MAREA DE VIGO PÍDELLE AO GOBERNO MUNICIPAL A RECUPERACIÓN DOS CASE 10 MILLÓNS DAS TORRES “IFER”

Marea de Vigo pídelle ao Goberno Municipal a recuperación dos case 10 millóns de euros que lle corresponden ao Concello, e polo tanto á veciñanza viguesa, polo aproveitamento lucrativo das Torres “Ifer”.

Os diferentes gobernos negáronse a cumprir a lexislación vixente e as diferentes sentenzas nas que, conforme á propia lei, dotaban ao Concello do 10% da promoción das torres.

“Xusto nun momento no que o debate sobre a vivenda pública ten tanta relevancia, e xusto no momento no que se vai elaborar un novo Plan Xeral de Ordenación Municipal, a Marea de Vigo considera que xa é o tempo de reclamar para a cidadanía viguesa o que, goberno tras goberno municipal rexeitaron reclamar” afirma Rubén Pérez, voceiro do Grupo Municipal da Marea de Vigo.

O Grupo Municipal da Marea de Vigo, xa en agosto do 2015, preguntara no Pleno do Concello se nesta ocasión íase levar a cabo dita reclamación, obtendo como resposta un simple “fíxose como marcaba a lexislación vixente no momento”. A Marea de Vigo entendeu entón que a resposta debía vir motivada polo convenio que tiñan asinado a Promotora Ifer e o propio concello, onde non existía tal 10%, mais, segundo sinala Rubén Pérez, “a lei está e estaba tamén naquela altura por enriba dun convenio bilateral. E dicir, ou o convenio é ilegal, ou simplemente non reflectía esa parte, o que non exime do seu cumprimento”

No seu día, a propia promotora Ifer tratou incluso de “saltarse” a lei nese aspecto, amarrándose ao citado convenio urbanístico.

Dito convenio tamén foi requirido polo Grupo Municipal da Marea de Vigo, hai xa máis dun ano, así como os planos que puideran clarificar as/os verdadeiras/os propietarias/os dos terreos afectados na promoción. Para ambas cousas, a Marea de Vigo obtivo o silencio como resposta.

Ademais destas peticións, hai un feito que, para a Marea de Vigo sería aclaratorio, que non é outro que saber si existe licenza de actividade nas torres, e no caso de non existir, os motivos.

Calquera intento de legalización de todo o ámbito, debería pasar polo reparto equitativo de cargas urbanísticas e beneficios, pola redacción do proxecto de compensación e pola clarificación da propiedade dos terreos, ademais de facer a reclamación que, tal e como fixo Adif (Ministerio de Fomento) reclamando o que lle corresponde á entidade (sentenza 629/2015 do TSXG) o Concello tería que facer, reclamando, neste caso, o devandito 10% de aproveitamento lucrativo.

Para o Grupo Municipal da Marea de Vigo, é especialmente grave que, dende o ano 1996, coñecida a sentenza xa naquela altura polo propio Concello de Vigo, estiveron, todos os diferentes gobernos que pasaron polo Concello, “escurrendo o vulto, facendo varias modificacións e tratando así encaixar e legalizar o que non pode ser legalizado. Mais o máis grave de todo é que, en definitiva, unha promotora privada apropiouse dunha gran cantidade de diñeiro pertencente á veciñanza de Vigo, para o que contaron coa interesada conivencia das persoas que din representar a dita veciñanza” remata Rubén Pérez.

MAREA DE VIGO REXISTRA UNHA MOCIÓN PARA A AMPLIACIÓN DO ALCANCE TEMPORAL DA INSTRUCIÓN DE URBANISMO CON RESPECTO A SOLICITUDE DE LICENZA DE OBRAS PARA AS FAMILIAS ATRAPADAS NA ANULACIÓN DO PXOM

vigo_1O Grupo Municipal da Marea de Vigo, como xa ten sinalado no Pleno do Concello de Vigo en varias ocasións, considera que é preciso e urxente dar solución, a mellor que se poida ofrecer dentro da seguridade xurídica, as moitas familias que quedaron atrapadas no PXOM anulado. A diferenza doutros ámbitos que se poderían considerar de especial interese, estas familias atópanse nun limbo legal e urbanístico, ademais dos problemas económicos aos que están véndose abocadas en moitos casos.

Alén dos desenvolvementos de ámbitos considerados de interese xeral, para os cales incluso se buscou o xeito de darlle legalidade, como o acontecido ao abeiro da lei 3/2016 de Medidas en materia de proxectos públicos de urxencia ou de excepcional interese, mediante a cal se lle da cobertura a proxectos como a ampliación da PSA ou mesmo a Intermodal, O Grupo Municipal da Marea de Vigo considera que tamén é necesario dar solucións ás numerosas familias que se viron afectadas pola anulación e non puideron levar a cabo os seus proxectos de vida, que, en moitos casos, supoñen grandes problemas ao ter subscrito por exemplo hipotecas sobre os terreos onde querían edificar as súas vivendas.

O pasado 20 de xaneiro, na Xerencia Municipal de Urbanismo, aprobouse unha instrución mediante a cal, todas aquelas persoas que solicitaran a súa licenza anteriormente á sentenza do Tribunal Supremo, poderían ver solucionada a súa situación mediante a propia instrución (recibindo “silencio administrativo positivo”) a cal tamén contou co voto favorable do Grupo Municipal da Marea de Vigo, mais, analizando o número de familias que poderían verse amparadas neste caso, que son moi poucas, quedando fóra a gran maioría, e, ao amparo dunha sentenza do Contencioso-Administrativo nº1 de Ourense, que podería ser aplicada neste caso para maior cobertura legal das persoas afectadas, o Grupo Municipal da Marea de Vigo rexistra unha moción para pedir a modificación urxente do alcance temporal da Instrución de Urbanismo, pasando a data límite, do 10 de novembro á data real de publicación no DOG, sendo este un xeito de darlle amparo a moitas mais persoas que agora mesmo non teñen outra saída ao ver os seus proxectos amarrados pola anulación do PXOM e sen visos de aprobación do novo seguramente en anos.

Do mesmo xeito, a Marea de Vigo insiste na necesidade da redacción do novo proxecto, posto que todas as consecuencias que se están vivindo desde a anulación, incluídos os “parches” que se foron levando a cabo, así como informes e mesmo a recente lei de acompañamento nos orzamentos da Xunta, poden supoñer, en lugar de solucións, moitos problemas legais no futuro dada a carencia de seguridade xurídica que manifestamente posúen.

MAREA DE VIGO CONSIDERA QUE O QUE VAI APROBAR O PLENO DO PARLAMENTO DE GALICIA PARA DAR SAÍDA A ALGÚNS ÁMBITOS CONTIDOS NOS PXOMS ANULADOS É “OUTRO REMENDO IMPROVISADO” QUE NON DESPEXA A INSEGURIDADE XURÍDICA.

vigo_1Rubén Pérez, voceiro do GM da Marea de Vigo, afirma que “os atallos no urbanismo son os que provocaron dúas anulacións do planeamento dende 1990 en Vigo polo que PP e PSOE deben parar xa de improvisar”

Para o voceiro do Grupo Municipal da Marea de Vigo, dende que se produciu a anulación do PXOM, hai xa máis dun ano, a paralización da reacción política tanto da Xunta de Galicia como do Concello de Vigo é patente, hai un medo a “responsabilidades económicas e mesmo xudiciais das dúas administracións” e soamente se está a buscar saídas en forma de parches como a lei para dar saída a proxectos urxentes, previa tentativa de modificar a nacente lei do solo unha vez concluído o trámite parlamentar.

Agora Concello e Xunta saen ao rescate de proxectos urbanísticos privados (quedan excluídas a maioría das casuísticas de persoas individuais atrapadas pola anulación), tendo que ser ámbitos completos urbanísticos polo que, asistimos a un intento de darlle saída a varios dos “apetecibles ámbitos” que os promotores urbanísticos colaron no anulado PXOM do 2008.

Marea de Vigo comparte o “voto negativo de En Marea” a esta improvisada tentativa de solución, mesmo denunciamos a fórmula ao ser unha medida contida dentro da lei de medidas urxentes e administrativas, a popularmente coñecida como “lei de acompañamento aos orzamentos da Xunta de Galicia”, que habilita a modificación de textos legais pola vía rápida e sen o trámite lexislativo preceptivo. De novo co acordo dos dous grupos parlamentarios do PP e o PSOE.

Mesmo o compromiso dos concellos que se apunten a esta norma (de ter rematado o seu PXOM antes de 3,5 anos) queda en papel mollado porque de non ser así preguntase Rubén Pérez “¿que pasa con ámbitos urbanísticos desenvoltos mediante esta norma?, ¿quedan de facto anulados?.”

Marea de Vigo pide non despistarse na prioridade de redacción do novo PXOM, un planeamento moderno, que sexa adaptado aos criterios da nova lei do solo en canto a reservas de solo, previsións de vivenda e argumentación lóxica do reparto de cargas urbanísticas en vez de buscar atallos para saltarse de novo os trámites ambientais e non abordar as modificacións substanciais que teñen que ser artelladas no planeamento.

O GM da Marea de Vigo insiste en que non pode sosterse nun novo PXOM o mesmo nivel de edificación, a proposta de crecemento da cidade e o número de vivendas que se precisan, algo que quedou demostrado no período de vixencia do PXOM do 2008 como “delirante e desproporcionado”, mesmo a cantidade de superficie rústica que cambia de clasificación e convertía nunha “barra libre edificatoria a cidade”.

O GRUPO MUNICIPAL DA MAREA DE VIGO PÍDELLE AO ALCALDE QUE “DEIXE DE ENREDAR CON LEIS PARCIAIS E INFORMES DELIRANTES” QUE POSTERGAN A ÚNICA VÍA SOLVENTE, QUE É REDACTAR UN NOVO PXOM.

vigo_1Rubén Pérez: “A principal actividade que Caballero e o Goberno Local está realizando para solucionar a situación da anulación do PXOM é a procrastinación”

O voceiro do Grupo Municipal da Marea de Vigo, Rubén Pérez, considera que a “non existencia de alternativa política na Xunta de Galicia tralo resultado electoral do 25S augura unha consolidación do modelo de urbanismo contido na nova lei do solo” e ademais, a aprobación o venres pasado no Consello da Xunta do Regulamento que acompaña á lei do solo imposibilitaría gran parte dos contidos urbanísticos do PXOM anulado que o Goberno Local pretende rescatar.

O Grupo Municipal da Marea de Vigo pide de novo concreción nos prazos de redacción do novo PXOM, que sexa adaptado aos criterios da nova lei do solo en canto a reservas de solo, previsións de vivenda e argumentación lóxica do reparto de cargas urbanísticas en vez de buscar “atallos” para saltarse de novo os trámites ambientais e non abordar as modificacións substanciais que teñen que artellarse no planeamento. Que conteña saídas reais e non especulativas á Panificadora, Barrio do Cura e que teña a actividade de rehabilitación e rexeneración dos cascos históricos, cuestión que, perfectamente pode servir como a base do concepto de planificación urbanística que Vigo precisa actualmente.

Tal e como xa se expuxo con anterioridade, é preciso repensar o modelo de cidade, porque é precisamente o modelo de cidade o que anulou de facto o PXOM ao pretender os sucesivos Gobernos Municipais “saltarse” o sometemento do plan a Avaliación Ambiental Estratéxica.

Nin pode sosterse nun novo PXOM ao mesmo nivel de edificación, algo que quedou demostrado no período de vixencia do PXOM como “delirante e desproporcionado”, mesmo a cantidade de superficie rústica que cambia de clasificación e convertía nunha “barra libre edificatoria a cidade”. 123.000 novas vivendas incluídas nas previsións do PXOM do 2008, 32 millóns de metros cadrados do rural vigués a urbanizar, a desaparición do 60% dos solos agrícolas de Vigo, “son auténticos disparates a luz dos datos económicos e demográficos da actualidade”.

Polo tanto, desde o Grupo Municipal da Marea de Vigo, ínstase ó alcalde e concelleira de urbanismo a que abandone a actitude actual respecto á redacción do Plan Xeral e nos expliquen a todas e todos que é o que realmente se está a facer na Xerencia de Urbanismo, e se en lugar da nova redacción que din están facendo, estanse adicando a buscar parches día tras día para evitar tal redacción. Por outra banda, dados os resultados electorais nas últimas eleccións autonómicas, este grupo municipal da por feito que, tanto para este tema do PXOM como para practicamente calquera cousa, Abel Caballero seguirá utilizando o discurso “a culpa é toda da Xunta” como o mantra o que ten acostumado.

O GRUPO MUNICIPAL DA MAREA DE VIGO PIDE QUE AS NOVAS PROPOSTAS PARA A PANIFICADORA CONCRETEN ALGO O FUTURO DO EDIFICIO E LEMBRA QUE SON “AS ENÉSIMAS PROPOSTAS SEN VONTADE REAL DE DARLLE SOLUCIÓN A ESTE ESPAZO”

panificadoraMarea de Vigo pide información “real e actualizada” sobre o estado legal do ámbito trala anulación do PXOM, o custe expropiatorio que tería adquirir os terreos e a antiga fábrica, un proxecto arquitectónico concreto e unha priorización de usos que prime o público e o asociativo.

Rubén Pérez, voceiro do Grupo Municipal da Marea de Vigo suliñou hoxe que “de novo aparecen ideas pretendidamente audaces de que facer co edificio. Dende vivendas e oficinas, a biblioteca pública ou centro socio-cultural; ideas saídas dos sucesivos gobernos municipais, pero que non concretan nada sobre expropiación e adquisición dos terreos, como se artellará a redacción do proxecto e o encaixe na legalidade urbanística vixente e especialmente cal deben ser as prioridades de uso, e polo tanto orientación construtiva, do inmoble e os terreos circundantes.”

Marea de Vigo sempre defendeu, e así figura no programa co que concurrimos ás eleccións municipais “a conservación e rehabilitación íntegra de todos os espazos, sen cambiar as súas características estruturais pero defendemos primar a reutilización como espazo público e aberto con titularidade pública, estando de forma continuada á disposición e servizo da cidadanía”. E polo tanto que Marea de Vigo fai súa a reivindicación do tecido asociativo e cultural de Vigo como espazo solidario e gratuíto onde realizar actividades, ter locais propios as asociacións de todo tipo e poñer ao servizo dos vigueses e viguesas un espazo gratuíto que evite os formatos privados e custosos da antiga obra social de Caixanova e o Auditorio Mar de Vigo por exemplo. Previamente, engade Rubén Pérez, teríase que declarar o complexo industrial como BIC (Ben de Interese Cultural) e incorporalo de xeito análogo ao conxunto histórico e artístico do Casco Vello.

Especialmente para a Marea de Vigo a Panificadora ten que conter un espazo que aporte alternativas ao auditorio Mar de Vigo, alternativas que teñen que ser gratuítas para o tecido social e cultural da cidade habida conta que os vigueses e viguesas tivemos que pagar o “sobreprezo” pola infraestrutura do auditorio Mar de Vigo: orixinariamente cun proxecto de de 85,7 millóns (proxecto orixinal aprobado polo Goberno local en outubro de 2006) e que tivo un orzamento final de 154,5 millóns de euros.

Polo tanto defendendo que Vigo precisa dun gran Centro Social e Cultural (unha vez dinamitadas as obras sociais das Caixas, que no seu día cubrían en parte as necesidades da cidadanía nese aspecto), apostamos por que este centro sexa o edificio da actual panificadora, xuntando a vella idea de CASA DA SOLIDARIEDADE (edificio colectivo con oficinas e espazos de usos múltiples para as ONG´s e asociacións de Vigo) a de Cultural e Social, tal e como existe noutras cidades, onde a veciñanza pode atopar un espazo de lecer, onde desenvolver actividades e mesmo onde organizarse entre ela.

MAREA DE VIGO CONSIDERA QUE O ALCALDE PRETENDE ADAPTAR A REDACCIÓN DO NOVO PXOM AS SÚAS “NECESIDADES” EN LUGAR DE ADAPTALO AS NECESIDADES DAS E DOS VIGUESAS/ES ENCARGANDO UN INFORME XURÍDICO A TODAS LUCES INTERESADO.

Concello_de_VigoO Grupo Municipal da Marea de Vigo cualifica de escandaloso que non se queira falar da nova redacción do PXOM na Xerencia de Urbanismo, e en cambio, dun xeito unilateral, se vaian a sentar as bases do novo plan baseándose nun informe que pretende cuestionar a decisión do Tribunal Supremo.

Da a impresión que, a toda costa, se pretenden manter proxectos como o de Liñeiriños ou o de Karpin para o Barrio do Cura; verdadeiros pelotazos urbanísticos que soamente benefician os seus promotores, completamente alleos a realidade da cidade e a súa veciñanza, feito que parece incomprensible se defenda dende un goberno municipal que se di “socialista” e que, cada vez con máis forza, fai preguntarse o porque da teima en manter tales proxectos.

Rubén Pérez, voceiro do Grupo Municipal da Marea de Vigo, afirma que “non hai encaixe posible a 113.000 vivendas nun horizonte a 25 anos de plan cos cambios que introduciu a Lei do Solo de Galicia, que fala de que a previsión de vivendas debe ser xustificada e cun horizonte de 16 anos.”

Para a Marea de Vigo, no novo plan teñen que existir modificacións substanciais en canto a edificabilidades e sustentabilidade, dimensión demográfica e social, cuestións que fan preciso “repensar o modelo de cidade” nun momento no que as previsións de crecemento do PXOM de 2008 están desfasadas. Non se poden volver a cometer os mesmos erros que levaron a centos de veciños e veciñas a presentar máis de 61.000 alegacións e que rematou cunha anulación do Plan por parte do Tribunal Supremo.

Cando a Marea de Vigo solicitaba a apertura do concurso público para a contratación dos redactores do novo PXOM e a concreción dos espazos de participación cidadá que se ían dotar para tal fin, en ningún momento pasóuselle polo pensamento que a solución por parte do Goberno Municipal era lanzar este informe feito por unha sola persoa, vinculada o partido do Goberno Municipal, onde da unha opinión a toda vista subxectiva sobre unha sentenza e que ademais o Goberno Municipal o ía utilizar como plataforma de lanzamento para a redacción do novo plan, como parece se pretende. O marxe do insulto ó Pleno do Concello e por tanto a toda a veciñanza viguesa o feito de utilizar un medio de comunicación como transmisor da información ós grupos da oposición. Feito que, por outra banda, non sorprende á Marea de Vigo nin un ápice, posto que estase a converter nunha costume facelo deste xeito.

Marea de Vigo pide xa que todos os vigueses e viguesas podamos opinar sobre en que Vigo queremos vivir, e que os representantes da cidadanía se poidan sentar a traballar co único obxectivo de elaborar un plan que responda as necesidades reais da cidade.

RUBÉN PÉREZ: “QUE NINGUNHA EMPRESA QUEIRA CONSTRUÍR A ESTACIÓN INTERMODAL AMOSA QUE OS ATALLOS PARA ELUDIR UN NOVO PXOM NON TEÑEN GARANTÍA XURÍDICA COMO DENUNCIABA MAREA DE VIGO”

estacionPERDEMOS XA CASE MEDIO ANO SEN QUE O CONCELLO “SE ARREMANGUE E SE POÑA A REDACTAR UN NOVO PXOM CON GARANTÍA XURÍDICA E SUSTENTABLE.

O Grupo Municipal da Marea de Vigo, considera que o encaixe de proxectos pola vía da Lei de Proxectos Urxentes non ten garantías xurídicas para proxectos que estaban contemplados nun PXOM anulado e ten que traballarse xa nun novo PXOM no que teñen que existir modificacións substanciais en canto a edificabilidades, sustentabilidade e que é preciso “repensar o modelo de cidade” nun momento no que as previsións de crecemento do PXOM de 2008 están desfasadas.

Todos estes antecedentes xustifican a posición que a Marea de Vigo mantivo dende xa o primeiro momento de coñecerse a sentencia anulatoria de que as bases do plan do 2008 non valen para a redacción do novo plan polo que hai que replanealo xa dende o principio (dimensión demográfica, social, de expansión ou contracción edificatoria…).

Para Rubén Pérez, “so un novo PXOM que poida ser susceptible de aprobación despois da Avaliación Ambiental Estratéxica garante seguridade xurídica”. Defendemos que hai que traballar dende xa no modelo de cidade que queremos para Vigo, lonxe dos parámetros do plan aprobado n 2008 pero con fondas raíces na cultura do “pelotazo” urbanístico que desenvolveuse neste país a partir da década dos 2000.”

Marea de Vigo defende traballar xa nun estudo económico financeiro, sociolóxico, de planeamento urbanístico e medioambiental rigoroso que preconfigure os traballos de redacción dun PXOM acorde a realidade da cidade de Vigo, ao seu crecemento normal, e especialmente sensible coa participación e opinión da cidadanía.

Para a Marea de Vigo os pasos substanciais a tomar para o novo PXOM pasan por:

  1. Concurso público ou asunción por parte da xerencia de urbanismo con recursos propios da contratación dos traballos para a redacción de un novo PXOM
  2. Proceso participativo previo para o diagnóstico socio-ambiental, económico e territorial do modelo de cidade que queremos e especialmente da Memoria Informativa do mesmo
  3. Participación aberta e horizontal cidadá nesta fase na que defenderemos emendar á totalidade o PXOM en canto a edificabilidades, eliminación de ámbitos perigosos como Liñeiriños, rolda, etc…
  4. Proceso transparente en todos os procesos de elaboración do PXOM
  5. Consello sectorial municipal de seguimento do PXOM
  6. Comisión municipal específica
%d bloggers like this: