O GRUPO MUNICIPAL DA MAREA DE VIGO AMOSA O SEU APOIO ÁS DEMANDAS E A FOLGA CONVOCADA NO SECTOR DA ESTIBA.

O Grupo Municipal da Marea de Vigo amosa o seu total apoio ao sector da estiba nas súas demandas así como na convocatoria de folga prevista para o vindeiro mércores de non saír cun acordo da xuntanza de hoxe.

Rubén Pérez: “a perda de empuxe do Porto de Vigo non ten relación coa convocatoria de folga do sector da estiba. Esta folga é un intento de manter o sector regulado, competente e fiable nunha actividade sobre a que o Goberno pretende precarizar as condicións laborais e, polo tanto, a calidade da mesma.”

Hai máis de dous anos da saída da sentenza do Tribunal de Xustiza da Unión Europea , dous anos nos que as persoas representantes do Goberno español, lonxe de traballar conxuntamente co sector cara a acadar solucións, trataron de aproveitar a situación para a introdución de medidas cara a total liberalización do sector, medidas que levaban consigo a total precarización laboral do sector da estiba.

Tras o último golpe dado polo Goberno, aprobando un Real Decreto pola porta de atrás, a representación das e dos traballadores da estiba, a través da coordinadora estatal de traballadores/as do Mar e as centrais sindicais, convocou formalmente unha folga que se traduce nunha serie de paros en días alternos, e sobre a cal, a Marea de Vigo expresa o seu apoio, tal e como fixo nas anteriores convocatorias; convocatorias que finalmente non se levaron a cabo polo rexeitamento da cámara baixa á proposta do Goberno no seu día.

O Grupo Municipal da Marea de Vigo rexistrara nese momento unha moción para o Pleno do Concello de Vigo, na que se defendían as reivindicacións do sector da estiba reflectidos na convocatoria de folga levada a cabo nese momento. A moción non chegou a ser defendida polo Grupo Municipal xa que finalmente a folga foi desconvocada; mais neste momento o Grupo Municipal está preparando outra moción dadas as actuais circunstancias nas que se atopa o sector, aprobado o decreto por parte do Consello de Ministros, e dadas as máis que demostradas nulas intencións deste sobre respectar o compromiso do mantemento de emprego e mesmo ter en conta os resultados das negociacións entre as partes (patronal e representación sindical), acordos que o Goberno obviou ao non ser os desexados.

“Reclamamos que a sociedade viguesa solidarícese coa loita dos traballadores da estiba de Vigo, imprescindibles para poñer ao Porto de Vigo en situación de competencia y recuperación de carga de traballo, do que dependen centos de familias na nosa cidade”, afirma ademáis Rubén Pérez, voceiro do Grupo Municipal da Marea de Vigo.

%d bloggers like this: