MAREA DE VIGO SOBRE A DISPOSICIÓN CONTIDA NOS ORZAMENTOS DO ESTADO QUE IMPIDE A REMUNICIPALIZACIÓN DE SERVIZOS PÚBLICOS

Marea de Vigo considera que a disposición adicional 27 do proxecto de orzamento do Estado supón hipotecar o futuro de cidades como Vigo, impedindo de facto a remunicipalización de servizos públicos.

“A FEMP e o seu presidente, Abel Caballero deberían comezar un calendario de mobilizacións ante o triunfo dos intereses privados sobre o público” afirma Rubén Pérez, voceiro do Grupo Municipal da Marea de Vigo

Ademais de supoñer un 32% menos en inversións para Galicia, estes Orzamentos Xerais do Estado de 2017 conteñen un “dardo envelenado” para o municipalismo ao conter unha medida absolutamente lesiva para aqueles concellos que decidan remunicipalizar servizos públicos en mans de empresas privadas.

Esta medida, en forma de disposición adicional, segundo Rubén Pérez, “chega curiosamente nun contexto no que cada días máis entidades locais dan inicio á recuperación de concesións, especialmente as relacionadas co subministro de auga, ORA, limpeza viaria, parques e xardíns, etc…É curioso como despois de non poder impedir pola vía da impugnación dos procesos administrativos iniciados en cidades como Zaragoza, Santiago de Compostela, Valladolid, etc… o Ministerio de Facenda e o goberno do PP atacan con esta fórmula de impedir consolidar os cadros de persoal das empresas concesionarias se son remunicipalizadas. Esta disposición adicional 27 é a resposta dun goberno neoliberal ás necesidades dos intereses económicos do neoliberalismo”

Esta disposición, breve pero clara, pon evidentes limitacións a incorporar persoal laboral ao sector público xa que, coa entrada en vigor da lei de orzamentos e curiosamente coa vixencia indefinida da mesma disposición, evita que noutros orzamentos poida emendarse e as administracións públicas non poderían considerar como empregados públicos nin incorporar como tales aos traballadores e traballadoras das contratas públicas se o concello en cuestión decide remunicipalizar o servizo despois dun rescate ou a fin da concesión. Mesmo trata de eliminar o dereito de subrogación contido nos convenios ou pregos se o servizo é xestionado dende o público.

Marea de Vigo considera que o alcalde de Vigo debería dar un “golpe de autoridade na FEMP” para parar esta nova agresión aos concellos do Estado e que Vigo se sume á campaña de denuncia que concellos como Madrid, Barcelona, Valencia, Zaragoza, A Coruña e Terrassa presentaron xa no Congreso dos Deputados. Mais para iso, debería comezar pola súa propia casa, posto que as políticas que se levan a cabo no Concello de Vigo con respecto á contratación pública están diametralmente en contra do concepto da remunicipalización, incluso en contra do concepto de “control do público”, xa que, nin as ferramentas que existen para tal fin, puxéronse a funcionar nos últimos anos.

MAREA DE VIGO CUALIFICA A ACTITUDE DE ABEL CABALLERO DE CÍNICA AO DEFENDER NA FEMP O CONTRARIO DO QUE FAI NA PRÁCTICA NO CONCELLO DE VIGO

O Grupo Municipal ve ilóxico que o Alcalde pida o 100% da reposición de persoal na admon local para recuperar persoal e, a vez, “deixe caducar” gran parte das convocatorias das oposicións desde o 2010 do concello onde goberna.

O Grupo Municipal da Marea de Vigo vai solicitar formalmente que se elabore un código de boas prácticas para os procesos de oposicións que se leven a cabo no Concello de Vigo, vistas as múltiples denuncias que, tanto nos tribunais como de xeito interno, están chegando á Casa Consistorial.

Dentro desas propostas que está elaborando o Grupo Municipal da Marea de Vigo, entra o feito de que os exames se fagan sen nomes e apelidos (feito sorprendente pero real no concello de Vigo), así como o feito de que, as preguntas que van as probas tipo “test”, se sorteen o mesmo día das probas, para evitar posibles filtracións das mesmas.

Non é soamente a cuestión das oposicións, senón que este goberno municipal está colaborando na precarización e destrución de emprego mesmo nas concesionarias municipais. Denuncias por incumprimentos de convenio, ameazas de folga por non respectar o acordado entre empresas concesionarias e traballadoras/es ou mesmo a tremenda situación na que deixaron as (xa esquecidas por parte do Goberno Municipal) 11 familias das e dos traballadoras/os dos aparcadoiros da Porta do Sol e Praza de Portugal que, froito dunha nefasta xestión, ou unha peor intención, están na rúa e sen visos de solución ou alternativa. Mesmo négase a mediación que lle está pedindo o cadro de persoal do Aeroclub, outras 25 familias ás que se está ignorando por parte deste goberno.
Non é tolerable que un goberno que se di progresista non mostre, na súa práctica, ningunha sensibilidade coa clase traballadora que di defender nos seus principios.

A Marea de Vigo sempre defendeu e así seguirá facendo, a remunicipalización dos servizos, mais, mentres haxa concesións públicas, é deber do goberno o exhaustivo control das mesmas, non se debe esquecer que son cartos de todas e todos para servizos para todas e todos. De non facelo, acontecen todos os abusos e problemas laborais que, en moitas ocasións invisibilizados polos grandes anuncios propagandísticos aos que nos ten acostumadas o alcalde, levan consigo grandes problemas vitais e económicos para moitas familias viguesas.

MAREA DE VIGO ENVIOU HOXE AS 24 CARTAS AO CONXUNTO DA DA XUNTA DE GOBERNO DA FEMP PARA INFORMARLLES SOBRE O NOVO REGULAMENTO APROBADO NO CONCELLO ONDE O SEU PRESIDENTE OSTENTA O CARGO DE ALCALDE.

pleno-rubenO Grupo Municipal da Marea de Vigo, tal e como anunciou no seu día, enviou unha carta a cada representante na Xunta de Goberno da FEMP, onde se lles informa sobre os cambios introducidos no novo Regulamento do Pleno do Concello de Vigo, que converteuse no exemplo de xusto o contrario do que pretende ser unha institución como a FEMP, baseada nos principios de democracia e transparencia.

Rubén Pérez, voceiro do Grupo Municipal da Marea de Vigo, considera que “o máximo representante dos concellos do estado non pode promover a destrución da democracia local”, tal e como quedou reflectido na aprobación do novo regulamento do Pleno do Concello. Outra vez asistimos á “conversión dun desexo en lexislación” coa aprobación deste regulamento, elaborado a todas luces baixo unha cuestión conxuntural, como é o feito de que Abel Caballero sexa Alcalde de Vigo e de que o PsdeG-PSOE teña maioría absoluta neste Concello, tal e como se explica na carta enviada á Xunta de Goberno da FEMP.

O Grupo Municipal da Marea de Vigo parécelle unha falla total de coherencia o que promove o Código de boas prácticas da FEMP co novo regulamento do Pleno do Concello, outra demostración máis da imaxe que pretende dar o Alcalde cara a fóra, cando dentro do Concello a súa praxe baséase en actitudes “tiránicas” e antidemocráticas, amparándose sempre na maioría absoluta que ten. Feito que, de por sí, este Grupo Municipal sempre entendeu debería proporcionarlle certa tranquilidade á hora de gobernar, pero, tal e como leva demostrado neste primeiro ano de lexislatura, semella ser todo o contrario. Na carta a FEMP explícanse varios dos cambios no regulamento e o que van significar tanto para o traballo da oposición, como para a cidadanía que pretenda expresarse dalgún modo perante o Pleno do Concello, o mesmo tempo que o límite que pode chegar a establecer sobre os medios de comunicación.

Carta FEMP

VÍDEO ACTO PÚBLICO SOBRE A REFORMA DA ADMINISTRACIÓN LOCAL DO PP

%d bloggers like this: