”. Do mesmo xeito, Rubén Pérez tamén entende que “os recursos obtidos de alleamentos públicos, deberían ter un uso exclusivamente para a construción de vivendas suxeitas a algún réxime de protección pública, tal e como figura no artigo 176.2.e da LOUGA e mesmo no expediente de alleamento do anterior lote de vivendas da rúa República Arxentina que dotou os recursos para as expropiacións do ámbito da cidade da Xustiza, situación definitivamente modificada ao situala finalmente no antigo Hospital Xeral.

Marea de Vigo no seu día rexeitou este alleamento público de vivendas e solares que o Goberno Local aprobou na Xerencia de Urbanismo, en concreto 15 vivendas na Rúa República Arxentina e varios solares de titularidade municipal. Marea de Vigo non entendía naquela altura que a escusa de obtención de recursos económicos pode ser un criterio para liquidar patrimonio público como figura na proposta de expediente, cando a situación económica da que alardea o Goberno Municipal do Concello de Vigo non o precisa.

Polo tanto, o Grupo Municipal da Marea de Vigo considera que o destino final dos recursos económicos obtidos nas poxas públicas polas 19 vivendas vendidas (orixinariamente para pagar as expropiacións ou demandas dos ex-propietarios dos terreos da frustrada cidade da xustiza) ten que ser inescusablemente dotar de máis patrimonio público e vivendas coas que o concello poida paliar a inexistencia de vivendas de emerxencia social para as familias que son expulsadas dos seus fogares, especialmente aquelas onde existen menores e persoas dependentes.

Este futuro parque contaría tamén coa totalidade das vivendas de titularidade municipal que figuran no inventario de patrimonio e aquelas que puidesen ser cedidas en titularidade ou uso por entidades bancarias, SAREB ou outros organismos públicos mediante convenio. “Sen expropiar o dereito de uso como fixo por exemplo na anterior lexislatura o goberno andaluz, o rexistro será un mero instrumento estatístico” apunta Rubén Pérez.

Marea de Vigo considera urxente adoptar unha medida proactiva en materia de vivenda por parte do Concello ante a evidencia de que o modelo de rexistro de vivendas baleiro proposto pola Xunta, quen ten competencias en materia de vivenda, é unha cortina de fume, xa que segue sen aclararse como as familias poderán acceder a unha de esas vivendas rexistradas. Hai máis de 2600 vivendas declaradas pola SAREB e entidades bancarias pero nin un solo regulamento nin modelo de acceso ás mesmas.

MAREA DE VIGO SOBRE POLÍTICA DE VIVENDA SOCIAL

O Grupo Municipal da Marea de Vigo pide ao Goberno Municipal e á Xunta seriedade e compromiso coa cidadanía en materia de vivenda social, onde se deben poñer as prioridades na vida das persoas e non culpar a unha ou outra institución segundo a cor política ou o interese electoral ou mediático do momento.

É prioritario proporcionar solucións habitacionais ás familias que se atopen nunha situación de desafiuzamento ou risco de exclusión social por perda da súa vivenda habitual e precisen de intervención pública inmediata.

Sendo un feito que a gran maioría dos lanzamentos que se producen na actualidade son de particulares por falla de pagamentos de aluguer e que cada vez as entidades bancarias, nun intento de escamotear as súas responsabilidades, evitan este tipo de accións (aínda que sigan existindo); cando se da un  proceso deste tipo e unha familia atópase nesta grave situación, o que non pode ocorrer é que a resposta  obtida  sexa unha pelexa entre administracións para ver quen ten ou non as competencias e capacidade para darlle algún tipo de solución.

O Grupo Municipal da Marea de Vigo volve alertar da inexistencia de políticas organizadas de vivenda para colectivos en risco de exclusión social, que, no caso do Concello de Vigo, este non a leva a cabo coa escusa de dicir que “as competencias de vivenda son autonómicas” mentres que outros concellos si o fan, en coherencia coa legalidade vixente, na que, segundo o artigo 25.2.e) da Lei 7/1985, de 2 de abril, Reguladora das Bases do Réxime Local,  os Municipios exercerán competencias na atención inmediata a persoas en situación ou risco de exclusión social, competencia obrigatoria de acordo co artigo 26.1.c) da devandita Lei. Semella que para o Goberno Municipal desta cidade, o ámbito competencial á hora de asumir un gasto, cambia segundo o interese ou rédito que este gasto poida aportar, o que resulta inaceptable para a Marea de Vigo.

Mais para o Grupo Municipal da Marea de Vigo, tan responsable é o Concello como a Xunta, que está levando a cabo una forte campaña cargada de demagoxia cando, a través dese “famoso” rexistro de vivendas baleiras -que aínda non se sabe da súa existencia real nin como se podería acceder a elas no caso de que o Concello queira  empregalas- , o único que din é que o concello de Vigo debe poñer unha serie de vivendas a disposición dun rexistro que posteriormente se convertería nun sistema que calquera persoa podería acceder a elas dependendo da súa situación, mais non existe constancia nin do rexistro nin das condicións reais sobre o funcionamento do mesmo. Polo tanto, desde a Marea de Vigo, pedimos tamén ás persoas responsables e ao Partido Popular, un pouco de seriedade á hora da “utilización” das necesidades das persoas como arma para ser lanzada cara ao Goberno Municipal.

A Marea de Vigo por tanto, insiste, de xeito positivo e con vontade de solución real, na proposta de creación dun parque de vivendas, tal e como xa fixo cando presentou unha moción ao respecto no pasado mes de maio do 2016, moción por certo rexeitada polos votos do Partido Socialista. Un parque de vivendas que contaría coa totalidade das vivendas de titularidade municipal que figuran no inventario de patrimonio e aquelas que puidesen ser cedidas a súa titularidade ou uso por entidades bancarias, SAREV ou outros organismos públicos mediante convenio.

Xa é a hora de poñerse a traballar para dar resposta inmediata por parte da institución mais próxima á veciñanza como é o Concello, sen deixar de dicir que a Xunta ten que facer promoción pública, e sen deixar de evidenciar a situación na que miles de familias atópanse froito dunha situación que, en absoluto é carente de responsabilidades políticas; mais isto non debe ser a escusa para non levar  a cabo accións que traten de paliar tal situación.

PORTO CABRAL É UNHA OPERACIÓN ESPECULATIVA QUE DISTA MOITO DA REACTIVACIÓN ECONÓMICA QUE PRECISA ESTA CIDADE

O Grupo municipal da Marea de Vigo, vistas os últimos movementos arredor do proxecto de Porto Cabral, considera inaceptables os argumentos que grupo inversor, directiva da comunidade de montes e unha asociación de comerciantes pretenden utilizar para resucitar o proxecto.

En canto aos aspectos legais utilizados para defender o desenvolvemento de Porto Cabral, a Marea de Vigo considera que, por unha banda, a mencionada lei 3/2016 non permite determinadas actuacións como recalificacións de solo, neste caso, a conversión dun solo rústico á urbano consolidado para un uso comercial. Pola outra, a vía da supramunicipalidade non se pode tomar, posto que non estamos falando dun centro de interese público e utilidade social, como podería ser unha universidade ou mesmo un hospital, senón dun centro comercial e de ocio, polo tanto, segundo Rubén Pérez, voceiro do Grupo Municipal da Marea de Vigo, “se isto acontecese, habería que denuncialo inmediatamente na fiscalía”.

A única opción posible é na redacción dun novo plan, plan que por outra parte, debe estar sometido a unha avaliación ambiental estratéxica, na que Porto Cabral non tería cabida.

De feito non ten cabida nin desde o punto de vista ambiental, nin económico nin coherente coas necesidades que pode ter Vigo. Exemplo disto aconteceu en cidades como Zaragoza, con Porto Venecia (proxecto irmán de Porto Cabral) onde a Cámara de Comercio xa recoñeceu que se destruíron máis de 1000 postos de traballo no comercio local de proximidade da cidade, cuestión que parece obviar o presidente da asociación de comerciantes e hostaleiros da Zona Náutico, cando asina un convenio coa empresa promotora de Porto Cabral, que, a todas luces, prexudica ao comercio local, promovendo supostamente o desprazamento dos visitantes entre a zona náutico e Cabral, dito noutras palabras: privando ao resto do comercio da cidade (onde existen mais dunha vintena de asociacións de comerciantes consolidadas) das visitas de potenciais clientes.

O Grupo Municipal da Marea de Vigo tamén cuestiona as afirmacións que parece facer a entidade inversora sobre os terreos. Cando afirma que ten un acordo cos propietarios, debería especificar a quen se refire, posto que se trata dunha comunidade de montes cuxa asemblea xa votou “non” á venda dos terreos; Quizais entón se estea referindo unicamente á Directiva de dita Comunidade de Montes, que nunca cesou no seu intento por vender o monte para este proxecto.

MAREA DE VIGO APOIA AS PERSOAS E COLECTIVOS QUE ESTÁN ACAMPADOS NA PRAZA DO REI VISUALIZANDO A REALIDADE SOBRE O QUE SUPÓN A POBREZA NO NOSO CONCELLO E PIDE AO GOBERNO MUNICIPAL QUE OS RECIBAN.

apobrezamataO Grupo Municipal, tal e como xa expuxo en varias ocasións, e tal e como tamén se está demandando dende a acampada, considera que parte da solución pasaría pola creación do parque de vivendas municipal de emerxencia en réxime de alugueiro social.

Partindo da base de atoparnos cun problema mais sistémico que puntual ou conxuntural, é prioritario que as institucións mais próximas á cidadanía se esforcen ao máximo para lograr paliar a situación na medida das súas posibilidades, creando as ferramentas necesarias para atallar os centos de casos que están xurdindo tódolos dias e, en xeral, poñer freo ás situacións nas que están multitude de familias, situacións de empobrecemento case extremo en moitos casos. Invisibilizado na maioría deles.

Compartido tamén polo Grupo Municipal da Marea de Vigo é a necesariedade da mellora da situación do albergue municipal, no que actualmente existe un límite moi escaso de estancia (10 días), obrigando ás persoas a buscarse o refuxio noutros lugares como albergues de transeúntes de institucións privadas que, ademais, están sendo abertamente desmantelados eliminando a función para a que foron fundados, por parte das institucións das que dependen, (Isto é, o centro de “Hermanos Misioneros de Teis”, desmantelándose pouco a pouco por parte do Arcebispado de Barcelona, feito que a propia Igrexa parece non importarlle), eliminando así, a opción que necesariamente tiñan as persoas sen teito que quedan fora do Albergue Municipal, ademais da propia rúa, onde gran cantidade delas e deles vense na obriga de pasar a noite.

A Marea de Vigo apoia por tanto, a todas as persoas que están levando a cabo a acampada na Praza do rei, e pide ao Goberno Municipal que os reciba e escoite, sobre todo porque e este Goberno Municipal, encabezado por Abel Caballero, o que afirma aos catro ventos que en Vigo non hai xente durmindo na rúa, e, por tanto, debería interesarlle.

%d bloggers like this: