MAREA DE VIGO DEFINE A REGULACIÓN DOS VENTRES DE ALUGUEIRO COMO A “LEXISLACIÓN DUN DESEXO E NON DUN DEREITO”

Marea de Vigo realizou un acto/debate sobre os ventres de alugueiro no que quedou plasmada a oposición clara a esta práctica, e definida como a “lexislación dun desexo e non dun dereito”

O acto foi presentado por Paula Quinteiro, deputada de En Marea no Parlamento galego e Marga L. Barreiro, concelleira do Grupo Municipal da Marea de Vigo, que, tras unha introdución á situación legal actual no estado con respecto aos ventres de alugueiro e ás diferentes posturas sobre esta práctica, iniciaron o debate.

Entre os temas que saíron e as conclusións que se sacaron, cabe destacar a consideración que maioritariamente se fixo sobre o porqué e os intereses que moven a regulación dos ventres de alugueiro. Isto substánciase e que os intereses veñen sendo económicos; por un lado, dende o punto de vista da utilización da necesidade económica das mulleres que se usan como “incubadoras” (xa que o debate sobre a regulación dos ventres de alugueiro baixo o concepto de voluntariedade perde sentido ao tratarse dunha minoría case inexistente e apenas existir demanda para casos por exemplo dentro dunha familia ou amizades) e polo outro, das empresas que buscan unha nova fonte de ingresos a través desta práctica, tal e como quedou reflectido por exemplo, na feira que tivo lugar en Madrid neste mes.

Por outra banda, falouse da desmitificación do colectivo gay como gran promotor da regulación dos ventres de alugueiro, xa que se trata, como xa quedou exposto, nunha cuestión económica, transversal ás orientacións sexuais de cada quen, o que permitiría acceder a esta práctica, xunto cunha cuestión puramente machista, neste caso non en canto a motivación, senón en canto á asunción do concepto de obxecto con respecto á muller xestante no momento no que se decide levar a cabo a “xestación subrogada”; cuestión, por desgraza, tamén transversal.

Como alternativa e solución, tamén de xeito maioritario, acadouse que é necesario a mellora integral da lei de adopcións en canto á accesibilidade, non só para o ámbito do estado, senón creando as ferramentas necesarias para facer máis sinxelo o proceso de adopción internacional, sendo conscientes das dificultadas existentes ao tratarse de diferentes lexislacións.

Como conclusión final, e tamén como comezo do debate, quedou patente a diferenciación entre dereito e desexo, asumindo que, lexislar os ventres de alugueiro vén sendo lexislar un desexo, non un dereito, e por enriba deses desexos, está a defensa do dereito das mulleres para decidir sobre o seu corpo, dereito que quedaría anulado desde o momento no que, por unha necesidade económica, é utilizada como ventre de alugueiro.

MAREA DE VIGO POLO PRIMEIRO DE MAIO

O Grupo Municipal da Marea de Vigo súmase ás reivindicacións das centrais sindicais no Primeiro de Maio e anima á cidadanía a acudir as mobilizacións convocadas  mañá na nosa cidade.

Para a Marea de Vigo, a mobilización é un piar fundamental para a transformación cara a igualdade e a xustiza social.

Os últimos datos de desemprego aportados pola EPA resultan devastadores. A taxa de paro galega xa é do 17,3%, unha das máis altas no conxunto do estado e o dobre que a taxa media en Europa. A isto súmanse os datos sobre temporalidade, que a colocan nun 90% con respecto ao emprego xerado nos últimos anos. É dicir, o número de contratos indefinidos non chega ao 10%.

Mais tras estes datos demoledores, escóndese unha realidade que non está reflectida nos datos de desemprego, como os centos de traballadores e traballadoras que, aínda tendo un emprego, están vivindo nunha situación en moitos casos de pobreza dados os niveis de temporalidade e parcialidade da meirande parte dos contratos que se están asinando, provocando que, ao redor do 30 % das e dos traballadoras/es cobren por debaixo do SMI.

Con todo, a peor parte sempre a levan as mulleres, ocupando as taxas máis altas de paro e as peores condicións laborais, xa que, sumado ao que tanto homes como mulleres están vivindo neste eido laboral, as mulleres veñen ocupando aqueles traballos onde hai máis precariedade en forma de parcialidade e salarios máis baixos, como son os relacionados cos coidados e aquelas tarefas nas que o sistema patriarcal as colocou de xeito incuestionable dende hai séculos, trasladándoo ao ámbito laboral ao igual que ao resto dos ámbitos da vida.

No entanto, os datos veñen demostrando, unha vez máis, os efectos dunhas reformas laborais encabezadas pola falsa premisa de ser quen de xerar máis emprego estable a costa de medidas de “extrema” flexibilidade laboral, por ser este máis “asumible” para as empresas. Lonxe diso, conseguiuse trazar un camiño de precariedade que cada día está afogando máis ás persoas.

Cada vez con máis frecuencia, as empresas van anunciando, de xeito descarado e impune, grandes recortes a costa da obtención de máis beneficios; empresas, moitas delas, que viven de grandes concesións públicas, ou mesmo empresas receptoras de subvencións para a creación de emprego, pagadas polas mesmas traballadoras e traballadores que sofren os seus recortes.

É por isto, polo que a Marea de Vigo considera que é imprescindible a mobilización de todas e todos, sendo unha parte substancial para poder mudar as políticas que están consagrando a precariedade como realidade da clase traballadora.

Viva o Primeiro de Maio!

COMUNICADO DA MAREA FEMINISTA SOBRE O ARTIGO DE JUAN JOSE R. CALAZA

A Marea de Vigo manifesta a súa absoluta repulsa ante o artigo publicado no Faro que firma Joan Jose R. Calaza.

O domingo día 12 de marzo do 2017, só uns días despois do día da muller traballadora, o Faro de Vigo publicaba un artigo de opinión propio do século pasado. Neste “artigo” podemos ler xoias como “prefiro a expresión ‘crime pasional’ a ‘crime machista’” ou “as mulleres, en conxunto, son demasiado intelixentes para deixarse manipular polas feministas en guerra de sexos permanente”.

O autor chega ata puntos ruíns onde fala do terrible crime de Chapela, desbotando o crime machista e dicindo que é un ‘crime pasional’, pois “quen sabe o drama familiar” de cadaquén. Atónitas ante o que estamos lendo, continuamos analizando con noxo e rabia estas letras. A Marea Feminista quere expresar a súa absoluta repulsa ante este tipo de artigos que aínda continúan a ter cabida en xornais de gran tirada nacional e que son dos máis lidos do país; xornais que non esquecemos, teñen subvencións públicas pagadas cos cartos de todas.

Non comprendemos como hoxe en día, e con máis de 20 feminicidos ás costas no Estado, hai quen permite que continúen humillando publicamente ao 50% da poboación que reivindica os mesmos dereitos que o outro 50%. Non comprendemos como se dubida do feminismo, intentando ensuciar a imaxe dun movemento que pula polos dereitos das mulleres para que ambos xéneros estean ao mesmo nivel de dereitos e condicións; no comprendemos como se banaliza e ridiculiza ao feminismo. Aínda que a dicir verdade si o comprendemos; comprendemos que hai unha parte desta sociedade machista e casposa que ten medo de que lle arrebaten os seus privilexios; eses privilexios que permitiron ós homes dirixir o mundo, as empresas, ser os que aparecen nos libros, na historia, nos gobernos; mentres inivisibilizaban ás mulleres.

Agora nós tamén queremos dirixir o mundo, as empresas, aparecer nos libros, na historia e nos gobernos; cunha diferenza: queremos ‘ser’ en igualdade e en equidade, respectando as diferenzas dos xéneros. Polo de pronto, non semella que esta igualdade estea preto; por iso, Marea Feminista vai seguir denunciando publicamente os artigos que inducen á equivocación da sociedade que tan difícil está sendo educala con pedagoxía feminista. Vai seguir denunciando a quen ensucia a loita feminista porque quere manter os seus privilexios dos que non está disposto a renunciar.

MAREA DE VIGO PIDE QUE VIGO DECLARE INSTITUCIONALMENTE O 28 DE XUÑO EN VIGO COMO DÍA DO ORGULLO LGTBI

logowebO Grupo Municipal da Marea de Vigo rexistrou hoxe unha moción ao pleno do Concello pedindo que o 28 de xuño (DIA DO ORGULLO LGTBI) sexa considerado institucionalmente no termo municipal de Vigo como día de reivindicación e loita polos dereitos dos colectivos LGTBI

Xose Lois Jácome, concelleiro da Marea de Vigo que presenta a moción, lembra que “o 28 de xuño de 1968 sucedéronse diversas revoltas en Stonewall (EE.UU.) para denunciar a criminalización a que estaban sometidas as persoas LGTBI no país, por iso, neste día, se conmemoran reivindicacións que deben ser acollidas por políticas públicas por parte das institucións destinadas a velar polos dereitos destas persoas.”

Para a Marea de Vigo, as fobias cara ás expresións da sexualidade consideradas “diferentes”, lonxe de desaparecer, continúan habitando en aulas, fogares, centros de traballo e ocio, e, por desgraza, tamén nas administracións e servizos públicos.

Por desgraza tamén na nosa cidade a LGTBIfobia (o odio e o rexeitamento ás persoas lesbianas, gais, transexuais, bisexuais ou intersexuais) persiste na nosa sociedade, mostrándose con moitas e diversas caras. A discriminación exercida contra este colectivo é violencia e como tal debe ser denunciada e condenada enerxicamente tanto pola sociedade, como polos propios poderes públicos (só no que vai deste ano rexistráronse máis de setenta agresións contra a diversidade sexual en todo o Estado; moitas outras nunca se chegan a coñecer, pese a existir).

A proposta de moción da Marea de Vigo insta, ademais da declaración institucional o izado da bandeira do arco da vella do movemento LGTBI e unha serie de actuacións socioeducativas para colocar a Vigo ao mesmo nivel que as grandes cidades deste país en materia de dereitos LGTBI

Na moción tamén instase ao Goberno Galego a un maior desenvolvemento da ‘Lei 2/2014, do 14 de abril, de Igualdade de Trato e Non Discriminación de Lesbianas, Gais, Transexuais, Bisexuais e Intersexuais de Galicia’ , en colaboración co movemento asociativo e demais colectivos neste ámbito da Comunidade Autónoma, de cara a dotala de ferramentas e compromisos contra todo tipo de discriminación e violencia contra o colectivo. Ao Goberno central se lle insta a que se inclúa e garantan o proceso da reasignación de sexo no catálogo de prestacións xerais da Seguridade Social e das lesbianas e mulleres bisexuais nos programas de reprodución asistida.

MAREA DE VIGO CALIFICA DE ALARMANTES OS DATOS DE VIOLENCIA DE XÉNERO QUE ESTAMOS COÑECENDO NOS ÚLTIMOS DÍAS E CONSIDERA DE EXTREMADA URXENCIA TOMAR MEDIDAS O RESPECTO.

feminismoMarga L. Barreiro, concelleira do Grupo Municipal da Marea de Vigo fai ademáis un chamamento á participación na mobilización que terá lugar mañá 7N en Madrid, a que acudirá xunto con colectivos feministas da cidade de Vigo.

Analizando e comparando cos datos do ano pasado, os datos dos orzamentos en igualdade para o ano 2016 do Concello de Vigo, e lendo á vez os datos sobre violencia de xénero que se están publicando estes días na cidade, a realidade resulta realmente desoladora.

Marga L. Barreiro considera que, partindo da información do Xulgado de Violencia sobre a Muller número 1, o cal avisa do desbordamento que está a sufrir tras ter que asumir a investigación de tres crimes machistas en dous meses na cidade e outros catro casos de gravidade (polo que lévase pedindo reforzo ao TSXG dende o mes de xullo), advertindo que ningún xulgado ten tantos presos preventivos como este, e asegurando que desde o mes de setembro aceptou todas as peticións de protección a maltratadas que lle solicitaron porque o risco para a vítima era moi elevado; sería de supoñer que o orzamento en igualdade para a cidade de Vigo debería alomenos de triplicarse, pois desgrazadamente dende o Grupo Municipal compróbase que non é así, posto que o goberno do Sr. Caballero non ve necesario incrementar o gasto nesta área para tentar parar esta lacra que día a día vai aumentando. As administracións seguen estando de costas ás mulleres non facendo nada para evitar tal retroceso.

Alén disto, a concelleira do Grupo Municipal analiza que, “segundo diferentes estudos, dúas de cada tres mulleres, é dicir o 65% da poboación feminina sufriu nalgunha ocasión algún tipo de violencia machista; xa fose esta psicolóxica, emocional, de control, económica, física ou sexual, así como microviolencias que nin nós mesmas somos capaces de percibir, e aínda que así sexa non nos atrevemos nin sequera a nomear por pensar que nos van a tomar por demasiado exixentes ou pouco tolerantes ( non estamos a falar de casos illados, de mulleres pobres, inmigrantes ou prostitutas, non , podemos ser calquera de nós.). Isto quere dicir que unha porcentaxe correccional da poboación masculina exerceu os malos tratos; o cal significa que todas/os temos achegados, familiares, ou amigos que dalgún xeito son maltratadores. Chegando entón á conclusión de que nós mesmas coñecemos e silenciamos casos perpetuando deste xeito a violencia, polo cal debemos facer un exercicio de reflexión e tentar paralo tanto desde o individual como dende o colectivo. Mais para iso precísase de investimento desde as institucións, para ensinar en igualdade e tamén para denunciar a forma de educación que a través dos medios, do sistema patriarcal que sufrimos, chegan ás nosas casas e aos lugares que frecuentamos sen decatarnos”.

ESQUERDA UNIDA DE VIGO PIDE QUE A CIDADE NON BAIXE A GARDA ANTE A VIOLENCIA MACHISTA

25n2014O coordinador local de EU en Vigo, Rubén Pérez chamou hoxe á participación na mobilización que mañá ás 20 horas partirá da Farola e Urzáiz e lembra que “a loita contra a violencia machista segue a ser a loita pola igualdade entre homes e mulleres”

Para EU é neste contexto de desigualdade e discriminación patriarcal onde se enmarcan todo tipo de agresións contra as mulleres. Só unha sociedade fundamentada e asentada na igualdade real, impediría que a crise económica puidera servir de pretexto ou explicación.

Esquerda Unida considera que a igualdade real se constrúe a partir da prevención e da educación. As políticas e as estratexias que se utilizan para previr as agresións deben partir dunha educación afectivo-sexual a todos os niveis que facilite desenvolver unha sexualidade baseada no respecto e na igualdade real entre mulleres e homes.

E por suposto, fronte aos recortes nos orzamentos e políticas públicas, esiximos que se reforcen  os recursos económicos e humanos destinados ao desenvolvemento de políticas de igualdade activas, integrais e participativas, pola consecución dunha Sociedade libre de violencia de xénero, na liña do apuntado polo Convenio de Estambul sobre prevención da violencia de xénero e as propostas enunciadas polos colectivos feministas.

Dende Esquerda Unida facemos un chamamento á participación da cidadanía nas movilización convocadas pola Marcha Mundial das Mulleres por todo o país para  este martes 25 de novembro de 2014 que en Vigo será as 20 horas na farola de Urzáiz

INTERVENCIÓNS DE EVA SOLLA NO PARLAMENTO

%d bloggers like this: