MAREA DE VIGO POLA ELIMINACIÓN DO AMIANTO NAS LIÑAS DE ABASTECEMENTO DE AUGA POTABLE.

Marea de Vigo rexistra unha moción para a eliminación do amianto e os seus derivados das infraestruturas municipais con prioridade sobre as liñas de abastecemento de auga potable á poboación.

O Grupo Municipal considera que, dentro das inversións de Aqualia, sexa prioritario a eliminación deste material por enriba de actuacións puramente “ornamentais” .

As tubaxes de fibrocemento a base de fibras de amianto e cemento xeneralizáronse nas redes de auga europeas dende os anos 40, sendo esta unha expresión do auxe económico da industria do cemento e do sector da construción. O fibrocemento ou “amianto-cemento” é un material artificial obtido da mistura de auga, cemento e fibras de amianto, nas que estas representan entre o 10 e o 25% da mistura.

Os síntomas de enfermidade por exposición ao amianto foron durante moitos anos difíciles de detectar, xa que soen aparecer entre os 10 e os 40 anos despois da exposición ao material, Aínda así, desde 1935 coñécense os primeiros traballos que relacionan cientificamente a exposición ao asbesto e o cancro de pulmón. A substancia foi clasificada e recoñecida por organismos internacionais (Oficina internacional para a investigación do cancro, Oficina de Protección ambiental, etc..) como un canceríxeno humano, habendo relación entre a exposición ao asbesto e varios tipos de cancro, como o colonorrectal ou gastrointestinal.

A Directiva Europea 1999/77 do 26 de xullo do 1999 xa limitaba o uso e comercialización de substancias como o amianto, e por extensión, fibrocemento nas tubaxes. A través da orde do 7 de decembro do 2001, en España están prohibido o uso e comercialización de todo tipo de amianto e produtos que o conteñan. Dende 2003, están totalmente prohibidas tanto nos usos como en comercialización, esta vez, pola directiva europea 2003/18/CE, e márcase a súa substitución por outros materiais, dado o potencial perigo no tempo.

Mais, a pesar da prohibición total, en todo o ámbito do estado aínda quedan millóns de toneladas de amianto, que poden supoñer un potencial risco para a saúde. Hai dúas formas de exposición ao amianto: por inhalación (casos de demolicións de estruturas que conteñen amianto, traballos de reparación nelas ou a propia degradación da estrutura) ou por deglutición de fibras de amianto, contidas na auga ao pasar polas tubaxes de fibrocemento.

No caso de Vigo, a pesar da lexislación vixente, a cantidade de tubaxe con fibrocemento existente na cidade é moi alta, o que fai necesario e prioritario a asunción de medidas para erradicalo, así como das estruturas que tamén conten coa substancia, priorizando edificios públicos como escolas ou hospitais.

Mais, o problema non consiste exclusivamente en eliminar o material senón tamén de onde depositalo posteriormente de xeito seguro e sostible, xunto coas medidas que se deben tomar para garantir condicións de salubridade para as/os propias/os traballadoras/es que teñen que manipular e reparar este tipo de instalacións.

Na moción da Marea de Vigo, polo tanto, pídense unha serie de acordos baseados, en primeiro termo, na “realización dunha auditoría-informe sobre a cantidade e situación das conducións de auga potable de fibrocemento existentes nas redes de auga potable do Municipio, así como daqueloutras infraestruturas públicas de competencia municipal que poidan conter amianto ou dalgún dos seus derivados”, a partir do que se establecería un “Plan de Eliminación de amianto ou derivados das infraestruturas públicas municipais e en especial das correspondentes a conducións de auga potable”, establecendo un horizonte temporal próximo a partir do cal a erradicación destes materiais prexudiciais para a saúde sexa un feito.
Tanto para a diagnose da situación como para o Plan de Eliminación do amianto, para a Marea de Vigo é importante que exista colaboración doutras administracións públicas. Do mesmo xeito, pedirase á FEMP que impulse convenios de colaboración entre entidades para facilitar a erradicación destes materiais.

O Grupo Municipal da Marea de Vigo, pedirá ademais que, dentro das inversións da empresa concesionaria, sufragadas con partidas posteriormente amortizadas no prezo do servizo nas facturas da veciñanza viguesa, teña prioridade a eliminación e substitución da tubaxe que conteña amianto, por enriba de ningunha outra inversión “ornamental”, dende logo non prioritaria para a saúde das e dos viguesas/es.

MAREA DE VIGO REXISTRA UNHA MOCIÓN PARA A RECUPERACIÓN E USO DO ANTIGO REBULLÓN

O Grupo Municipal da Marea de Vigo rexistra unha moción onde pide á Xunta a recuperación e utilización sociosanitaria do antigo Hospital Rebullón.

A moción será defendida no Pleno Ordinario do vindeiro mércores 29, en consonancia coas mocións xa presentadas en varios concellos dentro da área sanitaria de Vigo.

Fai xa mais dun ano que o antigo hospital Rebullón pechou as súas portas, un espazo de 25.666 metros cadrados de construción, rodeado por 6 hectáreas de terra, espazo agora inutilizado a pesar das moitas posibilidades de uso. O uso que se lle está dando actualmente é de menos de 16.000 metros cadrados, feito que, para a Marea de Vigo, é insuficiente.

Na moción, reflíctese que é o momento de definir o destino destas instalacións, das que pode beneficiarse a comarca e a área sanitaria de Vigo, a través da implantación de servizos de atención pública sociosanitaria nas mesmas, dada a carencia deste tipo de servizos públicos na comarca, como as 1.700 persoas que agardan por unha praza nunha residencia para maiores; situacións que poderían ter solución coa habilitación do espazo, facendo, por exemplo, un centro de Día ou servizo de Atención á Muller.

Destácase tamén na moción as boas comunicacións coas que conta o antigo Hospital do Rebullón, ao atoparse moi preto de autovías, autoestradas e mesmo paradas de autobuses.

Na moción que defenderá Marga L. Barreiro, faise fincapé no estado de deterioro no que se atopan as actuais instalacións do antigo Rebullón ao carecer de actividade, de modo que, calquera demora na recuperación dificultará e encarecerá a mesma, polo que “é urxente que a Xunta leve a cabo recuperación do espazo” apunta Marga L. Barreiro.

MAREA DE VIGO REXEITA A RESPOSTA DA COMISIÓN EUROPEA Á DENUNCIA DA AGDSP E CONSIDERA QUE É NECESARIO NON CESAR NA MOBILIZACIÓN CIDADÁ CARA A RECUPERACIÓN DO HOSPITAL PARA A SANIDADE PÚBLICA

Marea de Vigo manifesta a súa desconformidade e desagrado pola forma e polo fondo da resposta da Comisión Europea á denuncia presentada pola Asociación galega para a Defensa da Sanidade Pública (AGDSP).

Pola forma, pois dita comisión necesitou 14 meses para dar unha resposta que non entra a dirimir os temas presentados e aduce falta de probas. Partindo do feito de que cando unha plataforma cidadá da Comunidade Europea acode a unha administración comunitaria, como a Comisión, é para que esta poña en marcha os mecanismos de investigación diante dos feitos que levaron a aceptar a trámite a denuncia. Non se está diante dun proceso xudicial no que os denunciantes han de soportar a carga da proba, senón diante dunha demanda presentada ante un organismo que ten funcións de control do cumprimento da normativa comunitaria, e ca demanda se lle presentan diferentes aspectos para que practique as indagacións pertinentes e valore o cumprimento ou non da devandita normativa.

Polo fondo, pois ao non exercer as súas responsabilidades de investigación nun caso como este, no que está en xogo un modelo concreto de financiar, construír e xestionar un novo hospital para a sanidade pública, semella que está validando o modelo, con independencia de que vulnere a propia normativa comunitaria.

Por tanto, e segundo Marga L. Barreiro, concelleira do Grupo Municipal da Marea de Vigo, “as argumentacións dadas para a desestimación semellan estar cargadas de intereses partidarios, pasando por enriba do contido da denuncia e por tanto, da cidadanía que, día tras día e cada vez que se mobiliza, mostra o seu desacordo coa xestión do HAC. Esta resposta por tanto, ven a avalar o sistema de construción e xestión do hospital; Aínda que non é de estrañar, posto que todo é acorde coa ideoloxía da CE, e por tanto, quen queda amparado por esta decisión non é outro que o Goberno da Xunta”.

A Marea de Vigo continuará a denunciar a estafa para a cidadanía que supuxo o xeito de financiar, construír e xestionar o Hospital Álvaro Cunqueiro e, demanda a súa recuperación integra para a sanidade pública para convertelo no hospital público que necesitamos. Do mesmo xeito que seguirá apoiando as iniciativas levadas a cabo pola Asociación pola Defensa da Sanidade Pública.

Marga L. Barreiro, concelleira da Marea de Vigo, engade ademais, que “A cidade non debe deixar de moverse por erradicar este sistema de xestión sanitaria que está hipotecando o futuro da área sanitaria de Vigo.”

MAREA DE VIGO CONSIDERA QUE O SERGAS DEBE ASUMIR A RESPONSABILIDADE POLOS PROBLEMAS DERIVADOS DA SITUACIÓN DE COLAPSO QUE ESTÁ A ACONTECER NO HOSPITAL ÁLVARO CUNQUEIRO.

hospital alvaro cunqueiroPara o Grupo Municipal da Marea de Vigo é insultante que o SERGAS lle bote a culpa as/aos pacientes que, debido as deficiencias en atención primaria, non teñen outra alternativa que acudir ás urxencias do hospital.

Despois da gravidade do problema de colapso que existe nas urxencias do Hospital Álvaro Cunqueiro e concretamente o que ocorreu a pasada fin de semana cunha entrada de 474 pacientes, é moi curioso que o SERGAS declare que “o 49% dos pacientes triados foron de patoloxía banal e non revestían gravidade.” Sendo posible que isto sexa certo, a utilización deste argumento da a entender que estes pacientes podían ser atendidos perfectamente no seu centro saúde correspondente sen a necesidade de acudir ao Servizo de Urxencias do hospital.

Marga L. Barreiro, concelleira do GM da Marea de Vigo, afirma que “preguntaríalle aos altos cargos do SERGAS se en serio cren que unha persoa doente acode ao servizo de urxencias hospitalario se o seu centro de saúde funciona con normalidade. Nesta época do ano moitos casos dos que acoden a urxencias, sobre todo a xente maior, son por procesos gripais que se solucionarían no centro de saúde, pero sucede que cando estas persoas piden cita para o centro de saúde correspondente, obteñen a cita para dentro de tres, catro ou cinco días co cal a persoa doente considera que non pode esperar ese tempo, pois seguramente está pasando un proceso febril ou similar e decide que debe acudir a urxencias.”

É necesario ter en conta que quen decide a urxencia da doenza que se padece, en primeiro termo, é o doente ou a doente. Polo que a argumentación do SERGAS para tentar botarlle a culpa ás /aos pacientes non é xusto nin axustado a realidade. No Servizo de Saúde debe haber as instalacións precisas dotadas de recursos humanos suficientes para atender a todas as persoas con casos urxentes ou non de enfermidade ou accidentes. Nese caso, a situación das urxencias do hospital melloraría.

Alén disto, desde o Servizo Galego de Saúde tamén se di que “habería colapso se non houbese máis camas”. E evidente que hai máis camas, de feito, e segundo apunta Marga L. Barreiro, “no Hospital Meixoeiro hai unha morea de camas, e en moitas plantas, cheas de camas baleiras. O que si que se precisa é que se dote de máis persoal aos servizos para poder así absorber toda a demanda que se está xerando, e se deixen de dar argumentos que mais que argumentos son excusas que non sirven a ninguén que teña a desgraza de verse nesta situación nin a quen teña un mínimo de contacto coa sanidade, e que, de feito, non solucionan o problema en absoluto.”

MAREA DE VIGO CUALIFICA A ACTITUDE DO PSdeG-PSOE EN MATERIA DE SANIDADE UNHA ABSOLUTA INCOHERENCIA XA QUE, RESPONDE A INTERESES MÁIS ELECTORALISTAS QUE A PROPIA DEFENSA DA SANIDADE PÚBLICA, QUE QUEDA RELEGADA A UN SEGUNDO PLANO.

marea-descartaAs votacións do PSdeG-PSOE parece que máis que dependentes do contido, dependen do momento electoral, dos intereses propagandísticos ou en moitos casos, de quen son as persoas que presentan a iniciativa ou moción que teñan que votar.

Marga L. Barreiro considera que o que está pasando co PSdeG-PSOE en materia do Hospital Álvaro Cunqueiro “é para chorar”. Primeiro, no Parlamento de Galiza, vota a favor da Proposición non de Lei que fai o grupo parlamentario de AGE para a reversión ao público do Hospital, con algun engadido que AGE acepta.

Despois abstense no Concello de Vigo de aprobar a moción presentada pola Marea de Vigo para sumarse tanto á denuncia presentada pola Asociación Galega pola Defensa da Sanidade Pública na UE como a dita Proposición non de Lei no Parlamento Galego, dicindo que o Concello non é unha institución “adecuada” para sumarse ás iniciativas que outras organizacións presenten; E mais tarde, de novo no Parlamento, o PSdeG-PSOE rexeita unha emenda de AGE , que antes xa votara a favor, para incluír no texto da súa iniciativa. Por certo, indica Marga López Barreiro, “iniciativa similar á que AGE propuxo para reverter o Hospital Álvaro Cunqueiro ao público e que a eles lle debeu causar algún tipo de reacción de “envexa” por pensar que era un tanto que lle podía ser moi útil para comezar a súa campaña electoral; pois non será polo moito que lle importe o estado da sanidade de Vigo xa que como é visto van sempre detrás das iniciativas dos demais colectivos para facer as súas reclamacións .”

Marga López Barreiro lembra que “non foi o Concello de Vigo quen convocou a manifestación multitudinaria, o Concello sumouse, pero convocou a Xunta de Persoal, a pesar do que o alcalde expresou en varias ocasións” e mesmo no pasado pleno deste martes, onde insistían na idea, cando a realidade e que a loita pola defensa da sanidade publica na área de Vigo sempre foi levada por iniciativa tanto da Xunta de Persoal como SOS Sanidade pública, dando moitos pasos nesa loita á que despois se foron sumando entidades coma o Concello de Vigo.

O que sí fixo o PsdeG-PSOE de Vigo, como é xa coñecido aínda que non lles guste escoitalo, foi facilitar as acometidas de auga e luz para que a obra fose adiante.

O grave vai seguir sendo que a atención hospitalaria nesta cidade segue a ser cada vez máis desastrosa e quédanos un futuro negro para a saúde de toda a veciñanza de aquí en diante se non somos quen de reverter a situación.

Dende o Grupo Municipal da Marea de Vigo pedimos o PsdeG-PSOE que deixe nun segundo plano os seus intereses electorais en favor dos intereses da cidadanía, que ten dereito a unha sanidade pública e de calidade.

MAREA DE VIGO DEFENDE QUE OS ANEXOS I E II DO ANTIGO HOSPITAL XERAL SEXAN EXCLUSIVAMENTE EMPREGADOS PARA USOS HOSPITALARIOS

marea-descartaO Grupo Municipal da Marea de Vigo espera a coñecer as bases do concurso de ideas anunciado polo Presidente da Xunta de Galicia para o proxecto de localización da futura cidade da Xustiza no edificio do antigo Hospital Xeral para poder valorar as vantaxes ou inconvenientes da localización neste emprazamento.

En todo caso, subliña Marga L. Barreiro, concelleira da Marea de Vigo “nós imos defender o uso exclusivamente sanitario dos dous anexos porque entendemos que a proposta da plataforma SOS SANIDADE PÚBLICA é axeitada ás necesidades da área sanitaria viguesa”

O Grupo Municipal da Marea de Vigo considera que se debe manter a atención sanitaria nos Anexos I e II, para situar neles os servizos necesarios que vimos reclamando xunto coa Asociación Pola Defensa da Sanidade Pública e que serían: Un potente Servizo de Urxencias Extrahospitalario vinculado a un Centro de Alta Resolución; manter o Bloque Cirúrxico xa existente no Anexo II para Cirurxía Minimamente Invasiva; manter o Bloque de Consultas Externas e os Gabinetes de Exploracións e Probas Funcionais para mellorar a accesibilidade dos pacientes e reducir as listas de espera; abrir un novo Centro de Atención Primaria que remate coa masificación dos actuais; manter o Servizo de Rehabilitación; trasladar o Centro de Orientación Familiar; e crear unha Unidade de Saúde Mental que substitúa ás pechadas na Dobrada e Coia.

Mesmo a eventual proposta de converter o o Anexo II nun aparcadoiro, polo que seria preciso demoler todo o que está agora construído (en perfectas condicións de uso), sería para a Marea de Vigo algo intolerable tendo en conta a falta de equipamento sanitario na nosa cidade.

Polo tanto non terán o noso apoio se non se manteñen as características sanitarias nos dous anexos.

MAREA DE VIGO CONSIDERA QUE, O MARXE DE VALORAR POSITIVAMENTE A DESTITUCIÓN DE ANA SÁNCHEZ, O CAMBIO DE PERSOAS E NON DE SISTEMA NON SOLUCIONA O PROBLEMA DO NOVO HOSPITAL.

hospital alvaro cunqueiroO grupo municipal da Marea de Vigo opina que, tanto coma o cambio de conselleiro non ía resolver o problema, tampouco o fai o cambio na dirección da Oficina Técnica de Seguemento, posto que se trata da propia concepción do modelo sanitario, onde o Partido Popular é responsable de todas as accións feitas cara á privatización dos servizos públicos.

Rubén Pérez, voceiro da Marea de Vigo, cualifica como medida positiva a destitución dunha persoa que representa perfectamente a definición de prácticas de liquidación dos servizos públicos á vez que engórdanse as contas de empresas, en moitos casos, creadas exclusivamente para coller concesións públicas como a do Hospital Álvaro Cunqueiro, e, en moitas ocasións, realizando prácticas contra os dereitos das e dos traballadores, como a que vimos con respecto a propia limpeza de obra do hospital, onde chegouse a límites de ilegalidade co cadro de persoal xa denunciados no seu día.

Marea de Vigo considera que, por moitas xuntanzas e mostras de “boa vontade” e de intención de emenda que mostre tanto o novo conselleiro como a nova directora da OTS, é necesario algo máis que iso para reverter esta situación, que non é outra que o cambio de modelo privatizador que está levando o cabo o Partido Popular, e valora como positivo o consenso entre os acordos do pleno do Concello de Vigo, os diferentes colectivos de traballadores/as sanitarios/as e as e os usuarios/as para reclamar á Xunta un hospital 100% público , posto que é a única solución para evitar as eivas sanitarias no Álvaro Cunqueiro.

%d bloggers like this: