MAREA DE VIGO SOBRE A DISPOSICIÓN CONTIDA NOS ORZAMENTOS DO ESTADO QUE IMPIDE A REMUNICIPALIZACIÓN DE SERVIZOS PÚBLICOS

Marea de Vigo considera que a disposición adicional 27 do proxecto de orzamento do Estado supón hipotecar o futuro de cidades como Vigo, impedindo de facto a remunicipalización de servizos públicos.

“A FEMP e o seu presidente, Abel Caballero deberían comezar un calendario de mobilizacións ante o triunfo dos intereses privados sobre o público” afirma Rubén Pérez, voceiro do Grupo Municipal da Marea de Vigo

Ademais de supoñer un 32% menos en inversións para Galicia, estes Orzamentos Xerais do Estado de 2017 conteñen un “dardo envelenado” para o municipalismo ao conter unha medida absolutamente lesiva para aqueles concellos que decidan remunicipalizar servizos públicos en mans de empresas privadas.

Esta medida, en forma de disposición adicional, segundo Rubén Pérez, “chega curiosamente nun contexto no que cada días máis entidades locais dan inicio á recuperación de concesións, especialmente as relacionadas co subministro de auga, ORA, limpeza viaria, parques e xardíns, etc…É curioso como despois de non poder impedir pola vía da impugnación dos procesos administrativos iniciados en cidades como Zaragoza, Santiago de Compostela, Valladolid, etc… o Ministerio de Facenda e o goberno do PP atacan con esta fórmula de impedir consolidar os cadros de persoal das empresas concesionarias se son remunicipalizadas. Esta disposición adicional 27 é a resposta dun goberno neoliberal ás necesidades dos intereses económicos do neoliberalismo”

Esta disposición, breve pero clara, pon evidentes limitacións a incorporar persoal laboral ao sector público xa que, coa entrada en vigor da lei de orzamentos e curiosamente coa vixencia indefinida da mesma disposición, evita que noutros orzamentos poida emendarse e as administracións públicas non poderían considerar como empregados públicos nin incorporar como tales aos traballadores e traballadoras das contratas públicas se o concello en cuestión decide remunicipalizar o servizo despois dun rescate ou a fin da concesión. Mesmo trata de eliminar o dereito de subrogación contido nos convenios ou pregos se o servizo é xestionado dende o público.

Marea de Vigo considera que o alcalde de Vigo debería dar un “golpe de autoridade na FEMP” para parar esta nova agresión aos concellos do Estado e que Vigo se sume á campaña de denuncia que concellos como Madrid, Barcelona, Valencia, Zaragoza, A Coruña e Terrassa presentaron xa no Congreso dos Deputados. Mais para iso, debería comezar pola súa propia casa, posto que as políticas que se levan a cabo no Concello de Vigo con respecto á contratación pública están diametralmente en contra do concepto da remunicipalización, incluso en contra do concepto de “control do público”, xa que, nin as ferramentas que existen para tal fin, puxéronse a funcionar nos últimos anos.

MAREA DE VIGO PIDE AO CONCELLO QUE INVISTA NA CONSTRUCIÓN DE ESCOLAS INFANTÍS DADA A ALTA DEMANDA QUE EXISTE NA NOSA CIDADE, NA QUE SÓ EXISTEN 5 ESCOLAS INFANTÍS PÚBLICAS NA ACTUALIDADE.

A lei Montoro impide ao Concello de Vigo utilizar o superávit para a construción de escolas infantís mais a consignación de recursos no capítulo de investimentos permitiría que se puidesen facer.

A escasa existencia de escolas infantís públicas está obrigando á creación de bonos para as familias co obxectivo de que poidan acceder ás escolas infantís privadas ou concertadas.

Para o Grupo Municipal da Marea de Vigo, unha das medidas que se poderían tomar desde o ámbito do Concello, entendendo que non se pode usar o superávit para elo, é comezar a consignar recursos económicos no capítulo de investimentos para os orzamentos do 2018, no lugar das humanizacións, que si que poden ser financiadas a través do superávit. Por exemplo, o millón de euros que se consignou para a grada de Balaídos (que podería ter saído do superávit) podería terse consignado para a construción de escolas infantís. Marga L. Barreiro, concelleira do Grupo Municipal da Marea de Vigo, incide “Non é comprensible que nos 55 millóns de euros que, segundo o alcalde existen para os investimentos que están en marcha neste 2017, non haxa espazo para a construción de escolas infantís”.

Asociacións como FOANPAS xa teñen feito estudos sobre as necesidades de Vigo en canto a escolas infantís e zonificación, e, entre as conclusións que teñen sacado, os lugares onde hai máis demanda son Bouzas, Navia- Coia, Lavadores-Calvario, Valadares ou mesmo o centro, alén do Casco Vello, onde non existe ningunha opción de escola infantil pública. Desde a Marea de Vigo insístese en que, máis aló das responsabilidades que ten a Xunta por cuestións competenciais en materia de educación, “o Concello ten a capacidade e posibilidade de paliar algunhas das carencias que existen en materia de equipamento educativo e así debería actuar”, explica Marga L. Barreiro.

MAREA DE VIGO SOBRE A SITUACIÓN DOS MUSEOS DA CIDADE E A PARTIDA ORZAMENTARIA DO ESTADO PARA O MARCO

O Grupo Municipal da Marea de Vigo considera esencial dotar de máis recursos e atención a rede de museos públicos da cidade para facer máis atractiva a súa oferta cultural.

Presentará, a través de En Marea, emendas aos Orzamentos do Estado para aumentar a partida económica destinada ao Museo de Arte Contemporáneo.

A Marea de Vigo trasladará ao Congreso dos Deputados as eivas existentes no Museo de Arte Contemporáneo, presentando, a través do Grupo Parlamentario de En Marea, unha emenda aos Orzamentos do Estado que contemple unha partida orzamentaria para ampliar a partida económica do MARCO. Marea de Vigo vén tempo denunciando os problemas que neste eido presenta a principal institución museística da cidade olívica (con preto de 90.000 visitantes ao ano e moi lonxe do seguinte espazo museístico, que recibe arredor das 25.000 visitas), xa que as partidas orzamentarias destinadas para o MARCO son insuficientes para ofertar unha ampla programación cultural. “É preciso asegurar unha programación completa, e para iso debemos aumentar as achegas económicas do Estado xa que o orzamento anual do seu Padroado (Concello de Vigo, Xunta de Galicia e Ministerio de Cultura), son escasos e non cobren, ás veces, todos os gastos do museo de xeito óptimo”.

O MARCO é, xunto ao Museo do Mar, o único espazo museístico de carácter público na nosa cidade (ademais dos das fundacións) que non está xestionado directamente polo Concello, que no caso de Vigo é o mesmo que estar concesionado. A situación da rede de museos que dependen do Concello é similar a calquera outro servizo xestionado por unha concesionaria (responsabilidade por tanto do Goberno que é quen en definitiva aproba os pregos de condicións para os servizos). Isto tradúcese en mínima atención e investimento e, por suposto, custe mínimo para pagar ao persoal, que ten que cubrir practicamente tódalas funcións que se levan a cabo nos museos, incluídas as tarefas de administración e coordinación, estando case na súa totalidade cubertas por persoal cunha categoría profesional pola que se percibe un salario non superior ao Salario Mínimo Interprofesional. Ademais, e como xa aconteceu co Verbum, estes espazos sufriron na súa gran maioría fortes reducións en investimento nos últimos anos, o que leva a un peor servizo que despois se traduce nos pésimos datos sobre as visitas.

Isto non é un feito illado en canto a atención que se lle da á cultura na nosa cidade, son moitas as asociacións culturais de música, teatro, danza, cine, etc… que nos últimos tempos teñen amosado o seu asombro porque Vigo estea fóra dos circuítos culturais do país e mesmo semelle non ser unha prioridade para este Goberno Municipal.

O GRUPO MUNICIPAL DA MAREA DE VIGO CONSIDERA UNA MALA XESTIÓN E UN ENGANO Á CIDADANÍA A NON EXECUCIÓN DOS ORZAMENTOS QUE O MESMO GOBERNO APROBA LEVAR ADIANTE.

Concello_de_VigoMarga L. Barreiro, concelleira do Grupo Municipal da Marea de Vigo, despois da análise feita sobre a execución orzamentaria do 2016, destaca unha serie de datos sobre Acción Social que para a Marea de Vigo resultan esclarecedores á hora de cualificar o tipo de políticas que leva a cabo o Goberno Municipal do PSOE, cualificándoas de “moi similar ás políticas que o PP levaría a cabo se estivesen no goberno. PP e PSOE non se diferencian á hora de orzamentar, nin á hora de establecer prioridades.”

Dentro da análise, Marga L. Barreiro precisa que, “con respecto a Acción Social, sabendo os problemas económicos que está pasando parte da cidadanía deste concello, non se pode tolerar que quedasen sen gastar por exemplo, 29.461€ destinados a grupos desfavorecidos, 20.000€ en programas para minorías étnicas ou 26.193€ para plans locais de drogas. Tamén foron parar, non se sabe a onde, 5.000€ destinados ao programa Xantar na Casa, ou 11.793 € destinados a actividades para maiores.”

No caso de Igualdade, a concelleira considera que “non se pode permitir que queden 11.076€ non investidos pero si orzamentados na conmemoración do 8 de marzo, pero moito máis grave é que haxa un superávit de 17.580 € en estudos e traballos étnicos en igualdade ou 11.863 en programas de igualdade que queden no limbo. Debe ser que o Goberno do Señor Caballero considera que no concello de Vigo a igualdade xa está conseguida e para que investir máis diñeiro nese eido.”

Noutras áreas, sinala Marga L. Barreiro, “ é moi salientable é que quedasen sen executar 6.864 € en publicacións de Normalización Lingüística, ou 14.899€ no mantemento do conxunto etnográfico así como 32.576 no mantemento de xardíns históricos. E nada menos que un millón de € non foron executados cando estaban destinados a Parques Infantís biosaludables. A cultura e a educación non son tampouco prioritarias para o Señor Caballero. Non podemos deixar de lembrar o tan anunciado e aparcadoiro do Álvaro Cunqueiro, onde ía medio millón de €”

Xose Lois Jácome, concelleiro do Grupo Municipal da Marea de Vigo, que onte asistiu ao Consello de Cooperación Internacional Municipal, ente na que participan diversas ONGs así como Federación Veciñal, detalla que na propia xuntanza preguntouse polo destino dos cartos que o concello tiña orzamentados para Cooperación Internacional, 60.000€ (que van sumarse aos outros 60.000 que tampouco se executaron no 2015), polo que se lles contestou que foron parar ao superávit, o que é cualificado como “saco de falta de xestión deste Goberno Municipal” por parte mesma do concelleiro Xose Lois Jácome. Isto é o superávit, pouco a pouco van saíndo eses cartos que despois se venden como unha boa xestión.

Xose Lois pon varios exemplos, como os 40.000€ do plan de dinamización do arquivo Pacheco, 18.000 do plan de emprego xuvenil, pero destacando, por enriba de todos, os mais de 500.000 euros sen executar do plan de emprego.
Finalmente, Jácome afirma que “Neste concello boa xestión é non cumprir o que se promete no debate de orzamentos de decembro, onde se dan todos estes datos sobre o que se vai gastar, onde se di que somos a cidade mais social do mundo, pero despois non se executan”

Rubén Pérez, voceiro do Grupo Municipal da Marea de Vigo, afirma que “a execución orzamentaria do concello é o que nos da ás veciñas e veciños de Vigo moitos dos servizos públicos e onde se nos vai parte dos ingresos en impostos” e considera que “non é comprensible a reacción do Alcalde, coma se sufrira unha agresión por parte da oposición, cando se lle pregunta polo 70% das inversións que se deixaron de executar; como os mais de 24 millóns consignados no capítulo 6 de inversións reais onde apenas se executou o 30% (7 millóns de euros), deixando incluso sen executar os mais de 600.000€ para a conservación de vías e espazos públicos”

Para a Marea de Vigo, as humanizacións supoñen un fraude colectivo á cidade, cando, por unha parte, se orzamentan ano tras ano as mesmas humanizacións co ostentoso anuncio correspondente, onde se afirma que será nese preciso ano cando se van executar, para logo, segundo o momento e o lugar, se executen se é politicamente rendible ou pasan a engrosar o superávit para ser executadas o ano seguinte, ou o seguinte do seguinte, tal e como acontece con algunha que leva aparecendo incluso 3 anos seguidos.

Ademais, Rubén Pérez afirma que “estamos asombrados que sendo do PSOE, que presuntamente leva anos pelexando contra os criterios de estabilidade económica que figuran na Lei Montoro, o alcalde de Vigo siga os criterios económicos desta lei ao pé da letra, utilizando o superávit como elemento para ir distraendo partidas orzamentarias, algunhas delas de carácter social, para que acaben computando no superávit queden aí para os seguintes exercicios fiscais”

Para o Grupo Municipal da Marea de Vigo, o Concello de Vigo leva varios anos usando o superávit de xeito enganoso. Se ben é certo que se liquidou a débeda, isto é porque o feito de liquidar a débeda era condición “sine qua non” para poder utilizar o remanente do superávit nas actuacións que lle interesen ao Goberno Municipal, como é levar a cabo humanizacións, que xa teñen demostrado que non xeran emprego, á diferencia da obra pública como tal.

Esta semana, o Partido Socialista tivo a oportunidade de tombar parte da Lei Montoro, cando se abstivo no Congreso á proposta para derrogar varios dos artigos da propia lei e poder así ir construíndo unha alternativa para a xestión da economía local; demostrando así a súa

O Grupo Municipal da Marea de Vigo considera que Abel Caballero, e tal e como fixo nos pasados días, non vai contestar ao análise que fai o Grupo Municipal da Marea de Vigo sobre a execución orzamentaria, xa que, en lugar de baixar ao detalle da súa xestión como Goberno dun xeito claro e rigoroso, e podendo mostrar ademais un mínimo de respecto político, utilizará a estratexia da indiferenza se é que non ten ningún improperio que dirixir “ás mareas”, tal e como acostuma a facer.

MAREA DE VIGO DENUNCIA QUE NON EXISTE SERIEDADE ORZAMENTARIA NO CONCELLO DE VIGO E SOAMENTE PURA PROPAGANDA

marea de vigoO Grupo Municipal da Marea de Vigo considera que a liquidación orzamentaria de 2016 exemplifica unha política orzamentaria baseada no “autobombo” informativo pero con pouco recorrido real a posteriori. Dos “cacarexados” 24 millóns de euros de inversións anunciadas no 2015 para o orzamento 2016 soamente se executaron 7 millóns, apenas o 30%.

Rubén Pérez, voceiro do grupo municipal de Marea de Vigo afirma que “ou ben o Goberno asume as teses da Marea de Vigo de repensar as humanizacións por custe efectivo e impacto sobre o emprego, cousa que dubidamos, ou estamos ante unha xestión deficiente que xoga co superávit como elemento político e propagandístico”.

Marea de Vigo considera que o informe da liquidación do orzamento correspondente ao exercicio 2016 que se dará conta na Comisión Informativa de Orzamentos e Facenda o mércores 15 contén datos que poñen en evidencia estas prácticas orzamentarias; e a estratexia, denunciada no pleno por Marea de Vigo, de anunciar “a bombo e prato” inversións que logo non se levan a cabo.

Empregar máis de 14 millóns de euros procedentes do superávit de 2015 en anunciar inversións que sumadas ás contidas nos 9 millóns orzamentados fan un total de 24 millóns e logo executar apenas 7 para volver a imputar a superávit o resto, crea un circulo vicioso de uso publicitario do superávit cando a súa orixe moitas veces é froito de non executar partidas importantes en materia de promoción do emprego, cooperación, axudas sociais, de fortalecemento do tecido asociativo e veciñal, etc…

Os datos amosan con “frialdade” como a política de investimentos na cidade é absolutamente improvisada e pensada so para achegar o período de obra en humanizacións as citas electorais. Hai humanizacións que transitan como inversións ao longo de 2015, 2016 e 2017 nunha especie de “Santa Compaña de humanizacións”. O que si é un feito e que á Banca Privada lle entregamos varios millóns de euros “contantes e sonantes” procedentes do superávit para que un alcalde puidera facer unha rolda de prensa anunciando a débeda 0 do Concello. Hoxe poderíamos ter un nivel de débeda asumible, e moitos recursos para realizar un programa ambicioso de inversión pública en, por exemplo, novos centros cívicos (inexistentes en case todos os barrios), escolas infantís municipais e fomento do emprego e do auto-emprego.

Por outra banda resulta ilustrativo que o índice de presión fiscal (que mide o esforzo impositivo realizado por cada vigués e viguesa no pago dos impostos municipais) supera por primeira vez a barreira dos 500 euros por habitante, polo que, dende que Abel Caballero é alcalde pasamos dos 398 euros de 2006 aos 415 de 2007 e os 502 de 2017. Un crecemento sostido nos mesmos anos nos que unha gran cantidade de economías familiares viguesas quedaron moi tocadas.

O GRUPO MUNICIPAL DA MAREA DE VIGO CONSIDERA POSITIVO O SUPOSTO AFORRO EN ALUMEADO DE NADAL QUE PARECE SAÍR DA PROPOSTA DE NOVO CONCURSO PÚBLICO E PIDE AO GOBERNO MUNICIPAL QUE LLE DE UNHA SAÍDA AOS CARTOS AFORRADOS MÁIS ALÓ DUNHA CUESTIÓN DECORATIVA DAS RÚAS.

alumeado_nadalMarea de Vigo tamén estará atenta o desenvolvemento do novo concurso posto que xa hai indicios de “encaixes a medida” e outras manobras habituais deste goberno municipal.

Hai aproximadamente un mes, a Mesa de Contratación deixou deserto o concurso de alumeado de Nadal, por, un erro no prezo do único licitante.
No día de hoxe vense de aprobar en Xunta de Goberno Local un novo concurso público, na modalidade de urxente, indicando no propio expediente que a única modalidade posible era esta vía, por unha cuestión de prazos. O Grupo Municipal da Marea de Vigo, despois de consultalo xurídicamente, ten constancia de que isto non é exactamente así, e mostra unha grande preocupación sobre o novo concurso aprobado e o que resulte do mesmo, case podendo xa adiviñar o resultado.

Para o Grupo Municipal da Marea de Vigo resulta dunha enxeñería financeira/administrativa e técnica de gran precisión o feito de que, casualmente, despois de analizar o “estudo das necesidades concretas vinculadas á programación das diversas actuacións desenvoltas polo concello neste ámbito…” resulte que estas necesidades coincidan xusto 100 euros por debaixo do que obriga a a cumprir coa regulación harmonizada da Unión Europea con todo o que elo implica (controis e publicacións) sobre todo, tratándose dunha cantidade total de máis de 200.000. De feito, a composición deste novo concurso e o seu encadre económico, nesta ocasión non so mobilizou a unha área do Concello, Comercio, senón que tamén nesta ocasión participou a área de Fomento.

Marea de Vigo aplaude o aforro económico pero tamén quere saber que se vai facer dos outros 200.000 euros orzamentados nos propios orzamentos municipais, e espera que isto non supoña un fraccionamento de contrato, sendo o mesmo custe, pero vulnerando os procedementos públicos establecidos.

Do mesmo xeito, Marea de Vigo considera que, aforrando a metade dos cartos que estaban destinados para alumeado de Nadal, e sendo conscientes da imposibilidade de movelo dentro das partidas orzamentarias, eses cartos poden adicarse a actividades ou ferramentas de promoción do pequeno comercio local, mais aló de utilizalos única e exclusivamente á ornamentación das rúas.

O GRUPO MUNICIPAL DA MAREA DE VIGO VAI PROPOÑER QUE PARA OS ORZAMENTOS DO 2017 O CONCELLO DE VIGO TAMÉN LEVE A CABO FERRAMENTAS DE ORZAMENTOS PARTICIPATIVOS O IGUAL QUE OUTROS GRANDES CONCELLOS QUE QUEREN INNOVAR EN POLÍTICA ORZAMENTARIA.

Concello_de_VigoVistas as liñas xerais xa presentadas para o orzamento municipal do 2017, continuístas en cuestións de inversión e gasto, e mais aló das limitacións da lei Montoro e medidas como o teito de gasto, orientadas a priorizar o pago da débeda e supoñendo así a imposibilidade de empregar os orzamentos do 2017 como un instrumento para consolidar gastos sociais, a Marea de Vigo propón innovar con ferramentas participativas.

Marea de Vigo considera que un Concello como Vigo ten que seguir a estela doutros concellos que, con independencia da cor política, están xa traballando en orzamentos participativos. Non é a primeira vez que o Grupo Municipal da Marea de Vigo fai propostas sobre tomar este tipo de medidas en materia orzamentaria, normalmente contestadas con afirmacións tales como que “os orzamentos están consensuados co tecido asociativo porque nos reunimos cos presidentes e lles contamos o que imos facer”, feito que dista moito de parecerse á participación real, mais aínda no caso de Vigo, onde as relacións coas asociacións funcionan ó arbítreo do goberno municipal e do momento.

Segundo Rubén Pérez, voceiro do grupo municipal, “Hai ferramentas para poñer a andar e facer partícipes do gasto público a veciñanza, de xeito que calquera veciño ou veciña, estea ou non nunha asociación ou organizado no seu barrio, poida participar” . A proposta seguiría un proceso, que comeza coa aprobación en Pleno dun regulamento, e posteriormente a aprobación dunha metodoloxía, onde, por exemplo, se realicen as asembleas explicativas e de recollida, onde a veciñanza poida propoñer onde considera se deba inverter no seu barrio, e mesmo se active un proceso de votación electrónica ou en urna, onde as propostas máis valoradas sexan as que se teñan en conta. Para isto, Marea de Vigo proporá que se use a rede de centros cívicos, tal e como están usando outros concellos.

Na proposta do Grupo Municipal, estas ferramentas obviamente estarían circunscritas no capitulo das inversións, posto que uns orzamentos participativos non poden decidir cuestións laborais nin compromisos que existen cos contratos públicos, pero si que o poden no capítulo de inversións, vista a arbitrariedade que hai nas propostas que se están facendo actualmente por exemplo nas humanizacións e no formato de obra publica de elevado custe que se esta seguindo hoxe en día no Concello de Vigo. A proposta vai ser de 2 millóns de euros, cantidade perfectamente asumible polo Concello, e irían circunscritas en actuacións concretas como a redefinición das humanizacións, que os veciños poidan decidir sobre parques públicos, parques infantís, xardíns, palcos, melloras nos mercados,… sendo esta unha maneira de ir introducindo unha cultura de decisión veciñal, e que calquera veciño ou veciña que queira participar no proceso e converter os orzamentos da cidade nun orzamento colectivo poida ter o seu espazo; deste xeito as inversións non quedarían ao arbítreo unipersoal dun concelleiro ou concelleira, senón ao criterio colectivo da cidadanía, que en moitas ocasións se queixa precisamente desa arbitrariedade nas inversións.

Deberíase estar xa falando de se hai vontade política de introducir os orzamentos participativos como experiencia piloto na nosa cidade, e o Concello de Vigo non pode estar illado cando no resto de Europa están instaurados dende hai moitos anos. Cidades como París e New York, as que recorre o alcalde en moitas ocasións para comparalas con Vigo, xa están utilizando estes métodos.

%d bloggers like this: