MAREA DE VIGO CONSIDERA LEXÍTIMA A “MOBILIZACIÓN” POLO AVE DIRECTO A VIGO PERO SERÍA BO QUE ALGUÉN EXPLICARA QUE O QUE CHEGA POR CERDEDO NIN É DIRECTO NIN É AVE

“É bastante sinxelo comprobar, tanto na información de Adif, como na proposta de enxeñeiros ferroviarios e mesmo na proposta dos creadores da variante de Cerdedo, que menos do 65% do trazado é velocidade alta, e, en ningún caso é directo a Vigo, senón que ten que conectar inexorablemente co Eixo Atlántico. No caso da opción Cerdedo, esta conexión sería a mais afastada, situándose entre Pontevedra e Vilagarcía” explica Rubén Pérez, voceiro do Grupo Municipal da Marea de Vigo.

O Grupo Municipal da Marea de Vigo considera lexítima a reivindicación, e mesmo non se mostrou en desacordo no Consello Social da Cidade cando se acordou a reclamación do “AVE por Cerdedo”, mais sigue amosando as súas dúbidas en canto a destinar tal inversión pública ao proxecto, inversión que logo computa a débeda pública e polo tanto condiciona os orzamentos do estado. Non é lóxico máis sacrificio de gastos sociais, sanitarios, educativos, etc… para ter esa variante que, en picos de velocidade, ancho de vía e electrificación non son homologables ao modelo “AVE” ou mesmo a alternativas de velocidade alta como Avant ou Alvia.

“O “AVE” dende fai anos que é unha marca comercial e non un sistema ferroviario, o que hai que definir son as características técnicas de cada tramo”, matiza Rubén Pérez.

Para a Marea de Vigo, tamén é necesario un esforzo cidadá, mais aló das campañas partidarias e mediatizadas do Goberno Municipal, para informarse do que estamos a falar cando alguén argumenta que a variante de Cerdedo é un “AVE directo a Vigo” xa que esta proposta conectaría á velocidade alta (non AVE) na localidade da Portela co eixo atlántico xa existente que conecta Vigo coa Coruña, liña de altas prestacións pero tecnicamente non alta velocidade. Como tampouco é “AVE” o que chega á Coruña e Santiago, por moito que o repita como un “mantra” o alcalde Abel Caballero.

Marea de Vigo anima á veciñanza viguesa a discutir abertamente sobre o modelo ferroviario que precisa a nosa cidade, que por suposto pasa por integrar un sistema de alta velocidade que conte cun traxecto a Madrid en menos de 4 horas pero lembrando que esta infraestrutura compite directamente coa aeroportuaria, na que estamos deitando miles de recursos públicos nesta cidade. Sirva por exemplo que máis do 70% dos viaxeiros actuais do AVE Madrid-Barcelona eran antes os usuarios da ponte aérea Madrid-Barcelona.

Marea de Vigo cre que non se debe empregar a demagoxia con algo tan serio como a inversión pública. O feito de que en verán os hospitais de Vigo pechen camas, que os colexios non teñan equipas docentes e liñas escolares axeitadas, ten moito que ver coa brutal débeda pública, que PP e PSOE consagraron pagar antes que calquera outro gasto social na reforma constitucional do ano 2011, e que ten gran parte de orixe na delirante inversión en autovías sen tráfico, trens sen pasaxeiros e aeroportos sen voos.

Por este motivo, Marea de Vigo pide explorar alternativas que poñan un sistema ferroviario de alta velocidade no prazo de dous anos operativo na nosa cidade, modelo que pode pasar por unha inversión urxente na liña actualmente existente entre Vigo e Ourense, que non precisaría de expropiación ao ser terreos de ADIF, que podería ter unha Avaliación de Impacto Ambiental rápida ao ser unha infraestrutura existente e que, con melloras das curvas, electrificación e desdobre de tramos, podería poñer por debaixo dos 50 min o traxecto Vigo-Ourense, e, ese mesmo tren conectar directamente á alta velocidade con Madrid. Esta inversión sería infinitamente máis asumible en dous exercicios orzamentarios, tendo en conta o criterio de contención do gasto público imposto inxustamente pola UE (e, polo tanto, máis realista) que os 2.300 millóns de euros da variante de Cerdedo.

Advertisements

O GRUPO MUNICIPAL DA MAREA DE VIGO PIDE ACLARAR SE OS AUTOBUSES PÚBLICOS TEÑEN OPERATIVA A RAMPLA ADAPTADA.

O Grupo Municipal da Marea de Vigo pide aclarar se os autobuses públicos teñen operativa a rampla adaptada.

Tendo constancia de varias denuncias de persoas en cadeira eléctrica que non puideron acceder aos autobuses de Vitrasa por non estar operativo o sistema que así o facilita.

O Grupo Municipal da Marea de Vigo denuncia que vai facer un ano que o Concello anunciou unha instrución especial para regular o acceso das persoas que empregan cadeiras eléctricas tipo “scooter”, instrución anunciada por Abel Caballero como “unha prioridade non só en Vigo senón tamén a nivel do estado, que defendería como presidente da FEMP”, mais nada se fixo a esta altura. O Grupo Municipal da Marea de Vigo non ten constancia de ningunha orde especial nin modificación do servizo de transporte urbano.

O concelleiro da Marea de Vigo Xosé Lois Jácome, lembra que “non se trata de dispor dun servizo a demanda a través de autobuses especiais para persoas con mobilidade reducida (os PMR), xa que, se realmente é certo que o 68% dos autobuses de Vitrasa contan con rampla manual e dende decembro de 2005 moitos con rampla eléctrica, non se entende que moitos usuarios de cadeiras eléctricas teñan denunciado a imposibilidade de subir en moitos autobuses de diversas liñas da cidade.” No entanto Marea de Vigo non entende que haxa tantas denuncias por parte das persoas usuarias se foran certos os anuncios do concello e da concesionaria ao respecto, onde se di que a maioría da flota xa está dotada do sistema de rampla eléctrica.

Xosé Lois Jácome, considera ademais que “é absolutamente necesario que todos os autobuses estean equipados co sistema eléctrico e non manual debido aos tempos impostos pola empresa ás/aos condutoras/es; a súa baixada, ademais de atrasar, trátase dunha función a maiores das que teñen asignadas, que con toda seguridade, non está reflectida nas súas condicións laborais nin en materia de saúde laboral”.

Por outra banda, ao Grupo Municipal da Marea de Vigo non lle estraña esta situación, perfectamente coherente cun Goberno Municipal para o que unhas escaleiras mecánicas axudan á mobilidade, cando, para unha persoa que use cadeira de rodas, estas resultan completamente inútiles.

O GRUPO MUNICIPAL DA MAREA DE VIGO PRESENTA AS SÚAS ACHEGAS PARA A ELABORACIÓN DA NOVA ORDENANZA DE MOBILIDADE SOSTIBLE

O texto das achegas da Marea de Vigo conta con tres propostas, todas elas orientadas principalmente á circulación peonil, sendo una delas a creación dun novo título con sete artigos, e as outras dúas, propostas para novos epígrafes a desenvolver.

O novo título proposto pola Marea de Vigo, ven a establecer un marco de normas orientadas cara os traslados a pé, e dicir, a figura do peón dentro do concepto de mobilidade sostible, tal e como se está introducindo dentro dos PMUS (Plan de Mobilidade Urbana sostible) en moitos concellos do estado.

Rubén Pérez, voceiro do Grupo Municipal da Marea de Vigo, destaca que “gran parte das labores de humanización fanse de maneira individualizada e non teñen en conta o tráfico peonil en canto ao calculo de tempos, accesibilidade e seguridade fronte ao tráfico rodado podendo resultar perigoso nalgún momento”. Esta circunstancia, segundo a proposta da Marea de Vigo, podería ter solución establecendo unha serie de normas relativas as prioridades e sinalizacións que garantisen a seguridade peonil.

En canto as propostas á desenvolver, unha delas baséase na creación de camiños escolares seguros, que promove que as nenas e os nenos poidan ir a pé á escola dun xeito seguro e cómodo, tanto para elas e eles como o para evitar as conxestións nos horarios de entrada e saída dos centros escolares. A outra proposta a desenvolver, recoller a asunción por parte do Concello de Vigo, dos criterios da rede “Cidades que camiñan”, entrando o Concello a formar parte dela. Estes criterios baséanse no dereito da cidadanía a vivir en lugares pensados para as necesidades das persoas e non para as dos vehículos, e, baixo a idea da cidade sostible.

Por outra banda, a Marea de Vigo está traballando nunha proposta arredor da circulación de bicicletas, na que recollerá demandas de colectivos ciclistas que promoven o uso da bicicleta como alternativa aos vehículos de motor.

O GRUPO MUNICIPAL DA MAREA DE VIGO ESÍXELLE AO PRESIDENTE DA ÁREA METROPOLITANA, ABEL CABALLERO, QUE VOLVA A REUNIR ÁS ALCALDÍAS DA ÁREA COA XUNTA COMO FERRAMENTA PARA DIRIMIR O ASUNTO DO TRANSPORTE METROPOLITANO E EVITAR ASÍ O XOGO DE MAIORÍAS E MINORÍAS QUE LEVOU A CABO O PP NO DÍA DE HOXE.

vitrasaPara o Grupo Municipal da Marea de Vigo, que forma parte do Grupo político Marea Metropolitana na Asemblea da Área Metropolitana de Vigo, non é aceptable a manobra que tratou de levar a cabo a Xunta no día de hoxe na xuntanza da Comisión de Seguimento do Transporte na que, facendo uso da maioría que o Partido Popular posúe nela (e non na Asemblea da Área) tratou de levar a cabo votacións que poderían ter como resultado a dilapidación da Área Metropolitana.

Para a Marea de Vigo, ao igual que expuxeron hoxe os alcaldes do Grupo Metropolitano do que forman parte e que acudiron hoxe á xuntanza da Comisión de Seguimento do Transporte convocada pola Xunta (Cangas e Salceda), tratar de utilizar unha maioría forzando votacións cuxo resultado pode significar a paralización total da Área Metropolitana non é o camiño para solucionar as diverxencias, senón que os debates se deben dar no seo da Área, é, de non existir acordos, seguir traballando onde si os hai e dirimir o resto no contencioso ao non ter outra alternativa. En todo caso, o órgano onde se ten que dirimir, non é o convocado e celebrado no día de hoxe.

A Marea de Vigo considera un erro que a Xunta estea “amarrándose” a unha interpretación do Convenio asinado xunto ao Concello de Vigo e Vitrasa, no que, tal e como veñen de admitir hoxe, é o Concello de Vigo o que debe pagar o bono do transporte urbano de Vigo de todas as persoas viaxeiras da área, con independencia da procedencia, utilizando incluso comparacións como a Área de A Coruña ou de Santiago de Compostela, pero, sen falar da gran diferenza que existe con Vigo: Vigo paga á empresa por viaxeiro e as outras urbes, o fan por km, o que constitúe unha diferenza considerable no caso que estamos a tratar. Ademais de que, para os demais concellos da área a teoría parece diferente, posto que os gastos do transporte xa existente están repartidos entre a propia Xunta e o concello en cuestión.

Por tanto, esixímoslle á Xunta que acepte a interpretación que fai Vigo do Convenio, posto que beneficiaría a toda veciñanza da Área (e non soamente á de Vigo), e ao Alcalde de Vigo e Presidente da Area (do que aínda non se entende como puido asinar ese convenio de interpretación tan arbítrea) que, tal e como fixo á hora de poñer a andar a Área, convoque a Xunta e as alcaldías da Área para poñer todas as diferenzas e acordos enriba da mesa e se poida comezar a traballar, mais aló dos panfletos por parte do PP e o lanzamento de receitas dia sí día tamén por parte do Alcalde de Vigo cara a Xunta.

MAREA DE VIGO CONSIDERA UN “ESPERPENTO” AS ACTITUDES DO PP E PSOE, DINAMITANDO A ÁREA METROPOLITANA DESDE DENTRO.

vitrasaO Grupo Municipal da Marea de Vigo considera que o convenio asinado por Xunta, Concello de Vigo e Vitrasa efectivamente ten diferencias substanciais de interpretación (especialmente no tocante aos anexos onde figuran tarifas para viaxes sen saltos no ámbito de Vigo) polo que a solución do contencioso é unha vía lóxica. Tamén lembra que foi o Alcalde de Vigo o que pedía a formulación desta denuncia no contencioso e comprometíase a “acatar o seu resultado”.

O voceiro do Grupo Municipal da Marea de Vigo, Rubén Pérez, sinalou hoxe que o debate sobre o modelo de xestión de transporte da Área Metropolitana continúa a ter tintas esperpénticas, por unha banda o PP negando que a entrada do transporte urbano de Vigo no transporte metropolitano sexa unha realidade dende o mesmo momento no que a lei que está aprobada contén o convenio esixido entre Concello e Xunta; e doutra o Concello de Vigo non asumindo o erro de ter asinado con pouca cautela un convenio que na súa páxina 9 (anexo sobre tarifas actuais do transporte metropolitano) introduce unha interpretación moi aleatoria do que comporta o prezo do billete para as viaxes no transporte urbano de Vigo ao non especificar as responsabilidades sobre as bonificacións á custo do Concello de Vigo para as viaxes sen transbordo. Para a Marea de Vigo este convenio é insuficiente precisamente pola falla de concreción, alén do estraño feito de que unha empresa privada a que lle quedan dous anos de concesión sexa parte asinante do convenio coma si dunha institución pública se tratara.

Marea de Vigo non deixa de sorprenderse sobre os motivos polos que se asinou o convenio por parte do Concello de Vigo a través do seu Alcalde se non se tiña claro a interpretación do mesmo, no que ademais non se deixa claro cal vai ser o proceso de integración do transporte urbano de Vigo no transporte metropolitano, polo que Marea de Vigo demanda discutir sobre o modelo de transporte metropolitano, sobre as razóns polas que o modelo de lei aprobada polo Partido Popular desbota a xestión pública directa do transporte, e sobre como e cando se concretará a cesión de competencias en transporte á Área. Polo tanto, Marea de Vigo pide que se convoque, tralo pleno organizativo, un pleno extraordinario para dirimir a cuestión do transporte.

Sendo un momento e oportunidade importante para abaratar e incluso remunicipalizar servizos, a importancia da Área debería estar por enriba das siglas, posto que servizos como o do transporte, auga, ou a rsu poderían ser xestionados desde a Área, mais se a vontade, tanto do PSOE como do PP non muda, seguramente este novo intento de construción da Área Metropolitana de Vigo volva a fracasar.

MAREA DE VIGO ANTE A NEGATIVA DA XUNTA A INSCRICIÓN DA ÁREA METROPOLITANA DE VIGO NO REXISTRO DE ENTIDADES LOCAIS

areametropoPara o Grupo Municipal da Marea de Vigo, que forma parte do grupo Marea Metropolitana na asemblea da Área Metropolitana de Vigo, a noticia recibida hoxe con respecto a negativa da Xunta de Galicia a inscribir a Área Metropolitana de Vigo no rexistro de Entidades Locais ven a confirmar que a posición política do PP con respecto á Área é de boicot por un cálculo partidista.

O Grupo Municipal da Marea de Vigo, representado na Área por Marga L. Barreiro e Rubén Perez, insiste en que todas as discrepancias sobre o ámbito do transporte metropolitano e a entrada do transporte urbano de Vigo na Área deben ser resoltas no ámbito da área, e de non constituírse esta, o único que existe é unha pelexa entre administracións. É unha grave irresponsabilidade, xa que pode supoñer outra vez a morte do intento de posta en marcha da Área, onde moitos servizos poderían ser reconfigurados e incluso xestionados de xeito publico, ademais de que a veciñanza dos concellos que abarca a area merecen que se asuman as responsabilidades necesarias para a mellora dos seus servizos públicos por enriba de intereses partidistas.

Marea de Vigo considera que a argumentación que a Xunta está poñendo enriba da mesa sobre a capacidade de interrupción da constitución da Área por parte do Presidente de idade da Mesa senta un precedente moi perigoso a hora a constitución de entes públicos e, de existir calquera defecto de forma, hai modos de solucionalo sen chegar a os termos que se están a chegar, pero para iso é necesaria a vontade política, cuestión que non está demostrando o Partido Popular con respecto a posta en marcha da área Metropolitana de Vigo.

Por tanto, a Marea de Vigo esixe unha xuntanza urxente entre Xunta e Concello de Vigo para solucionar esta cuestión, lonxe do inoperante intercambio postal que estamos acostumadas e acostumados a ver entre ambas administracións ,e considera que o perseverar na actitude do boicot a Área Metropolitana, o PP está alimentando o uso localista dun instrumento de gran importancia para todas e todos as e os habitantes da área, convertindo a Abel Caballero nun mártir innecesario.

O GRUPO MUNICIPAL DA MAREA DE VIGO REXISTRA UNHA MOCIÓN PEDINDO UN SERVIZO ESPECIAL NOCTURNO PARA AS E OS PACIENTES QUE SON DADOS DE ALTA POLA NOITE E NON TEÑEN POSIBILIDADES DE VOLVER A CASA EN TRANSPORTE PÚBLICO.

hospital alvaro cunqueiroTal e como acontece nos servizos de urxencias dos hospitais, cando unha persoa doente recibe a alta, debe marchar das instalacións de dito hospital, con independencia da hora que sexa; feito do que todas e todos fomos testemuñas nalgunha ocasión cando tivemos que acudir, acompañar, ou mesmo sendo traballador ou traballadora deste servizo.

Pois, partindo desta realidade, dia tras día, tal e como sinala Marga L. Barreiro, concelleira da Marea de Vigo, “o cadro de persoal do Hospital Álvaro Cunqueiro presente en moitas quendas de noite no servizo de urxencias, veñen vivindo situacións nas que presencian que as persoas con poucos recursos económicos , que cada vez son máis, sofren as eivas que a xestión deste hospital presenta, neste caso, á hora de volver aos seus domicilios.”

Moitas das persoas que acoden ao servizo de urxencias ben en ambulancia ou en autobús, en moitos casos, son dadas de alta pasadas as dez e media da noite, última hora na que hai autobuses urbanos, non habendo máis servizos durante horas, ata a mañá seguinte; xerando situacións lamentables cando, despois de estar doentes, teñen que esperar horas no propio hospital para poder volver a casa, se non é collendo un taxi, para o que moitas persoas non teñen recursos.

Marga L. Barreiro, explica que, xa en moitas ocasións, a solidariedade das persoas que alí traballan é a que fai que se lle pague o taxi para podelas levar de volta ás súas casas.

O mesmo acontece con outros municipios da área sanitaria, por iso, na moción do Grupo Municipal da Marea de Vigo, se pide que, se leven a cabo os trámites necesarios, incluída a colaboración coas entidades correspondentes, como son a Xunta e a Área Metropolitana para poñer unha solución para todas aquelas persoas que, non tendo recursos, se atopan nesta situación.

Do mesmo xeito, o Grupo Municipal da Marea de Vigo, apoia as demandas da veciñanza de Teis, onde, a través de mobilizacións (a próxima será o dia 25 deste mes) e da recollida xa de mais de 3000 sinaturas, solicitan ao Concello un servizo directo desde Teis, e defenderá que este colectivo participe cunha intervención no vindeiro Pleno do Concello, tal e como solicitaron esta semana vía rexistro.

%d bloggers like this: