MAREA DE VIGO DENUNCIA QUE EN VIGO NON HAI NIN UNHA VIVENDA PARA EMERXENCIAS POR DESAFIUZAMENTOS, NIN DA XUNTA NIN DO CONCELLO

O Grupo Municipal da Marea de Vigo denuncia que nin Xunta nin Concello teñen a data de hoxe unha soa vivenda na cidade para dar solución urxente ás familias desafiuzadas

Coñecidos os datos do Consello Xeral do Poder Xudicial que falan dun 14, 4% de aumento dos casos de desafiuzamentos en Galicia, a Marea de Vigo denuncia que non exista analogamente un reforzo da loita contra esta problemática con solucións habitacionais dende as administracións con competencias como o Concello de Vigo e a Xunta.

Marea de Vigo ten coñecemento dun novo caso de desafiuzamento en Vigo que pode ter lugar no día de mañá, desafiuzamento coñecido pola administración local ao ter recibido varias peticións de axuda, segundo as persoas afectadas.

Para a Marea de Vigo é urxente a adopción de medidas pro-activas en materia de vivenda por parte do Concello, xa que, por unha banda, a día de hoxe, tanto Concello como Xunta de Galicia recoñecen ás persoas afectadas que “non dispoñen de ningunha vivenda no término municipal de Vigo para estes casos”, e, pola outra, seguen sen aclararse os procesos de acceso ao rexistro de vivenda baleira da Xunta.

É inescusable a inacción do Goberno Municipal cara a veciñanza que se está vendo afectada, día tras día, en multitude de casos de desafiuzamento. Esta falla da responsabilidade natural que debería ter unha administración local como a máis próxima á cidadanía, está sendo paliada polo movemento asociativo, movementos sociais e veciñais que están acompañando ás persoas que se están vendo nestas situacións de emerxencia social e habitacional tan extremas.

Marea de Vigo considera tamén que o destino final dos recursos económicos obtidos das poxas polas 19 vivendas de Rosalía vendidas de xeito irresponsable polo Goberno Municipal, debe ser cara á dotación de máis patrimonio público destinado a que o Concello poida paliar a inexistencia de vivendas de emerxencia social para familias que son expulsadas dos seus fogares, especialmente aquelas onde existen menores e persoas dependentes.

Para substanciar isto, tal e como xa ten anunciado e presentado ante o Pleno a Marea de Vigo, é necesario a creación dun Parque Municipal de Vivenda, que, ademais de contar con vivendas de titularidade municipal, contaría con aquelas que puidesen ser cedidas a súa titularidade ou uso por entidades bancarias, SAREB ou outros organismos públicos mediante convenio.

Advertisements

MAREA DE VIGO PRESENTARÁ NO PLENO DO VINDEIRO LUNS UNHA MOCIÓN PARA A CREACIÓN DUN PARQUE MUNICIPAL DE VIVENDAS E A ELABORACIÓN DO SEU REGULAMENTO

logowebO Grupo Municipal da Marea de Vigo, despois de facer unha proposta de regulamento dun parque de vivendas municipais ós grupos municipais (proposta que non foi respondida por ningún dos dous grupos), presentará este luns unha moción no pleno para a creación dun parque municipal de vivendas co obxectivo de proporcionar solucións habitacionais ás familias que se atopen nunha situación de desafiuzamento ou risco de exclusión social por perda da súa vivenda habitual e precisen de intervención pública inmediata.

O Grupo Municipal considera que esta problemática é o suficientemente prioritaria para que toda a corporación municipal se poña a traballar de inmediato nas posibles vías de solución que se lle pode ofrecer á veciñanza que se atopa nesta grave situación, e cualifica de vergoñento o papel de “peloteo” que se está a xogar neste Concello con respecto ás competencias sobre vivenda (tal e como quedará reflectido no vindeiro pleno vistas as mocións presentadas neste caso polo Grupo Socialista) cando, tal e como expón a Marea de Vigo na súa moción, segundo o artigo 25.2.e) da Lei 7/1985, de 2 de abril, Reguladora das Bases do Réxime Local, dispón que os Municipios exercerán competencias na atención inmediata a persoas en situación ou risco de exclusión social, competencia obrigatoria de acordo co artigo 26.1.c) da devandita Lei.

Con isto, a Marea de Vigo pide á Corporación Municipal seriedade e compromiso coa cidadanía que están representando, poñendo as prioridades na vida das persoas e non en culpar a unha ou outra institución segundo unha cor política ou un interese electoral.

MAREA DE VIGO PROPORÁ NO PLENO A CREACIÓN DUN PARQUE MUNICIPAL DE VIVENDAS COMO O QUE XA FUNCIONA EN BURGOS, BILBAO, AS PALMAS, ETC..

Concello_de_VigoO Grupo Municipal da Marea de Vigo alerta da inexistencia de políticas organizadas de vivenda para colectivos en risco, que o Concello de Vigo non leva a cabo coa escusa de dicir que “as competencias de vivenda son autonómicas” mentres que outros concellos sí o fan. “Estes concellos levan políticas de vivenda sen tomar en conta á xestión autonómica e non pasa nada” suliña Rubén Pérez

Rubén Pérez, anunciou tamén que Marea de Vigo votará en contra do alleamento público de vivendas e solares que o goberno local pretende aprobar mañá en Xerencia de Urbanismo, en concreto 15 vivendas na Rúa República Arxentina e varios solares de titularidade municipal. Marea non entende como “a escusa de obtención de recursos económicos” pode ser un criterio para allear patrimonio público como figura na proposta de expediente cando a situación económica da que alardea o Goberno Municipal do Concello de Vigo non o precisa.

Marea de Vigo presentará unha moción ao pleno na que solicitará que se acorde a creación dun PARQUE DE VIVENDA MUNICIPAL como o aprobado en pleno de Concellos como o de Burgos, que en 2015 aprobou a creación dun parque de vivendas para atender a persoas e familias en risco de desafiuzamento ou sen recursos para acceder a unha vivenda digna.

Este futuro parque contaría coa totalidade das vivendas de titularidade municipal que figuran no inventario de patrimonio e aquelas que puidesen ser cedidas a súa titularidade ou uso por entidades bancarias, SAREV ou outros organismos públicos mediante convenio. No caso de Burgos unha entidade bancaria cedeu varios inmobles que son empregados polo concello como vivendas de emerxencia social.

Marea de Vigo considera que Vigo está “a anos luz” de iniciativas como as Sociedades Municipais de Promoción e Xestión de Vivenda que funcionan en Cádiz ou Zaragoza, que facilitan á cidadanía o acceso á vivenda digna en arrendamento ou mesmo en propiedade, ademais de xestionar o rexistro e os parques de vivenda municipal.

Do mesmo xeito Marea pedirá aclaración de que vai pasar coa parcela final resultante da agrupación das parcelas e vivendas expropiadas para a cesión de terreos á Xunta para a construción da cidade da Xustiza. O Grupo Municipal da Marea de Vigo entende que sen plan xeral do 2008 como referencia, coa posible alternativa de situar a cidade da Xustiza no edifico do antigo Hospital Xeral, cunha parcela xa rexistrada a nome do Concello e obtida con recursos de alleamentos públicos tal e como figura na LOUGA, debería ter un uso exclusivamente para a construción de vivendas “suxeitas a algún réxime de protección pública” tal e como figura no artigo 176.2.e da LOUGA e mesmo no expediente de alleamento do anterior lote de vivendas da rúa República Arxentina que dotou os recursos para as expropiacións deste ámbito.

ESQUERDA UNIDA DE VIGO URXE UN CENSO PÚBLICO DE INMOBLES DE TITULARIDADE MUNICIPAL (VIVENDAS E LOCAIS) PARA EVITAR DE XEITO URXENTE QUE FAMILIAS DE VIGO QUEDEN SEN VIVENDA POLOS DESPEXOS COMO O CASO DE AÚREA E A SÚA FILLA.

O candidato de EU ao Concello de Vigo Rubén Pérez volta a reiterar a publicación dese censo, reclamado por EU dende 2010.

O caso de Áurea e a súa filla de 3 anos que sufre fibrose quística, a piques de ser desafiuzada da súa vivenda, amosa que unha cidade como Vigo non ten resposta pública ante este drama e para Rubén Pérez esa resposta chámase: “parque público de vivendas para situacións de emerxencia”

O coordenador local de EU e candidato á alcaldía de Vigo, Rubén Pérez, considera factible igualmente que o debería inventariar e pedir a cesión mediante convenio coa Consellería de Educación das vivendas de profesores existentes en moitos centros educativos da cidade “en absoluto abandono” para darlles un uso social.

Para EU de Vigo situacións como as que está vivindo Áurea e a súa familia poñen en evidencia que a administración local viguesa, cos sucesivos colores políticos, artellou unha estratexia de “abandono de políticas de intervención pública en materia de vivenda” e lembra que existen empresas municipais de vivenda en moitos concellos que xestionan parque de vivenda propio, resultado de cesións, embargos a constructoras, etc… e parte do cal incorporase a un fondo social para familias sen recursos.

Vigo sique tendo case o 18% das vivendas desocupadas e EU considera que dentro desa gran bolsa seguro “levamos unha sorpresa do número de vivendas de titularidade local por procesos de asimilacións de vivendas sociais, de antigas empresas públicas ou do antigo ministerio de vivenda dos anos 70-80).

EU fai extensible este censo a locais de titularidade municipal froito de convenios urbanísticos con constructoras, xa que “eventualmente” podense adaptar para vivenda social como fan moitos concellos europeos e lamenta o absoluto obscurantismo sobre o patrimonio inmobiliario público da cidade.

ESQUERDA UNIDA DE VIGO PRESENTA NO REXISTRO DO CONCELLO UNHA PROPOSTA DE MOCIÓN DEFENDENDO O CARÁCTER SOCIAL DA VIVENDA

A moción que EU está presentando en tódolos concellos galegos pide ao pleno posicionarse en defensa dunha lei como a proposta por IU no goberno andaluz que mediante o  Decreto-Lei 6/2013, de 9 de abril, de medidas conquerirá asegurar o cumprimento da Función Social da Vivenda,  ante a inacción demostrada polo Goberno Central.

O coordinador local de EU, Rubén Pérez e rexistrou hoxe no Concello unha proposta de moción para o próximo pleno do Concello de Vigo que busca instar á Xunta de Galicia a aplicar medidas semellantes ás do goberno andaluz nun contexto como o de Vigo, no que tamén existe un notable atesoramento por parte das entidades financeiras de vivendas, adquiridas en execucións hipotecarias a un prezo moi inferior ao que estas mesmas entidades valoraron  na concesión dos seus créditos, e manténdoas  en moitas ocasións desocupadas unha vez procederon ao desafiuzamento.

Vigo é unha das cidades de Galicia con máis vivendas desocupadas, polo que é necesario estender as medidas adoptadas como o Goberno Andaluz a través da Consellería de Fomento e Vivenda no contexto galego.

Medidas supoñen un “plan de choque en salvagarda do ben xurídico protexido: o dereito a unha vivenda digna”, accións como obrigar á banca  e sociedades filiais e  inmobiliarias a declarar cal é o parque de vivendas baleiras dispoñibles e sacalas ao mercado do aluguer, sancionar o seu incumprimento ou mesmo expropiar temporalmente do uso das vivendas naqueles casos que vaian ser desaloxados cidadáns nos que concorran circunstancias sociais, tales que a súa saída do domicilio, supoña unha condena á exclusión social ou unha ameaza para a saúde física ou psíquica.

ESQUERDA UNIDA DE VIGO PREGÚNTASE SE O CONCELLO, QUE VEN DE APROBAR NON TRABALLAR CON ENTIDADES QUE REALIZAN DESAFIUZAMENTOS, PENSA TODAVÍA OBTER 27 MILLÓNS DE EUROS EN PRÉSTAMOS A ENTIDADES BANCARIAS ENTRE ESTE 2012 E O 2014.

O coordenador local de EU en Vigo, Rubén Pérez, valorou hoxe como “baleiro de contido real” o anuncio do Concello de non operar con entidades bancarias que realicen execucións hipotecarias. O coordenador considera que o PSOE ten unha responsabilidade “ineludible” na arquitectura legal e institucional aos desafuizamentos que agora pretende agochar tras acordos en pleno que son “papel mollado” ante o feito do contínuo recurso do endebedamento municipal con entidades bancarias (máis de 30 millóns se lle deben ao BBVA actor protagonista de miles de desafiuzamentos no estado español).

EU lembra que nos ORZAMENTOS APROBADOS para o 2012 establecíase un horizonte de novos préstamos entre 2012 e 2014 por valor de 27,6 millóns de euros, préstamos adicados case en exclusiva a seguir coa política de humanizacións con cargo ao endebedamento coas entidades de crédito privadas. Curioso xeito entón, engadíu Rubén Pérez, de castigar co “latigo da indiferencia municipal” a estas entidades bancarias.*

ESQUERDA UNIDA leva dende mediados dos 90 protestando e presentando iniciativas contra as sucesivas modificacións da lei do solo, da lei hipotecaria, da de arrendos urbáns…. igualmente seguimos denunciando as medidas de “puro maquillaxe” do drama dos desafiuzamentos xa que como recollía Yolanda Díaz, deputada de ALTERNATIVA GALEGA DE ESQUERDA e coordenadora nacional de EU: “O Real Decreto Lei 27/2012 de medidas urxentes para protexer aos debedores hipotecarios, é inxusto, déixanos na indefensión e só beneficia á banca “

EU considera inútil a proposta do PP, xa que:

a) O marco temporal decretado para a efectividade da suspensión temporal semella a todas luces insuficiente xa que nada, nada, garante que dentro de dous anos a situación das persoas afectadas mellore de forma substancial. A afirmación “con la confianza de que, a la finalización de este período, habrán superado la situación de dificultad en que se puedan encontrar en el momento actual” é un auténtico disparate, análogo ao dos “brotes verdes”. Desde Esquerda Unida, polo contrario, estamos convencidos que a mala situación económica, tendo en conta as desastrosas políticas do PP e da Troika, poden manterse, cando non empeorar.

b) Unámoslle ao anterior que o PP decidiu inhibirse e declara textualmente que o real decreto-lei non altera o procedemento de execución hipotecaria, polo que as persoas que estean nunha situación de “suspensión temporal” verán como os intereses de mora medran durante os dous anos como unha enorme lousa.  A consecuencia semella devastadora: o mantemento dunha mala situación económica, unida ao incremento dos intereses significarán, de forma inmediata, a perda da vivenda e a adquisición dunha débeda incrementada (polo propio goberno).

c)  Os supostos e os límites económicos (19.200 euros) son restritivos, xa que deixan fóra a moitas persoas que están, por moito que non o recoñeza este real decreto-lei, pasando por moitísimas dificultades debido non só a que hai unha situación de crise capitalista, senón a que todas as políticas de austeridade (neoliberal) do goberno foron contrarias ás posibilidades de que as persoas cheguen a fin de mes con tranquilidade.

d)  A única retroactividade que existe no real decreto-lei ten que ver co banco de vivendas na disposición adicional única. Pero o texto é claro no verbo empregado, promover, e, polo tanto, como a súa realidade efectiva vai depender, unha vez máis, da vontade da oligarquía financeira, estamos convencidos de que nada se vai facer ao respecto.

O grupo parlamentar de IU-A ESQUERDA PLURAL ven de presentar unha Proposición Non de Lei de moratoria de lanzamento execucións hipotecarias ao considerar que mentras no existe un marco legal e institucional non se pode seguir expulsando a cidadáns das súas videndas.

*Datos do endebedamento municipal en Vigo:

http://hoxe.vigo.org/pdf/orzamentos/2012/Concello_Estado_Deuda_Tres_Anos.pdf

 

%d bloggers like this: