MAREA DE VIGO DENUNCIA O NULO INTERESE DO GOBERNO MUNICIPAL EN DOTAR A VIGO DE FERRAMENTAS PARTICIPATIVAS

Marea de Vigo pregunta por que o Goberno local de Vigo ignorou a cesión gratuíta da ferramenta “decide” de participación cidadá que París acaba de implantar ao igual que outras cidades do Estado Español.

O Goberno Municipal, a través do seu concelleiro de Participación Cidadá, Ángel Rivas, fixo caso omiso das varias ofertas da Área de Participación do Concello de Madrid, autora da aplicación, nas que se ofrecía gratuitamente esta ferramenta que están usando cidades como Madrid ou agora París e que permite aos veciños e veciñas participar de xeito directo na xestión municipal.

“Si que temos que comparar Vigo ás grandes capitais europeas como Paris, pero fixándonos tamén en cuestións importantes como a transparencia e a democracia participativa, non soamente para xustificar unha obra pública como o futuro túnel da Porta do Sol.” afirma Rubén Pérez, voceiro do Grupo Municipal da Marea de Vigo.

No pasado mes de decembro, este Grupo Municipal remitíalle ao Concelleiro de Participación Cidadá unha petición á demanda do departamento de Participación do Concello de Madrid. Esta petición, que nunca foi respondida, consistía en facilitar a comunicación entre as Áreas de Participación dos dous concellos, posto que as varias cartas enviadas desde Madrid xamais foron contestadas dende Vigo.

O contido das cartas non era outro que ofrecer a Vigo a posibilidade de beneficiarse, de xeito gratuíto, das mesmas ferramentas web de transparencia e participación que se están utilizando xa en 35 cidades ( http://www.decide.es/es) e que permitirían á veciñanza de Vigo ser partícipes de moitas decisións que se toman neste concello.

A Marea de Vigo non entende como esta ferramenta non pode interesar ao Goberno vigués, a non ser que non interese colocar a Vigo á altura das grandes cidades europeas e do Estado en canto a transparencia e democracia. Este feito, segundo Rúbén Pérez, “forma parte do desmantelamento da política de participación cidadá neste concello, onde temos un regulamento que non sirve para dar solución ás demandas cidadás. É unha oportunidade de ouro, posto que só é necesaria a adaptación do software, que podería facerse perfectamente por parte do departamento de Informática, como teñen feito en todas as cidades onde a ferramenta foi implantada”.

O Grupo Municipal da Marea de Vigo, despois de poñerse en contacto coa xente que realizou o ofrecemento ao noso concello, afirma que a oferta sigue en pé, e Vigo, se é vontade do seu goberno municipal, aínda pode sumarse á práctica da participación cidadá.

Advertisements

MAREA DE VIGO DENUNCIA A IMPROVISACIÓN INTERESADA NAS POLÍTICAS DE PERSOAL NA ÁREA DE PARTICIPACIÓN CIDADÁ NO CONCELLO DE VIGO

O Grupo Municipal considera que o que está a acontecer coa xefatura de Atención e Participación Cidadá non escapa das dinámicas coas que actúa este Goberno Municipal, neste caso en canto á xestión de persoal, e polas que está inmerso en varias causas xudiciais.

O Grupo Municipal da Marea de Vigo considera que é inconcibible que a xefatura dun servizo como o de Participación cidadá non estea perfectamente cuberto de xeito definitivo e segundo a lei (a través de convocatoria pública que garanta a igualdade de oportunidades), ocasionando así situacións como a que se está dando actualmente co posto en cuestión, onde recae nunha soa persoa, a través de encomendas de funcións que deberían ser de xeito temporal, a asunción das responsabilidades da xefatura do servizo.

Rubén Pérez, voceiro do Grupo Municipal da Marea de Vigo, considera que “sobre o funcionamento para poder “xogar” coas primas polas encomendas en canto á execución orzamentaria, é sinxelo: as primas consígnanse a unha partida orzamentaria que, no ano 2016 (ultimo liquidado), dun orzamento inicial de medio millón, pasou a un orzamento de 1.727.000, amosando por tanto o uso arbitrario destes recursos económicos, procedentes na súa maioría do crédito orzamentario das oposicións non executadas, empregándose por tanto os cartos neste sistema de “premios” a determinados funcionarios.”

O bo funcionamento da Área de Participación Cidadá debería ser prioritario nunha cidade como Vigo, onde existe un amplo tecido asociativo que presenta centos de proxectos cada ano, de feito, e froito da situación actual, se poderían dilucidar os motivos polos que semella que existen criterios arbitrarios á hora de outorgar subvencións públicas ás asociacións.

Do mesmo xeito, moitas tarefas que se poderían levar a cabo desde a Área de Participación Cidadá, como todas aquelas que teñen que ver coa apertura do Concello á cidadanía, non se están facendo. Accións que, ao amparo da lei 39/2015, moitos concellos do estado están implantando e Vigo parece negarse ou ignorar, tal e como demostra a non resposta, en varias ocasións, aos ofrecementos que recibiu o Concelleiro de Participación Cidadá para adaptar ferramentas de Participación Cidadá que están utilizando cidades como Madrid, Barcelona ou mesmo A Coruña, e das que o Grupo Municipal da Marea de Vigo ten constancia e así llo transmitiu ao concelleiro responsable da Área no seu día.

O GRUPO MUNICIPAL DA MAREA DE VIGO VAI PROPOÑER QUE PARA OS ORZAMENTOS DO 2017 O CONCELLO DE VIGO TAMÉN LEVE A CABO FERRAMENTAS DE ORZAMENTOS PARTICIPATIVOS O IGUAL QUE OUTROS GRANDES CONCELLOS QUE QUEREN INNOVAR EN POLÍTICA ORZAMENTARIA.

Concello_de_VigoVistas as liñas xerais xa presentadas para o orzamento municipal do 2017, continuístas en cuestións de inversión e gasto, e mais aló das limitacións da lei Montoro e medidas como o teito de gasto, orientadas a priorizar o pago da débeda e supoñendo así a imposibilidade de empregar os orzamentos do 2017 como un instrumento para consolidar gastos sociais, a Marea de Vigo propón innovar con ferramentas participativas.

Marea de Vigo considera que un Concello como Vigo ten que seguir a estela doutros concellos que, con independencia da cor política, están xa traballando en orzamentos participativos. Non é a primeira vez que o Grupo Municipal da Marea de Vigo fai propostas sobre tomar este tipo de medidas en materia orzamentaria, normalmente contestadas con afirmacións tales como que “os orzamentos están consensuados co tecido asociativo porque nos reunimos cos presidentes e lles contamos o que imos facer”, feito que dista moito de parecerse á participación real, mais aínda no caso de Vigo, onde as relacións coas asociacións funcionan ó arbítreo do goberno municipal e do momento.

Segundo Rubén Pérez, voceiro do grupo municipal, “Hai ferramentas para poñer a andar e facer partícipes do gasto público a veciñanza, de xeito que calquera veciño ou veciña, estea ou non nunha asociación ou organizado no seu barrio, poida participar” . A proposta seguiría un proceso, que comeza coa aprobación en Pleno dun regulamento, e posteriormente a aprobación dunha metodoloxía, onde, por exemplo, se realicen as asembleas explicativas e de recollida, onde a veciñanza poida propoñer onde considera se deba inverter no seu barrio, e mesmo se active un proceso de votación electrónica ou en urna, onde as propostas máis valoradas sexan as que se teñan en conta. Para isto, Marea de Vigo proporá que se use a rede de centros cívicos, tal e como están usando outros concellos.

Na proposta do Grupo Municipal, estas ferramentas obviamente estarían circunscritas no capitulo das inversións, posto que uns orzamentos participativos non poden decidir cuestións laborais nin compromisos que existen cos contratos públicos, pero si que o poden no capítulo de inversións, vista a arbitrariedade que hai nas propostas que se están facendo actualmente por exemplo nas humanizacións e no formato de obra publica de elevado custe que se esta seguindo hoxe en día no Concello de Vigo. A proposta vai ser de 2 millóns de euros, cantidade perfectamente asumible polo Concello, e irían circunscritas en actuacións concretas como a redefinición das humanizacións, que os veciños poidan decidir sobre parques públicos, parques infantís, xardíns, palcos, melloras nos mercados,… sendo esta unha maneira de ir introducindo unha cultura de decisión veciñal, e que calquera veciño ou veciña que queira participar no proceso e converter os orzamentos da cidade nun orzamento colectivo poida ter o seu espazo; deste xeito as inversións non quedarían ao arbítreo unipersoal dun concelleiro ou concelleira, senón ao criterio colectivo da cidadanía, que en moitas ocasións se queixa precisamente desa arbitrariedade nas inversións.

Deberíase estar xa falando de se hai vontade política de introducir os orzamentos participativos como experiencia piloto na nosa cidade, e o Concello de Vigo non pode estar illado cando no resto de Europa están instaurados dende hai moitos anos. Cidades como París e New York, as que recorre o alcalde en moitas ocasións para comparalas con Vigo, xa están utilizando estes métodos.

RUBÉN PÉREZ (ESQUERDA UNIDA): O DESALOXO DO CENTRO CÍVICO DE TEIS AMOSA QUE ADEMÁIS DE COINCIDIR EN MODELO ECONÓMICO CO PP NOS ORZAMENTOS, ABEL CABALLERO TAMÉN COMPARTE A PULSIÓN REPRESORA DA DEREITA

centro_civico_teisO coordenador local de EU en Vigo, Rubén Pérez, considera que o desaloxo do CENTRO CÍVICO o que agocha realmente é o intento do alcalde de “clientelizar” o tecido asociativo veciñal e vender a xestión dos espacios públicos a empresas amigas como CLECE, SAMYL e outras parásitas do público.

EU pide a dimisión do concelleiro de participación cidadá por “incapacidade evidente” de entender o propio concepto que nomea a súa concellería “participación” e “cidadá”.

EU considera absolutamente denunciable que despois de anos de xestión por parte do movemento veciñal dun espazo público e da consolidación de partidas orzamentarias para iso, agora apareza a presión do goberno municipal para xestionar de outro xeito esta infraestructura..

 Esquerda Unida apoia as mobilizacións organizadas polos veciños de Teis para recuperar a xestión directa desta infraestructura pública e pide a rectificación do goberno municipal.

%d bloggers like this: