MAREA DE VIGO ALERTA DO PECHE DE LOCAIS NO CASCO VELLO ALTO E PIDE AO CONSORCIO DO CASCO VELLO E O CONCELLO QUE ACTÚE

Marea de Vigo alerta do peche xeneralizado de locais e negocios no Casco Vello Alto e pide actuacións do Consorcio do Casco Vello e o Concello para evitar o fracaso da revitalización da zona.

Rubén Pérez: “A falla dunha actuación pro-activa do Concello e o Consorcio do Casco Vello forma parte das causas polas que esta semana xa teñen pechado varios locais da zona”.

Marea de Vigo considera que finalmente os alugueres excesivos, a falla de campañas de dinamización no comercio e mesmo o pouco dinamismo de visitas na Pinacoteca Municipal están rematando co proceso de rexeneración da zona emprendido fai algún tempo.

Xa fai anos que a asociación cultural do Casco Vello Alto identificaba a necesidade de programar actividades e dotar ao barrio de vida cultural que fose parella ao proceso de rehabilitación, mesmo a idea de facer do barrio alto un barrio das artes ou da mocidade creadora quedou nun baleiro fronte ao inmobilismo das administracións. A marcha dun coñecido fotógrafo que tiña unha tenda-galería no barrio é sen dúbida un feito que ten que activar xa ao Consorcio do Casco Vello, posto que estes locais estaban promovidos e ofertados por ese ente.

En canto ao recente anuncio por parte do Goberno Municipal sobre o acceso ao barrio, “unha entrada ao barrio alto presidido por un Castelo de San Sebastián en mal estado e cunha zona de aparcadoiro e contedores desordenada non é a mellor presentación turística do barrio, sendo necesaria a reordenación do acceso dende a rúa Pracer. Un plan de reordenación que conecte a Praza do Rei coa entrada superior ao barrio é absolutamente necesario.” argumenta Rubén Pérez, voceiro do Grupo Municipal da Marea de Vigo.

Advertisements

MAREA DE VIGO CUALIFICA COMO MOI GRAVE AS ADXUDICACIÓNS PÚBLICAS A EMPRESARIOS QUE NON CUMPREN COS DEREITOS LABORAIS

O Grupo Municipal da Marea de Vigo cualifica como moi grave a adxudicación de concesións públicas a empresarios que non cumpren cos dereitos máis básicos das e dos traballadoras/es

Marea de Vigo advirte á Mesa de Contratación que isto pode acontecer no caso da próxima adxudicación na explotación da cafetería e a instalación de máquinas expendedoras de bebidas e sólidos na Casa do Concello.

Nos pasados días, a empresa que figuraba como primeira na clasificación de ofertas para esta concesión, renunciou á mesma no momento da entrega da documentación solicitada pola Mesa de Contratación, dada a imposibilidade que tiña para entregar dita documentación a causa das débedas de natureza tributaria coas que contaba e a imposibilidade de obter aval bancario. Isto provocou que se lle solicitase á segunda clasificada a documentación pertinente.

O que acontece agora, e que ven de ser denunciado e mesmo comunicado formalmente pola Federación de Servizos da central sindical CIG aos Grupos Municipais e á mesma Mesa de Contratación, é que, a segunda clasificada nas ofertas ven sendo unha empresa co mesmo administrador único que a primeira empresa clasificada (segundo o Rexistro Mercantil).

Esta empresa mantén, a día de hoxe, á marxe das débedas que mantén coa Tesourería Municipal, miles de euros en débedas salariais con traballadoras e traballadores, que, tal e como todas e todos poderemos recordar, mobilizábanse día tras día nas portas da cafetería do Hospital Meixoeiro hai xa máis de 5 anos. Aínda é que, hoxe en día, atópase cun embargo no Xulgado do Social polo que ten que depositar cantidades de xeito mensual.

Para o Grupo Municipal da Marea de Vigo, o cumprimento das obrigas en materia laboral, debe ser unha das condicións “sine qua non” para o acceso a unha concesión pública, e é por isto polo que tamén advirte á Mesa de Contratación dos feitos arredor destas dúas empresas que de facto, veñen sendo responsabilidade da mesma persoa. Para a Marea de Vigo, polo tanto, non é aceptable que se lle permita ter contratos coa administración pública a empresarios que non cumpren cas/os traballadoras/es e, neste caso, despois dos feitos probados, non cabe a escusa do descoñecemento por parte da mesma administración.

MAREA DE VIGO LAMENTA QUE OS RECURSOS OBTIDOS POLA VENDA DOS PISOS DE REPÚBLICA ARXENTINA NON TEÑAN DESTINO DE CARÁCTER DE VIVENDA SOCIAL.

O Grupo Municipal da Marea de Vigo lamenta a venda das vivendas de República Arxentina sen ter destino final para os recursos recadados.  Agora mesmo soamente quedan 4 pisos en propiedade municipal.

Marea de Vigo considera que os máis de 3 millóns de euros recadados na venda deberían empregarse en adquirir máis vivenda de titularidade municipal, pero para destinala a emerxencia social.

Rubén Pérez, voceiro do Grupo Municipal, considera que “os valores catastrais e os prezos de saída das vivendas de Rosalía de Castro eran altas, polo que co recadado en cada vivenda poderían adquirirse varias repartidas polo conxunto da cidade para artellar un parque de vivenda municipal de emerxencia social, feito que reiteradas veces temos reclamado dende Marea de Vigo”. Do mesmo xeito, Rubén Pérez tamén entende que “os recursos obtidos de alleamentos públicos, deberían ter un uso exclusivamente para a construción de vivendas suxeitas a algún réxime de protección pública, tal e como figura no artigo 176.2.e da LOUGA e mesmo no expediente de alleamento do anterior lote de vivendas da rúa República Arxentina que dotou os recursos para as expropiacións do ámbito da cidade da Xustiza, situación definitivamente modificada ao situala finalmente no antigo Hospital Xeral.

Marea de Vigo no seu día rexeitou este alleamento público de vivendas e solares que o Goberno Local aprobou na Xerencia de Urbanismo, en concreto 15 vivendas na Rúa República Arxentina e varios solares de titularidade municipal. Marea de Vigo non entendía naquela altura que a escusa de obtención de recursos económicos pode ser un criterio para liquidar patrimonio público como figura na proposta de expediente, cando a situación económica da que alardea o Goberno Municipal do Concello de Vigo non o precisa.

Polo tanto, o Grupo Municipal da Marea de Vigo considera que o destino final dos recursos económicos obtidos nas poxas públicas polas 19 vivendas vendidas (orixinariamente para pagar as expropiacións ou demandas dos ex-propietarios dos terreos da frustrada cidade da xustiza) ten que ser inescusablemente dotar de máis patrimonio público e vivendas coas que o concello poida paliar a inexistencia de vivendas de emerxencia social para as familias que son expulsadas dos seus fogares, especialmente aquelas onde existen menores e persoas dependentes.

Este futuro parque contaría tamén coa totalidade das vivendas de titularidade municipal que figuran no inventario de patrimonio e aquelas que puidesen ser cedidas en titularidade ou uso por entidades bancarias, SAREB ou outros organismos públicos mediante convenio. “Sen expropiar o dereito de uso como fixo por exemplo na anterior lexislatura o goberno andaluz, o rexistro será un mero instrumento estatístico” apunta Rubén Pérez.

Marea de Vigo considera urxente adoptar unha medida proactiva en materia de vivenda por parte do Concello ante a evidencia de que o modelo de rexistro de vivendas baleiro proposto pola Xunta, quen ten competencias en materia de vivenda, é unha cortina de fume, xa que segue sen aclararse como as familias poderán acceder a unha de esas vivendas rexistradas. Hai máis de 2600 vivendas declaradas pola SAREB e entidades bancarias pero nin un solo regulamento nin modelo de acceso ás mesmas.

O GRUPO MUNICIPAL DA MAREA DE VIGO PIDE A PARALIZACIÓN DO CONCURSO PARA A CONTRATACIÓN DA PROMOCIÓN TURÍSTICA DE VIGO-RÍAS BAIXAS.

Marea de Vigo considera que o propósito da mesa de contratación de mañá non é outro que volver a sacar a concurso un proceso que quedou deserto en novembro do ano pasado mantendo os mesmos importes (732.000 euros) pero reducindo considerablemente o número de voos.

“Non existe nin a mínima aclaración técnica nos pregos do novo concurso que xustifiquen manter o importe do concurso con menos voos e menos frecuencias semanais” afirma Rubén Pérez, voceiro do Grupo Municipal, polo que pide “un novo concurso con garantías conforme non esteamos subvencionando sen control a compañías aéreas que logo non consolidan destinos en Peinador.”

Nos novos pregos pódense atopar cambios considerables sobre o número de semanas do ano con voos operativos dentro do contrato ou mesmo modificacións nos criterios de avaliación.

A frecuencia dos voos son os mesmos nos pregos do 2016 e os do 2017, e dicir, 2 voos semanais. Mais se as semanas nas que eses voos teñen que estar operativos diminúen, o resultado é moi diferente.
Por exemplo, e á vista dos pregos técnicos, pódense sacar os seguintes datos:

Vigo-Valencia-Vigo: de 24 semanas nos pregos do 2016, pásase, nos novos pregos, a 15 semanas no primeiro ano e 20 semanas nos seguintes.Vigo-Ibiza- Vigo e Vigo-Palma de Mallorca-Vigo: pásase dun período de 16 semanas ao ano nos pregos do 2016 á un período de 6 semanas nos novos pregos en ambos casos.

Do mesmo xeito modifícanse substancialmente os criterios de avaliación do número de prazas ofertadas, por exemplo para o caso dos voos á Valencia: pasando de asignar o máximo de puntos no concurso (20) por ofertar máis de 10.000 prazas en 2016 a asignar 30 puntos no concurso de 2017 por simplemente ofertar máis de 3501 prazas.

Estes datos, polo tanto, non xustifican o mantemento do importe total do contrato por moito que se poida incrementar a inversión en cuestións como folletos publicitarios, publicidade en repousacabezas ou outras medidas de promoción turística.

“Hai algo de desesperación no xeito e presa por adxudicar este contrato sen modificar os importes e servizos incluídos” sinala Rubén Pérez, o que, para o Grupo Municipal da Marea de Vigo constitúe un motivo máis que suficiente como para que se paralice de xeito inmediato este proceso de contratación.

MAREA DE VIGO INSISTE NO CONTROL DAS CONCESIONARIAS Á VISTA DOS ACONTECEMENTOS CON XARDÍNS E RSU.

Marea de Vigo considera que non se pode dilatar mais no tempo o control das concesións públicas, facendo fincapé naqueles servizos onde xa hai problemas, como o de zonas verdes e o de rsu, prorrogado unilateralmente un ano ao non ter sacado os pregos.

O Concello de Vigo está gastándose 1000 euros ao día pagando á concesionaria de Conservación e Mantemento de Zonas Verdes nun servizo que non se está levando a cabo.

Para o Grupo Municipal da Marea de Vigo, a desfeita que se está facendo na xestión da contratación pública no Concello de Vigo está chegando a límites de dubidosa legalidade, cando se están pagando aproximadamente 1000 euros ao día dende o día 1 de abril á empresa concesionaria de Parques e Xardíns para que teñan as piscinas de Samil en condicións de saúde e seguridade óptimas para a súa apertura e uso.
Para tal efecto, a empresa tiña que ter contratado xa ao persoal que fai as labores de socorrismo, así como ter levado a cabo a limpeza e saneamento correspondente nas piscinas, e ter pasado estas polos controles de sanidade correspondentes. Isto non sucedeu, e as consecuencias son, ademais da gravidade da dilapidación de cartos públicos, unha grande irresponsabilidade á hora de xestionar os espazos públicos de lecer, non só para a veciñanza de Vigo, senón para todas as persoas que se prevé van visitar a nosa cidade nos próximos días (os datos de ocupación son de mais do 75 %).
Rubén Pérez, voceiro do Grupo Municipal da Marea de Vigo, engade que “a cuestión do turismo pasa pola consolidación das visitas, feito que require o óptimo funcionamento dos servizos”.

O Grupo Municipal da Marea de Vigo vai solicitar outra vez de xeito formal e vía rexistro a convocatoria da Comisión de Vixilancia da Contratación Pública, xa non é só unha cuestión de convocar con normalidade os órganos de control que existen no Regulamento do Pleno de Vigo, senón pola situación de emerxencia que existe con gran parte das concesións públicas (moitas delas levan gran parte do orzamento do Concello de Vigo), onde un alcalde pode decidir unilateralmente e mesmo no límite do tempo ampliar un ano unha concesión pública na que se van comprometer mais de 25 millóns de euros, como o que acaba de acontecer cos contratos ligados a RSU, o que ven supoñer outra proba mais da necesidade de control sobre as contratacións públicas, e, segundo Rubén Pérez, voceiro do Grupo Municipal da Marea de Vigo “ non soamente sobre as empresas, senón, e en base ao evidente e demostrado, sobre as xestións feitas por parte das persoas responsables neste eido, tanto responsables políticos como responsables técnicos”.

MAREA DE VIGO ANTE A SITUACIÓN DA CONCESIÓN DE MANTEMENTO E CONSERVACIÓN DE ZONAS VERDES

O Grupo Municipal da Marea de Vigo pide que se leve a cabo un estudo xurídico sobre a posibilidade de remunicipalización do Servizo de Conservación e Mantemento de Zonas Verdes.

A Marea de Vigo pide responsabilidades políticas con respecto ao “desastre” que está acontecendo coa contratación do servizo de Conservación e Mantemento de Zonas Verdes, pola que ademais este Concello podería chegar a enfrontarse a pagos de miles de euros por lucro cesante froito das reclamacións empresariais unha vez resolta definitivamente a concesión.

Para o Grupo Municipal da Marea de Vigo é evidente a falla de vontade con respecto ao control das contratas públicas neste concello, non só por non convocar os órganos que poderían exercer certo control, como a Comisión de Vixilancia da Contratación, -tal e como demandou a Marea de Vigo en reiteradas ocasións- senón pola desastrosa xestión que se está facendo sobre o contrato de Mantemento e conservación de zonas verdes, pola que levan pasado xa 3 empresas (2 son a mesma pero de xeito alterno) no que va de concesión.

Esta situación, segundo Rubén Pérez, voceiro do Grupo Municipal, “mais alá da percepción cidadá en canto ao mal estado dos xardíns e das flores da cidade, ten repercusión especial no cadro de persoal, que, froito da inestabilidade existente, están a sofrer as consecuencias dos incumprimentos dos pregos por parte das empresas que van pasando polo contrato, tal e como ten denunciado a representación do comité. Non se están cubrindo as baixas nin as vacacións, e moito menos os prazos como por exemplo sobre a apertura das piscinas de Samil, para o cal deberían ter contratado xa ao persoal necesario, feito que non sucedeu aínda.”

Por este motivo, a Marea de Vigo tamén pide que se apliquen as sancións correspondentes ás concesionarias que incumpran os pregos, ó marxe das detraccións nas facturas, que é o único que fixo este goberno municipal con respecto ao contrato de Conservación e Mantemento das Zonas Verdes. A situación na que se atopa legalmente a concesión non é óbice para non cumprir os pregos.

Por tanto, o Grupo Municipal da Marea de Vigo insiste na necesidade do estudo sobre a remunicipalización do servizo, tal e como fixeron cidades como Zaragoza, concretamente no mesmo servizo do que estamos falando, o que sería unha garantía de estabilidade laboral para o cadro de persoal, mellora do servizo e aforro nos custos.

MAREA DE VIGO DENUNCIA O NULO INTERESE DO GOBERNO MUNICIPAL EN DOTAR A VIGO DE FERRAMENTAS PARTICIPATIVAS

Marea de Vigo pregunta por que o Goberno local de Vigo ignorou a cesión gratuíta da ferramenta “decide” de participación cidadá que París acaba de implantar ao igual que outras cidades do Estado Español.

O Goberno Municipal, a través do seu concelleiro de Participación Cidadá, Ángel Rivas, fixo caso omiso das varias ofertas da Área de Participación do Concello de Madrid, autora da aplicación, nas que se ofrecía gratuitamente esta ferramenta que están usando cidades como Madrid ou agora París e que permite aos veciños e veciñas participar de xeito directo na xestión municipal.

“Si que temos que comparar Vigo ás grandes capitais europeas como Paris, pero fixándonos tamén en cuestións importantes como a transparencia e a democracia participativa, non soamente para xustificar unha obra pública como o futuro túnel da Porta do Sol.” afirma Rubén Pérez, voceiro do Grupo Municipal da Marea de Vigo.

No pasado mes de decembro, este Grupo Municipal remitíalle ao Concelleiro de Participación Cidadá unha petición á demanda do departamento de Participación do Concello de Madrid. Esta petición, que nunca foi respondida, consistía en facilitar a comunicación entre as Áreas de Participación dos dous concellos, posto que as varias cartas enviadas desde Madrid xamais foron contestadas dende Vigo.

O contido das cartas non era outro que ofrecer a Vigo a posibilidade de beneficiarse, de xeito gratuíto, das mesmas ferramentas web de transparencia e participación que se están utilizando xa en 35 cidades ( http://www.decide.es/es) e que permitirían á veciñanza de Vigo ser partícipes de moitas decisións que se toman neste concello.

A Marea de Vigo non entende como esta ferramenta non pode interesar ao Goberno vigués, a non ser que non interese colocar a Vigo á altura das grandes cidades europeas e do Estado en canto a transparencia e democracia. Este feito, segundo Rúbén Pérez, “forma parte do desmantelamento da política de participación cidadá neste concello, onde temos un regulamento que non sirve para dar solución ás demandas cidadás. É unha oportunidade de ouro, posto que só é necesaria a adaptación do software, que podería facerse perfectamente por parte do departamento de Informática, como teñen feito en todas as cidades onde a ferramenta foi implantada”.

O Grupo Municipal da Marea de Vigo, despois de poñerse en contacto coa xente que realizou o ofrecemento ao noso concello, afirma que a oferta sigue en pé, e Vigo, se é vontade do seu goberno municipal, aínda pode sumarse á práctica da participación cidadá.

%d bloggers like this: