MAREA DE VIGO PÍDELLE AO GOBERNO MUNICIPAL A RECUPERACIÓN DOS CASE 10 MILLÓNS DAS TORRES “IFER”

Marea de Vigo pídelle ao Goberno Municipal a recuperación dos case 10 millóns de euros que lle corresponden ao Concello, e polo tanto á veciñanza viguesa, polo aproveitamento lucrativo das Torres “Ifer”.

Os diferentes gobernos negáronse a cumprir a lexislación vixente e as diferentes sentenzas nas que, conforme á propia lei, dotaban ao Concello do 10% da promoción das torres.

“Xusto nun momento no que o debate sobre a vivenda pública ten tanta relevancia, e xusto no momento no que se vai elaborar un novo Plan Xeral de Ordenación Municipal, a Marea de Vigo considera que xa é o tempo de reclamar para a cidadanía viguesa o que, goberno tras goberno municipal rexeitaron reclamar” afirma Rubén Pérez, voceiro do Grupo Municipal da Marea de Vigo.

O Grupo Municipal da Marea de Vigo, xa en agosto do 2015, preguntara no Pleno do Concello se nesta ocasión íase levar a cabo dita reclamación, obtendo como resposta un simple “fíxose como marcaba a lexislación vixente no momento”. A Marea de Vigo entendeu entón que a resposta debía vir motivada polo convenio que tiñan asinado a Promotora Ifer e o propio concello, onde non existía tal 10%, mais, segundo sinala Rubén Pérez, “a lei está e estaba tamén naquela altura por enriba dun convenio bilateral. E dicir, ou o convenio é ilegal, ou simplemente non reflectía esa parte, o que non exime do seu cumprimento”

No seu día, a propia promotora Ifer tratou incluso de “saltarse” a lei nese aspecto, amarrándose ao citado convenio urbanístico.

Dito convenio tamén foi requirido polo Grupo Municipal da Marea de Vigo, hai xa máis dun ano, así como os planos que puideran clarificar as/os verdadeiras/os propietarias/os dos terreos afectados na promoción. Para ambas cousas, a Marea de Vigo obtivo o silencio como resposta.

Ademais destas peticións, hai un feito que, para a Marea de Vigo sería aclaratorio, que non é outro que saber si existe licenza de actividade nas torres, e no caso de non existir, os motivos.

Calquera intento de legalización de todo o ámbito, debería pasar polo reparto equitativo de cargas urbanísticas e beneficios, pola redacción do proxecto de compensación e pola clarificación da propiedade dos terreos, ademais de facer a reclamación que, tal e como fixo Adif (Ministerio de Fomento) reclamando o que lle corresponde á entidade (sentenza 629/2015 do TSXG) o Concello tería que facer, reclamando, neste caso, o devandito 10% de aproveitamento lucrativo.

Para o Grupo Municipal da Marea de Vigo, é especialmente grave que, dende o ano 1996, coñecida a sentenza xa naquela altura polo propio Concello de Vigo, estiveron, todos os diferentes gobernos que pasaron polo Concello, “escurrendo o vulto, facendo varias modificacións e tratando así encaixar e legalizar o que non pode ser legalizado. Mais o máis grave de todo é que, en definitiva, unha promotora privada apropiouse dunha gran cantidade de diñeiro pertencente á veciñanza de Vigo, para o que contaron coa interesada conivencia das persoas que din representar a dita veciñanza” remata Rubén Pérez.

Advertisements

MAREA DE VIGO ALERTA DO PECHE DE LOCAIS NO CASCO VELLO ALTO E PIDE AO CONSORCIO DO CASCO VELLO E O CONCELLO QUE ACTÚE

Marea de Vigo alerta do peche xeneralizado de locais e negocios no Casco Vello Alto e pide actuacións do Consorcio do Casco Vello e o Concello para evitar o fracaso da revitalización da zona.

Rubén Pérez: “A falla dunha actuación pro-activa do Concello e o Consorcio do Casco Vello forma parte das causas polas que esta semana xa teñen pechado varios locais da zona”.

Marea de Vigo considera que finalmente os alugueres excesivos, a falla de campañas de dinamización no comercio e mesmo o pouco dinamismo de visitas na Pinacoteca Municipal están rematando co proceso de rexeneración da zona emprendido fai algún tempo.

Xa fai anos que a asociación cultural do Casco Vello Alto identificaba a necesidade de programar actividades e dotar ao barrio de vida cultural que fose parella ao proceso de rehabilitación, mesmo a idea de facer do barrio alto un barrio das artes ou da mocidade creadora quedou nun baleiro fronte ao inmobilismo das administracións. A marcha dun coñecido fotógrafo que tiña unha tenda-galería no barrio é sen dúbida un feito que ten que activar xa ao Consorcio do Casco Vello, posto que estes locais estaban promovidos e ofertados por ese ente.

En canto ao recente anuncio por parte do Goberno Municipal sobre o acceso ao barrio, “unha entrada ao barrio alto presidido por un Castelo de San Sebastián en mal estado e cunha zona de aparcadoiro e contedores desordenada non é a mellor presentación turística do barrio, sendo necesaria a reordenación do acceso dende a rúa Pracer. Un plan de reordenación que conecte a Praza do Rei coa entrada superior ao barrio é absolutamente necesario.” argumenta Rubén Pérez, voceiro do Grupo Municipal da Marea de Vigo.

MAREA DE VIGO LAMENTA QUE OS RECURSOS OBTIDOS POLA VENDA DOS PISOS DE REPÚBLICA ARXENTINA NON TEÑAN DESTINO DE CARÁCTER DE VIVENDA SOCIAL.

O Grupo Municipal da Marea de Vigo lamenta a venda das vivendas de República Arxentina sen ter destino final para os recursos recadados.  Agora mesmo soamente quedan 4 pisos en propiedade municipal.

Marea de Vigo considera que os máis de 3 millóns de euros recadados na venda deberían empregarse en adquirir máis vivenda de titularidade municipal, pero para destinala a emerxencia social.

Rubén Pérez, voceiro do Grupo Municipal, considera que “os valores catastrais e os prezos de saída das vivendas de Rosalía de Castro eran altas, polo que co recadado en cada vivenda poderían adquirirse varias repartidas polo conxunto da cidade para artellar un parque de vivenda municipal de emerxencia social, feito que reiteradas veces temos reclamado dende Marea de Vigo”. Do mesmo xeito, Rubén Pérez tamén entende que “os recursos obtidos de alleamentos públicos, deberían ter un uso exclusivamente para a construción de vivendas suxeitas a algún réxime de protección pública, tal e como figura no artigo 176.2.e da LOUGA e mesmo no expediente de alleamento do anterior lote de vivendas da rúa República Arxentina que dotou os recursos para as expropiacións do ámbito da cidade da Xustiza, situación definitivamente modificada ao situala finalmente no antigo Hospital Xeral.

Marea de Vigo no seu día rexeitou este alleamento público de vivendas e solares que o Goberno Local aprobou na Xerencia de Urbanismo, en concreto 15 vivendas na Rúa República Arxentina e varios solares de titularidade municipal. Marea de Vigo non entendía naquela altura que a escusa de obtención de recursos económicos pode ser un criterio para liquidar patrimonio público como figura na proposta de expediente, cando a situación económica da que alardea o Goberno Municipal do Concello de Vigo non o precisa.

Polo tanto, o Grupo Municipal da Marea de Vigo considera que o destino final dos recursos económicos obtidos nas poxas públicas polas 19 vivendas vendidas (orixinariamente para pagar as expropiacións ou demandas dos ex-propietarios dos terreos da frustrada cidade da xustiza) ten que ser inescusablemente dotar de máis patrimonio público e vivendas coas que o concello poida paliar a inexistencia de vivendas de emerxencia social para as familias que son expulsadas dos seus fogares, especialmente aquelas onde existen menores e persoas dependentes.

Este futuro parque contaría tamén coa totalidade das vivendas de titularidade municipal que figuran no inventario de patrimonio e aquelas que puidesen ser cedidas en titularidade ou uso por entidades bancarias, SAREB ou outros organismos públicos mediante convenio. “Sen expropiar o dereito de uso como fixo por exemplo na anterior lexislatura o goberno andaluz, o rexistro será un mero instrumento estatístico” apunta Rubén Pérez.

Marea de Vigo considera urxente adoptar unha medida proactiva en materia de vivenda por parte do Concello ante a evidencia de que o modelo de rexistro de vivendas baleiro proposto pola Xunta, quen ten competencias en materia de vivenda, é unha cortina de fume, xa que segue sen aclararse como as familias poderán acceder a unha de esas vivendas rexistradas. Hai máis de 2600 vivendas declaradas pola SAREB e entidades bancarias pero nin un solo regulamento nin modelo de acceso ás mesmas.

MAREA DE VIGO ANTE AS ALTERNATIVAS PARA O ESTADIO MUNICIPAL DE BALAÍDOS

Marea de Vigo considera que o uso do estadio de Balaídos polo Celta debería garantir o retorno da inversión pública feita na súa reparación, ben a través dun novo convenio, ou ben concesionando a 50 anos.

O Grupo Municipal da Marea de Vigo lémbralle ao alcalde que si existiron propostas de construción de novo estadio, concretamente en 2003 e en 2009, propostas que incluían mesmo usos hoteleiros e que facían un novo estadio sobre os terreos do actual. De feito, as reformas actuais recollen parte da proposta arquitectónica de proxectos de novo estadio anteriores.

O voceiro do grupo municipal da Marea de Vigo, Rubén Pérez, considera que “a solución da concesión a 50 anos permite ao Celta aportar recursos ao Concello e amortizar nun prazo moi vantaxoso os recursos públicos que se aportan dende Concello e Deputación para a reforma do actual estadio. O retorno ás arcas públicas dunha parte da explotación dos futuros locais comerciais de acordarse esta fórmula, ten que ser innegociable, xa que falamos dunha infraestrutura pública en réxime de usufruto único por parte dunha Sociedade Anónima Deportiva.” Esta fórmula sería para A Marea de Vigo unha boa substitución da nosa proposta de que o RC Celta cedera parte do ingreso por venta de entradas e abonos para compensar a forte inversión que as administracións públicas fan para reformar unha infraestrutura que usa en réxime de monopolio.

Marea de Vigo considera que, de concretarse a fórmula da concesión administrativa, os recursos que está derivando a Deputación á reforma de Balaídos deberían orientarse á urxente reparación das instalacións e pistas de atletismo de Balaídos, en estado actual de cuase-abandono.

Do mesmo xeito, Marea de Vigo sigue pensando que un novo convenio ou o modelo de concesión administrativa con cláusulas económicas diferentes, evitaría que a evidente necesaria reparación do estadio municipal de Balaídos sexa entendida por unha parte importante da poboación como un agravio económico nun tempo de crise na que os clubs privados de fútbol moven millóns de euros procedentes de múltiples ámbitos (publicidade, representación de deportistas, dereitos televisivos, etc…).

O GRUPO MUNICIPAL DA MAREA DE VIGO CONSIDERA UN ÉXITO DA MOBILIZACIÓN DE DIVERSOS COLECTIVOS DA CIDADE A CONSERVACIÓN INTEGRAL DO ESPAZO INDUSTRIAL DA PANIFICADORA

“É un acerto do xurado premiar un proxecto no concurso de ideas que elimina o uso residencial e conserva os silos e almacéns”, afirma Rubén Pérez tras ver o proxecto, á vez que lamenta a “escasa definición da sustentabilidade económica dos usos previstos. Case todos os usos son formulados en réxime concesional ou de alugueiro”.

Do mesmo xeito, a Marea de Vigo felicita tamén aos colectivos como “Outro Vigo é Posible” ou “Entremos na Panificadora”, que loitaron estes anos por unha rehabilitación integral e con usos públicos do espazo.

Marea de Vigo considera que a reforma do PEPRI do Casco Vello, que terán que acometer tamén os gañadores, terá que redefinir mellor os usos, xa que, por exemplo, os 2.500 metros cadrados para a biblioteca do estado resultan “absolutamente insuficientes vendo as bibliotecas que con financiación estatal se fixeron en cidades como Compostela, que ocupa un espazo de máis de 4.000 metros cadrados”.

As cuestións relativas aos usos terían que terse tido en conta antes de redactar as bases do concurso de ideas, facendo un proceso participativo a diverso tecido social da cidade (mesmo convocando o Consello Social da Cidade) a fin de afinar usos e prioridades por parte da cidadanía viguesa. “As profundas eivas de infraestruturas sociocomunitarias en Vigo requiren que o Concello prime determinados usos da antiga panificadora antes de abrir o concurso de ideas arquitectónico xa que, non é o mesmo rehabilitar un espazo industrial para ser un centro comercial que unha biblioteca ou auditorio público”, tal e como o expresou a Marea de Vigo no seu día.

Marea de Vigo tamén considera positivo que se descarte a demolición de gran parte da antiga panificadora proposta no seu día polo alcalde de Vigo Abel Caballero. Agora soamente queda que o proceso expropiatorio e construtivo non se converta nun calvario entre administracións como habitualmente nos teñen acostumados.

PORTO CABRAL É UNHA OPERACIÓN ESPECULATIVA QUE DISTA MOITO DA REACTIVACIÓN ECONÓMICA QUE PRECISA ESTA CIDADE

O Grupo municipal da Marea de Vigo, vistas os últimos movementos arredor do proxecto de Porto Cabral, considera inaceptables os argumentos que grupo inversor, directiva da comunidade de montes e unha asociación de comerciantes pretenden utilizar para resucitar o proxecto.

En canto aos aspectos legais utilizados para defender o desenvolvemento de Porto Cabral, a Marea de Vigo considera que, por unha banda, a mencionada lei 3/2016 non permite determinadas actuacións como recalificacións de solo, neste caso, a conversión dun solo rústico á urbano consolidado para un uso comercial. Pola outra, a vía da supramunicipalidade non se pode tomar, posto que non estamos falando dun centro de interese público e utilidade social, como podería ser unha universidade ou mesmo un hospital, senón dun centro comercial e de ocio, polo tanto, segundo Rubén Pérez, voceiro do Grupo Municipal da Marea de Vigo, “se isto acontecese, habería que denuncialo inmediatamente na fiscalía”.

A única opción posible é na redacción dun novo plan, plan que por outra parte, debe estar sometido a unha avaliación ambiental estratéxica, na que Porto Cabral non tería cabida.

De feito non ten cabida nin desde o punto de vista ambiental, nin económico nin coherente coas necesidades que pode ter Vigo. Exemplo disto aconteceu en cidades como Zaragoza, con Porto Venecia (proxecto irmán de Porto Cabral) onde a Cámara de Comercio xa recoñeceu que se destruíron máis de 1000 postos de traballo no comercio local de proximidade da cidade, cuestión que parece obviar o presidente da asociación de comerciantes e hostaleiros da Zona Náutico, cando asina un convenio coa empresa promotora de Porto Cabral, que, a todas luces, prexudica ao comercio local, promovendo supostamente o desprazamento dos visitantes entre a zona náutico e Cabral, dito noutras palabras: privando ao resto do comercio da cidade (onde existen mais dunha vintena de asociacións de comerciantes consolidadas) das visitas de potenciais clientes.

O Grupo Municipal da Marea de Vigo tamén cuestiona as afirmacións que parece facer a entidade inversora sobre os terreos. Cando afirma que ten un acordo cos propietarios, debería especificar a quen se refire, posto que se trata dunha comunidade de montes cuxa asemblea xa votou “non” á venda dos terreos; Quizais entón se estea referindo unicamente á Directiva de dita Comunidade de Montes, que nunca cesou no seu intento por vender o monte para este proxecto.

MAREA DE VIGO REXISTRA UNHA MOCIÓN PARA A AMPLIACIÓN DO ALCANCE TEMPORAL DA INSTRUCIÓN DE URBANISMO CON RESPECTO A SOLICITUDE DE LICENZA DE OBRAS PARA AS FAMILIAS ATRAPADAS NA ANULACIÓN DO PXOM

vigo_1O Grupo Municipal da Marea de Vigo, como xa ten sinalado no Pleno do Concello de Vigo en varias ocasións, considera que é preciso e urxente dar solución, a mellor que se poida ofrecer dentro da seguridade xurídica, as moitas familias que quedaron atrapadas no PXOM anulado. A diferenza doutros ámbitos que se poderían considerar de especial interese, estas familias atópanse nun limbo legal e urbanístico, ademais dos problemas económicos aos que están véndose abocadas en moitos casos.

Alén dos desenvolvementos de ámbitos considerados de interese xeral, para os cales incluso se buscou o xeito de darlle legalidade, como o acontecido ao abeiro da lei 3/2016 de Medidas en materia de proxectos públicos de urxencia ou de excepcional interese, mediante a cal se lle da cobertura a proxectos como a ampliación da PSA ou mesmo a Intermodal, O Grupo Municipal da Marea de Vigo considera que tamén é necesario dar solucións ás numerosas familias que se viron afectadas pola anulación e non puideron levar a cabo os seus proxectos de vida, que, en moitos casos, supoñen grandes problemas ao ter subscrito por exemplo hipotecas sobre os terreos onde querían edificar as súas vivendas.

O pasado 20 de xaneiro, na Xerencia Municipal de Urbanismo, aprobouse unha instrución mediante a cal, todas aquelas persoas que solicitaran a súa licenza anteriormente á sentenza do Tribunal Supremo, poderían ver solucionada a súa situación mediante a propia instrución (recibindo “silencio administrativo positivo”) a cal tamén contou co voto favorable do Grupo Municipal da Marea de Vigo, mais, analizando o número de familias que poderían verse amparadas neste caso, que son moi poucas, quedando fóra a gran maioría, e, ao amparo dunha sentenza do Contencioso-Administrativo nº1 de Ourense, que podería ser aplicada neste caso para maior cobertura legal das persoas afectadas, o Grupo Municipal da Marea de Vigo rexistra unha moción para pedir a modificación urxente do alcance temporal da Instrución de Urbanismo, pasando a data límite, do 10 de novembro á data real de publicación no DOG, sendo este un xeito de darlle amparo a moitas mais persoas que agora mesmo non teñen outra saída ao ver os seus proxectos amarrados pola anulación do PXOM e sen visos de aprobación do novo seguramente en anos.

Do mesmo xeito, a Marea de Vigo insiste na necesidade da redacción do novo proxecto, posto que todas as consecuencias que se están vivindo desde a anulación, incluídos os “parches” que se foron levando a cabo, así como informes e mesmo a recente lei de acompañamento nos orzamentos da Xunta, poden supoñer, en lugar de solucións, moitos problemas legais no futuro dada a carencia de seguridade xurídica que manifestamente posúen.

%d bloggers like this: