MAREA DE VIGO ALERTA DA PERDA E DETERIORO CULTURAL QUE O MUSEO DE ARTE CONTEMPORÁNEA DE VIGO (MARCO) PODE SUFRIR SEN UN EQUIPO DIRECTOR E UN PROXECTO DEFINIDO E PLANIFICADO.

Rubén Pérez, voceiro do Grupo Municipal, considera que a “batalla de poder do PP e PSOE dende diferentes institucións dentro do Padroado do MARCO pode significar a defunción deste museo como espazo referencial da arte contemporánea en Galicia”.

Para Marea de Vigo, o feito de que o Concello de Vigo acabe asumindo a totalidade do Padroado e a maioría da inversión orzamentaria non pode alterar o proxecto museístico que durante anos, contra todas as dificultades, foron quen de sacar adíante os equipos directores do museo, referenciando a cidade de Vigo mesmo nos máis importantes circuítos de arte contemporánea do estado.

“O feito de que todo o peso económico recaía agora no Concello, que non existise unha vontade de que vellos actores como a Deputación volvesen ao padroado, xunto coa dimisión do actual director e a falla de programación cultural a medio prazo amosa unha grave falla de proposta como contedor cultural para o único museo en Vigo cun nivel de actividade e visitantes aceptable” expón Rubén Pérez

O MARCO, especialmente baixo a dirección de Iñaki Martínez, chegou a facerse un oco xunto a grandes museos de referencia internacional, polo que, a apertura do proceso para a contratación do novo director debe contar necesariamente con criterios de méritos e experiencia. Proxectar unha xestión centralizada dentro da Rede Museística Viguesa é un erro absoluto.

A situación de desamparo do museo era evidente, dados os recortes dos orzamentos pola vía da marcha de diferentes administracións que aportaban recursos, o sistema concesionado a empresas para a xestión das salas, a infrautilidade de espazos como o anexo posterior (agora de uso hostaleiro case en exclusividade), a desaparición da tenda, etc…exemplos todos do que ten vivido o museo nestes últimos anos e, no caso das dotacións orzamentarias, causas da propia situación.

Agora, lamenta Marea de Vigo, o feito de que todo o poder sobre o espazo do MARCO xire en torno as ocorrencias da alcaldía de Vigo, tratando de encaixar exposicións ou eventos que non teñen nada que ver coa arte contemporánea e a súa divulgación colectiva e social, pode supoñer un grave prexuízo cara o propio museo, provocando tanto a perda de identidade como a perda do recoñecemento conseguido durante os pasados anos.

Advertisements

MAREA DE VIGO SOBRE A SITUACIÓN DOS MUSEOS DA CIDADE E A PARTIDA ORZAMENTARIA DO ESTADO PARA O MARCO

O Grupo Municipal da Marea de Vigo considera esencial dotar de máis recursos e atención a rede de museos públicos da cidade para facer máis atractiva a súa oferta cultural.

Presentará, a través de En Marea, emendas aos Orzamentos do Estado para aumentar a partida económica destinada ao Museo de Arte Contemporáneo.

A Marea de Vigo trasladará ao Congreso dos Deputados as eivas existentes no Museo de Arte Contemporáneo, presentando, a través do Grupo Parlamentario de En Marea, unha emenda aos Orzamentos do Estado que contemple unha partida orzamentaria para ampliar a partida económica do MARCO. Marea de Vigo vén tempo denunciando os problemas que neste eido presenta a principal institución museística da cidade olívica (con preto de 90.000 visitantes ao ano e moi lonxe do seguinte espazo museístico, que recibe arredor das 25.000 visitas), xa que as partidas orzamentarias destinadas para o MARCO son insuficientes para ofertar unha ampla programación cultural. “É preciso asegurar unha programación completa, e para iso debemos aumentar as achegas económicas do Estado xa que o orzamento anual do seu Padroado (Concello de Vigo, Xunta de Galicia e Ministerio de Cultura), son escasos e non cobren, ás veces, todos os gastos do museo de xeito óptimo”.

O MARCO é, xunto ao Museo do Mar, o único espazo museístico de carácter público na nosa cidade (ademais dos das fundacións) que non está xestionado directamente polo Concello, que no caso de Vigo é o mesmo que estar concesionado. A situación da rede de museos que dependen do Concello é similar a calquera outro servizo xestionado por unha concesionaria (responsabilidade por tanto do Goberno que é quen en definitiva aproba os pregos de condicións para os servizos). Isto tradúcese en mínima atención e investimento e, por suposto, custe mínimo para pagar ao persoal, que ten que cubrir practicamente tódalas funcións que se levan a cabo nos museos, incluídas as tarefas de administración e coordinación, estando case na súa totalidade cubertas por persoal cunha categoría profesional pola que se percibe un salario non superior ao Salario Mínimo Interprofesional. Ademais, e como xa aconteceu co Verbum, estes espazos sufriron na súa gran maioría fortes reducións en investimento nos últimos anos, o que leva a un peor servizo que despois se traduce nos pésimos datos sobre as visitas.

Isto non é un feito illado en canto a atención que se lle da á cultura na nosa cidade, son moitas as asociacións culturais de música, teatro, danza, cine, etc… que nos últimos tempos teñen amosado o seu asombro porque Vigo estea fóra dos circuítos culturais do país e mesmo semelle non ser unha prioridade para este Goberno Municipal.

%d bloggers like this: