MAREA DE VIGO CONSIDERA LEXÍTIMA A “MOBILIZACIÓN” POLO AVE DIRECTO A VIGO PERO SERÍA BO QUE ALGUÉN EXPLICARA QUE O QUE CHEGA POR CERDEDO NIN É DIRECTO NIN É AVE

“É bastante sinxelo comprobar, tanto na información de Adif, como na proposta de enxeñeiros ferroviarios e mesmo na proposta dos creadores da variante de Cerdedo, que menos do 65% do trazado é velocidade alta, e, en ningún caso é directo a Vigo, senón que ten que conectar inexorablemente co Eixo Atlántico. No caso da opción Cerdedo, esta conexión sería a mais afastada, situándose entre Pontevedra e Vilagarcía” explica Rubén Pérez, voceiro do Grupo Municipal da Marea de Vigo.

O Grupo Municipal da Marea de Vigo considera lexítima a reivindicación, e mesmo non se mostrou en desacordo no Consello Social da Cidade cando se acordou a reclamación do “AVE por Cerdedo”, mais sigue amosando as súas dúbidas en canto a destinar tal inversión pública ao proxecto, inversión que logo computa a débeda pública e polo tanto condiciona os orzamentos do estado. Non é lóxico máis sacrificio de gastos sociais, sanitarios, educativos, etc… para ter esa variante que, en picos de velocidade, ancho de vía e electrificación non son homologables ao modelo “AVE” ou mesmo a alternativas de velocidade alta como Avant ou Alvia.

“O “AVE” dende fai anos que é unha marca comercial e non un sistema ferroviario, o que hai que definir son as características técnicas de cada tramo”, matiza Rubén Pérez.

Para a Marea de Vigo, tamén é necesario un esforzo cidadá, mais aló das campañas partidarias e mediatizadas do Goberno Municipal, para informarse do que estamos a falar cando alguén argumenta que a variante de Cerdedo é un “AVE directo a Vigo” xa que esta proposta conectaría á velocidade alta (non AVE) na localidade da Portela co eixo atlántico xa existente que conecta Vigo coa Coruña, liña de altas prestacións pero tecnicamente non alta velocidade. Como tampouco é “AVE” o que chega á Coruña e Santiago, por moito que o repita como un “mantra” o alcalde Abel Caballero.

Marea de Vigo anima á veciñanza viguesa a discutir abertamente sobre o modelo ferroviario que precisa a nosa cidade, que por suposto pasa por integrar un sistema de alta velocidade que conte cun traxecto a Madrid en menos de 4 horas pero lembrando que esta infraestrutura compite directamente coa aeroportuaria, na que estamos deitando miles de recursos públicos nesta cidade. Sirva por exemplo que máis do 70% dos viaxeiros actuais do AVE Madrid-Barcelona eran antes os usuarios da ponte aérea Madrid-Barcelona.

Marea de Vigo cre que non se debe empregar a demagoxia con algo tan serio como a inversión pública. O feito de que en verán os hospitais de Vigo pechen camas, que os colexios non teñan equipas docentes e liñas escolares axeitadas, ten moito que ver coa brutal débeda pública, que PP e PSOE consagraron pagar antes que calquera outro gasto social na reforma constitucional do ano 2011, e que ten gran parte de orixe na delirante inversión en autovías sen tráfico, trens sen pasaxeiros e aeroportos sen voos.

Por este motivo, Marea de Vigo pide explorar alternativas que poñan un sistema ferroviario de alta velocidade no prazo de dous anos operativo na nosa cidade, modelo que pode pasar por unha inversión urxente na liña actualmente existente entre Vigo e Ourense, que non precisaría de expropiación ao ser terreos de ADIF, que podería ter unha Avaliación de Impacto Ambiental rápida ao ser unha infraestrutura existente e que, con melloras das curvas, electrificación e desdobre de tramos, podería poñer por debaixo dos 50 min o traxecto Vigo-Ourense, e, ese mesmo tren conectar directamente á alta velocidade con Madrid. Esta inversión sería infinitamente máis asumible en dous exercicios orzamentarios, tendo en conta o criterio de contención do gasto público imposto inxustamente pola UE (e, polo tanto, máis realista) que os 2.300 millóns de euros da variante de Cerdedo.

Advertisements

MAREA DE VIGO LÉMBRALLE A ABEL CABALLERO QUE PARA TER O “AVE” POR CERDEDO O PRIMEIRO QUE HAI QUE FACER É QUITAR AO PP DO GOBERNO, XA QUE LEVA ANOS BLOQUEANDO AS INVERSIÓNS.

Rubén Pérez: “Abel Caballero e a xestora do PSOE son culpables de que goberne un PP que bloquea 4000 emendas da oposición, algunha delas garantían a conexión de alta velocidade co eixo atlántico.”

Tal e como xa explicou a propia Senadora de En Marea, Vanesa Angustia, á que a Marea de Vigo apoia no traballo feito sobre esta moción; “En Marea non votou en contra de que se rematen as obras do AVE a Galicia en prazo e forma. O grupo aportou 12 propostas nas súas emendas á moción do PSOE no Senado co ánimo de consensuar un texto final coa intención de pactar un acordo sobre as infraestruturas galegas, nas que entraba o remate das obras do propio AVE.”

Desde a Marea de Vigo, de igual forma, tamén se lamenta que o PSOE acordase co PP unha proposta que simplemente recoñece o que xa estaba planificado, limitando as aspiracións de Galicia en materia de infraestruturas, “non reflectindo, por exemplo, a relevancia e defensa do tren de cercanías, sendo este un medio de comunicación esencial para a cidadanía galega” matiza Rubén Pérez, voceiro do Grupo Municipal da Marea de Vigo.

Marea de Vigo pídelle ao alcalde de Vigo, que, á marxe de promover concertos reivindicativos partidarios que non van arranxar absolutamente ningunha cuestión sobre o AVE, faga política real e trate de incidir nas decisións que toma o seu partido con respecto ás infraestruturas e sobre o propio AVE, preguntándolle os motivos polos o PSOE aliouse co PP para aprobar unha moción que, horas mais tarde é rexeitada polos seus socios na mesma comisión de Fomento do propio Senado.

Quizais é que estes motivos son os mesmos polos que o PSOE apoiou ao PP para estar hoxe no goberno e os mesmos polos que, iso si, o propio alcalde de Vigo apoia abertamente nunhas primarias á máxima expresión da defensa do pacto PP/PSOE.

Por tanto, calquera afirmación na liña da non defensa dos intereses da veciñanza viguesa por parte da Marea de Vigo, é rotundamente falsa, e só responde a campañas que poderíanse cualificar de “goebbelianas” por parte do alcalde de Vigo, ao que se lle pide, unha vez mais, coherencia e co-responsabilidade con respecto ás políticas e decisións que leva a cabo o seu partido.

%d bloggers like this: