MAREA DE VIGO DENUNCIA QUE EN VIGO NON HAI NIN UNHA VIVENDA PARA EMERXENCIAS POR DESAFIUZAMENTOS, NIN DA XUNTA NIN DO CONCELLO

O Grupo Municipal da Marea de Vigo denuncia que nin Xunta nin Concello teñen a data de hoxe unha soa vivenda na cidade para dar solución urxente ás familias desafiuzadas

Coñecidos os datos do Consello Xeral do Poder Xudicial que falan dun 14, 4% de aumento dos casos de desafiuzamentos en Galicia, a Marea de Vigo denuncia que non exista analogamente un reforzo da loita contra esta problemática con solucións habitacionais dende as administracións con competencias como o Concello de Vigo e a Xunta.

Marea de Vigo ten coñecemento dun novo caso de desafiuzamento en Vigo que pode ter lugar no día de mañá, desafiuzamento coñecido pola administración local ao ter recibido varias peticións de axuda, segundo as persoas afectadas.

Para a Marea de Vigo é urxente a adopción de medidas pro-activas en materia de vivenda por parte do Concello, xa que, por unha banda, a día de hoxe, tanto Concello como Xunta de Galicia recoñecen ás persoas afectadas que “non dispoñen de ningunha vivenda no término municipal de Vigo para estes casos”, e, pola outra, seguen sen aclararse os procesos de acceso ao rexistro de vivenda baleira da Xunta.

É inescusable a inacción do Goberno Municipal cara a veciñanza que se está vendo afectada, día tras día, en multitude de casos de desafiuzamento. Esta falla da responsabilidade natural que debería ter unha administración local como a máis próxima á cidadanía, está sendo paliada polo movemento asociativo, movementos sociais e veciñais que están acompañando ás persoas que se están vendo nestas situacións de emerxencia social e habitacional tan extremas.

Marea de Vigo considera tamén que o destino final dos recursos económicos obtidos das poxas polas 19 vivendas de Rosalía vendidas de xeito irresponsable polo Goberno Municipal, debe ser cara á dotación de máis patrimonio público destinado a que o Concello poida paliar a inexistencia de vivendas de emerxencia social para familias que son expulsadas dos seus fogares, especialmente aquelas onde existen menores e persoas dependentes.

Para substanciar isto, tal e como xa ten anunciado e presentado ante o Pleno a Marea de Vigo, é necesario a creación dun Parque Municipal de Vivenda, que, ademais de contar con vivendas de titularidade municipal, contaría con aquelas que puidesen ser cedidas a súa titularidade ou uso por entidades bancarias, SAREB ou outros organismos públicos mediante convenio.

MAREA DE VIGO LAMENTA QUE OS RECURSOS OBTIDOS POLA VENDA DOS PISOS DE REPÚBLICA ARXENTINA NON TEÑAN DESTINO DE CARÁCTER DE VIVENDA SOCIAL.

O Grupo Municipal da Marea de Vigo lamenta a venda das vivendas de República Arxentina sen ter destino final para os recursos recadados.  Agora mesmo soamente quedan 4 pisos en propiedade municipal.

Marea de Vigo considera que os máis de 3 millóns de euros recadados na venda deberían empregarse en adquirir máis vivenda de titularidade municipal, pero para destinala a emerxencia social.

Rubén Pérez, voceiro do Grupo Municipal, considera que “os valores catastrais e os prezos de saída das vivendas de Rosalía de Castro eran altas, polo que co recadado en cada vivenda poderían adquirirse varias repartidas polo conxunto da cidade para artellar un parque de vivenda municipal de emerxencia social, feito que reiteradas veces temos reclamado dende Marea de Vigo”. Do mesmo xeito, Rubén Pérez tamén entende que “os recursos obtidos de alleamentos públicos, deberían ter un uso exclusivamente para a construción de vivendas suxeitas a algún réxime de protección pública, tal e como figura no artigo 176.2.e da LOUGA e mesmo no expediente de alleamento do anterior lote de vivendas da rúa República Arxentina que dotou os recursos para as expropiacións do ámbito da cidade da Xustiza, situación definitivamente modificada ao situala finalmente no antigo Hospital Xeral.

Marea de Vigo no seu día rexeitou este alleamento público de vivendas e solares que o Goberno Local aprobou na Xerencia de Urbanismo, en concreto 15 vivendas na Rúa República Arxentina e varios solares de titularidade municipal. Marea de Vigo non entendía naquela altura que a escusa de obtención de recursos económicos pode ser un criterio para liquidar patrimonio público como figura na proposta de expediente, cando a situación económica da que alardea o Goberno Municipal do Concello de Vigo non o precisa.

Polo tanto, o Grupo Municipal da Marea de Vigo considera que o destino final dos recursos económicos obtidos nas poxas públicas polas 19 vivendas vendidas (orixinariamente para pagar as expropiacións ou demandas dos ex-propietarios dos terreos da frustrada cidade da xustiza) ten que ser inescusablemente dotar de máis patrimonio público e vivendas coas que o concello poida paliar a inexistencia de vivendas de emerxencia social para as familias que son expulsadas dos seus fogares, especialmente aquelas onde existen menores e persoas dependentes.

Este futuro parque contaría tamén coa totalidade das vivendas de titularidade municipal que figuran no inventario de patrimonio e aquelas que puidesen ser cedidas en titularidade ou uso por entidades bancarias, SAREB ou outros organismos públicos mediante convenio. “Sen expropiar o dereito de uso como fixo por exemplo na anterior lexislatura o goberno andaluz, o rexistro será un mero instrumento estatístico” apunta Rubén Pérez.

Marea de Vigo considera urxente adoptar unha medida proactiva en materia de vivenda por parte do Concello ante a evidencia de que o modelo de rexistro de vivendas baleiro proposto pola Xunta, quen ten competencias en materia de vivenda, é unha cortina de fume, xa que segue sen aclararse como as familias poderán acceder a unha de esas vivendas rexistradas. Hai máis de 2600 vivendas declaradas pola SAREB e entidades bancarias pero nin un solo regulamento nin modelo de acceso ás mesmas.

MAREA DE VIGO SOBRE POLÍTICA DE VIVENDA SOCIAL

O Grupo Municipal da Marea de Vigo pide ao Goberno Municipal e á Xunta seriedade e compromiso coa cidadanía en materia de vivenda social, onde se deben poñer as prioridades na vida das persoas e non culpar a unha ou outra institución segundo a cor política ou o interese electoral ou mediático do momento.

É prioritario proporcionar solucións habitacionais ás familias que se atopen nunha situación de desafiuzamento ou risco de exclusión social por perda da súa vivenda habitual e precisen de intervención pública inmediata.

Sendo un feito que a gran maioría dos lanzamentos que se producen na actualidade son de particulares por falla de pagamentos de aluguer e que cada vez as entidades bancarias, nun intento de escamotear as súas responsabilidades, evitan este tipo de accións (aínda que sigan existindo); cando se da un  proceso deste tipo e unha familia atópase nesta grave situación, o que non pode ocorrer é que a resposta  obtida  sexa unha pelexa entre administracións para ver quen ten ou non as competencias e capacidade para darlle algún tipo de solución.

O Grupo Municipal da Marea de Vigo volve alertar da inexistencia de políticas organizadas de vivenda para colectivos en risco de exclusión social, que, no caso do Concello de Vigo, este non a leva a cabo coa escusa de dicir que “as competencias de vivenda son autonómicas” mentres que outros concellos si o fan, en coherencia coa legalidade vixente, na que, segundo o artigo 25.2.e) da Lei 7/1985, de 2 de abril, Reguladora das Bases do Réxime Local,  os Municipios exercerán competencias na atención inmediata a persoas en situación ou risco de exclusión social, competencia obrigatoria de acordo co artigo 26.1.c) da devandita Lei. Semella que para o Goberno Municipal desta cidade, o ámbito competencial á hora de asumir un gasto, cambia segundo o interese ou rédito que este gasto poida aportar, o que resulta inaceptable para a Marea de Vigo.

Mais para o Grupo Municipal da Marea de Vigo, tan responsable é o Concello como a Xunta, que está levando a cabo una forte campaña cargada de demagoxia cando, a través dese “famoso” rexistro de vivendas baleiras -que aínda non se sabe da súa existencia real nin como se podería acceder a elas no caso de que o Concello queira  empregalas- , o único que din é que o concello de Vigo debe poñer unha serie de vivendas a disposición dun rexistro que posteriormente se convertería nun sistema que calquera persoa podería acceder a elas dependendo da súa situación, mais non existe constancia nin do rexistro nin das condicións reais sobre o funcionamento do mesmo. Polo tanto, desde a Marea de Vigo, pedimos tamén ás persoas responsables e ao Partido Popular, un pouco de seriedade á hora da “utilización” das necesidades das persoas como arma para ser lanzada cara ao Goberno Municipal.

A Marea de Vigo por tanto, insiste, de xeito positivo e con vontade de solución real, na proposta de creación dun parque de vivendas, tal e como xa fixo cando presentou unha moción ao respecto no pasado mes de maio do 2016, moción por certo rexeitada polos votos do Partido Socialista. Un parque de vivendas que contaría coa totalidade das vivendas de titularidade municipal que figuran no inventario de patrimonio e aquelas que puidesen ser cedidas a súa titularidade ou uso por entidades bancarias, SAREV ou outros organismos públicos mediante convenio.

Xa é a hora de poñerse a traballar para dar resposta inmediata por parte da institución mais próxima á veciñanza como é o Concello, sen deixar de dicir que a Xunta ten que facer promoción pública, e sen deixar de evidenciar a situación na que miles de familias atópanse froito dunha situación que, en absoluto é carente de responsabilidades políticas; mais isto non debe ser a escusa para non levar  a cabo accións que traten de paliar tal situación.

MAREA DE VIGO APOIA AS PERSOAS E COLECTIVOS QUE ESTÁN ACAMPADOS NA PRAZA DO REI VISUALIZANDO A REALIDADE SOBRE O QUE SUPÓN A POBREZA NO NOSO CONCELLO E PIDE AO GOBERNO MUNICIPAL QUE OS RECIBAN.

apobrezamataO Grupo Municipal, tal e como xa expuxo en varias ocasións, e tal e como tamén se está demandando dende a acampada, considera que parte da solución pasaría pola creación do parque de vivendas municipal de emerxencia en réxime de alugueiro social.

Partindo da base de atoparnos cun problema mais sistémico que puntual ou conxuntural, é prioritario que as institucións mais próximas á cidadanía se esforcen ao máximo para lograr paliar a situación na medida das súas posibilidades, creando as ferramentas necesarias para atallar os centos de casos que están xurdindo tódolos dias e, en xeral, poñer freo ás situacións nas que están multitude de familias, situacións de empobrecemento case extremo en moitos casos. Invisibilizado na maioría deles.

Compartido tamén polo Grupo Municipal da Marea de Vigo é a necesariedade da mellora da situación do albergue municipal, no que actualmente existe un límite moi escaso de estancia (10 días), obrigando ás persoas a buscarse o refuxio noutros lugares como albergues de transeúntes de institucións privadas que, ademais, están sendo abertamente desmantelados eliminando a función para a que foron fundados, por parte das institucións das que dependen, (Isto é, o centro de “Hermanos Misioneros de Teis”, desmantelándose pouco a pouco por parte do Arcebispado de Barcelona, feito que a propia Igrexa parece non importarlle), eliminando así, a opción que necesariamente tiñan as persoas sen teito que quedan fora do Albergue Municipal, ademais da propia rúa, onde gran cantidade delas e deles vense na obriga de pasar a noite.

A Marea de Vigo apoia por tanto, a todas as persoas que están levando a cabo a acampada na Praza do rei, e pide ao Goberno Municipal que os reciba e escoite, sobre todo porque e este Goberno Municipal, encabezado por Abel Caballero, o que afirma aos catro ventos que en Vigo non hai xente durmindo na rúa, e, por tanto, debería interesarlle.

O GRUPO MUNICIPAL DA MAREA DE VIGO CONSIDERA UNA MALA XESTIÓN E UN ENGANO Á CIDADANÍA A NON EXECUCIÓN DOS ORZAMENTOS QUE O MESMO GOBERNO APROBA LEVAR ADIANTE.

Concello_de_VigoMarga L. Barreiro, concelleira do Grupo Municipal da Marea de Vigo, despois da análise feita sobre a execución orzamentaria do 2016, destaca unha serie de datos sobre Acción Social que para a Marea de Vigo resultan esclarecedores á hora de cualificar o tipo de políticas que leva a cabo o Goberno Municipal do PSOE, cualificándoas de “moi similar ás políticas que o PP levaría a cabo se estivesen no goberno. PP e PSOE non se diferencian á hora de orzamentar, nin á hora de establecer prioridades.”

Dentro da análise, Marga L. Barreiro precisa que, “con respecto a Acción Social, sabendo os problemas económicos que está pasando parte da cidadanía deste concello, non se pode tolerar que quedasen sen gastar por exemplo, 29.461€ destinados a grupos desfavorecidos, 20.000€ en programas para minorías étnicas ou 26.193€ para plans locais de drogas. Tamén foron parar, non se sabe a onde, 5.000€ destinados ao programa Xantar na Casa, ou 11.793 € destinados a actividades para maiores.”

No caso de Igualdade, a concelleira considera que “non se pode permitir que queden 11.076€ non investidos pero si orzamentados na conmemoración do 8 de marzo, pero moito máis grave é que haxa un superávit de 17.580 € en estudos e traballos étnicos en igualdade ou 11.863 en programas de igualdade que queden no limbo. Debe ser que o Goberno do Señor Caballero considera que no concello de Vigo a igualdade xa está conseguida e para que investir máis diñeiro nese eido.”

Noutras áreas, sinala Marga L. Barreiro, “ é moi salientable é que quedasen sen executar 6.864 € en publicacións de Normalización Lingüística, ou 14.899€ no mantemento do conxunto etnográfico así como 32.576 no mantemento de xardíns históricos. E nada menos que un millón de € non foron executados cando estaban destinados a Parques Infantís biosaludables. A cultura e a educación non son tampouco prioritarias para o Señor Caballero. Non podemos deixar de lembrar o tan anunciado e aparcadoiro do Álvaro Cunqueiro, onde ía medio millón de €”

Xose Lois Jácome, concelleiro do Grupo Municipal da Marea de Vigo, que onte asistiu ao Consello de Cooperación Internacional Municipal, ente na que participan diversas ONGs así como Federación Veciñal, detalla que na propia xuntanza preguntouse polo destino dos cartos que o concello tiña orzamentados para Cooperación Internacional, 60.000€ (que van sumarse aos outros 60.000 que tampouco se executaron no 2015), polo que se lles contestou que foron parar ao superávit, o que é cualificado como “saco de falta de xestión deste Goberno Municipal” por parte mesma do concelleiro Xose Lois Jácome. Isto é o superávit, pouco a pouco van saíndo eses cartos que despois se venden como unha boa xestión.

Xose Lois pon varios exemplos, como os 40.000€ do plan de dinamización do arquivo Pacheco, 18.000 do plan de emprego xuvenil, pero destacando, por enriba de todos, os mais de 500.000 euros sen executar do plan de emprego.
Finalmente, Jácome afirma que “Neste concello boa xestión é non cumprir o que se promete no debate de orzamentos de decembro, onde se dan todos estes datos sobre o que se vai gastar, onde se di que somos a cidade mais social do mundo, pero despois non se executan”

Rubén Pérez, voceiro do Grupo Municipal da Marea de Vigo, afirma que “a execución orzamentaria do concello é o que nos da ás veciñas e veciños de Vigo moitos dos servizos públicos e onde se nos vai parte dos ingresos en impostos” e considera que “non é comprensible a reacción do Alcalde, coma se sufrira unha agresión por parte da oposición, cando se lle pregunta polo 70% das inversións que se deixaron de executar; como os mais de 24 millóns consignados no capítulo 6 de inversións reais onde apenas se executou o 30% (7 millóns de euros), deixando incluso sen executar os mais de 600.000€ para a conservación de vías e espazos públicos”

Para a Marea de Vigo, as humanizacións supoñen un fraude colectivo á cidade, cando, por unha parte, se orzamentan ano tras ano as mesmas humanizacións co ostentoso anuncio correspondente, onde se afirma que será nese preciso ano cando se van executar, para logo, segundo o momento e o lugar, se executen se é politicamente rendible ou pasan a engrosar o superávit para ser executadas o ano seguinte, ou o seguinte do seguinte, tal e como acontece con algunha que leva aparecendo incluso 3 anos seguidos.

Ademais, Rubén Pérez afirma que “estamos asombrados que sendo do PSOE, que presuntamente leva anos pelexando contra os criterios de estabilidade económica que figuran na Lei Montoro, o alcalde de Vigo siga os criterios económicos desta lei ao pé da letra, utilizando o superávit como elemento para ir distraendo partidas orzamentarias, algunhas delas de carácter social, para que acaben computando no superávit queden aí para os seguintes exercicios fiscais”

Para o Grupo Municipal da Marea de Vigo, o Concello de Vigo leva varios anos usando o superávit de xeito enganoso. Se ben é certo que se liquidou a débeda, isto é porque o feito de liquidar a débeda era condición “sine qua non” para poder utilizar o remanente do superávit nas actuacións que lle interesen ao Goberno Municipal, como é levar a cabo humanizacións, que xa teñen demostrado que non xeran emprego, á diferencia da obra pública como tal.

Esta semana, o Partido Socialista tivo a oportunidade de tombar parte da Lei Montoro, cando se abstivo no Congreso á proposta para derrogar varios dos artigos da propia lei e poder así ir construíndo unha alternativa para a xestión da economía local; demostrando así a súa

O Grupo Municipal da Marea de Vigo considera que Abel Caballero, e tal e como fixo nos pasados días, non vai contestar ao análise que fai o Grupo Municipal da Marea de Vigo sobre a execución orzamentaria, xa que, en lugar de baixar ao detalle da súa xestión como Goberno dun xeito claro e rigoroso, e podendo mostrar ademais un mínimo de respecto político, utilizará a estratexia da indiferenza se é que non ten ningún improperio que dirixir “ás mareas”, tal e como acostuma a facer.

MAREA DE VIGO REXISTRA UNHA MOCIÓN POLA DEFENSA DAS PENSIÓNS PÚBLICAS E APOIA AS MOBILIZACIÓNS QUE SE LEVARÁN A CABO NO DÍA DE MAÑÁ CONVOCADA POLO MOVEMENTO EN DEFENSA DAS PENSIÓNS.

marea de vigoO Grupo Municipal da Marea de Vigo ven de rexistrar hoxe unha moción na que se recollen as demandas das diferentes plataformas e organizacións que están, hoxe en día, levando a cabo unha loita activa pola defensa das pensións públicas.

Marga L. Barreiro, concelleira do Grupo Municipal da Marea de Vigo, explica que “O estado das pensións é unha cuestión que nos afecta a todas no pasado, presente e futuro, tanto no eido da vida privada como na pública e colectiva, xa que, por unha parte, son a base do sustento de moitas familias que teñen graves problemas económicos e de desemprego, e, a marxe das situacións persoais, afecta tamén a economía do pais e neste caso, da nosa cidade, posto que, ao verse minguado o nivel adquisitivo de gran parte da poboación, este feito afecta inevitablemente tanto ao comercio como ao consumo local”

No texto da moción, os acordos que se pide se tomen por parte do pleno do Concello baséanse na recuperación dos dereitos sobre as pensións perdidos a través das diferentes reformas que se levaron a cabo no Estado español, pedindo ademais a derrogación das mesmas; a do 2011, feita polo goberno do PSOE, que senta as bases para o seguinte recorte en dereitos, neste caso coa reforma do PP do 2013,  (igual dinámica que o acontecido coas últimas dúas reformas laborais) así como se pide que se cumpla a Carta Social Europea en canto á contía da Pensión Mínima, e, por suposto, que as Pensións Públicas vaian a cargo dos Presupostos Xerais do Estado.

A Marea de Vigo apoia a mobilización convocada pola plataforma MODEPEN que terá lugar mañá en Compostela, nas portas do Parlamento as 11:00 da mañá, así como todas as vindeiras mobilizacións que teñan por obxecto a defensa, tanto das Pensións Públicas como de calquera servizo público ou dos dereitos adquiridos polas traballadoras e traballadores, como ten feito ata o de agora e non puidendo ser doutro xeito.

%d bloggers like this: