MAREA DE VIGO ALERTA DA PERDA E DETERIORO CULTURAL QUE O MUSEO DE ARTE CONTEMPORÁNEA DE VIGO (MARCO) PODE SUFRIR SEN UN EQUIPO DIRECTOR E UN PROXECTO DEFINIDO E PLANIFICADO.

Rubén Pérez, voceiro do Grupo Municipal, considera que a “batalla de poder do PP e PSOE dende diferentes institucións dentro do Padroado do MARCO pode significar a defunción deste museo como espazo referencial da arte contemporánea en Galicia”.

Para Marea de Vigo, o feito de que o Concello de Vigo acabe asumindo a totalidade do Padroado e a maioría da inversión orzamentaria non pode alterar o proxecto museístico que durante anos, contra todas as dificultades, foron quen de sacar adíante os equipos directores do museo, referenciando a cidade de Vigo mesmo nos máis importantes circuítos de arte contemporánea do estado.

“O feito de que todo o peso económico recaía agora no Concello, que non existise unha vontade de que vellos actores como a Deputación volvesen ao padroado, xunto coa dimisión do actual director e a falla de programación cultural a medio prazo amosa unha grave falla de proposta como contedor cultural para o único museo en Vigo cun nivel de actividade e visitantes aceptable” expón Rubén Pérez

O MARCO, especialmente baixo a dirección de Iñaki Martínez, chegou a facerse un oco xunto a grandes museos de referencia internacional, polo que, a apertura do proceso para a contratación do novo director debe contar necesariamente con criterios de méritos e experiencia. Proxectar unha xestión centralizada dentro da Rede Museística Viguesa é un erro absoluto.

A situación de desamparo do museo era evidente, dados os recortes dos orzamentos pola vía da marcha de diferentes administracións que aportaban recursos, o sistema concesionado a empresas para a xestión das salas, a infrautilidade de espazos como o anexo posterior (agora de uso hostaleiro case en exclusividade), a desaparición da tenda, etc…exemplos todos do que ten vivido o museo nestes últimos anos e, no caso das dotacións orzamentarias, causas da propia situación.

Agora, lamenta Marea de Vigo, o feito de que todo o poder sobre o espazo do MARCO xire en torno as ocorrencias da alcaldía de Vigo, tratando de encaixar exposicións ou eventos que non teñen nada que ver coa arte contemporánea e a súa divulgación colectiva e social, pode supoñer un grave prexuízo cara o propio museo, provocando tanto a perda de identidade como a perda do recoñecemento conseguido durante os pasados anos.

Advertisements

MAREA DE VIGO SOBRE A SITUACIÓN DOS MUSEOS DA CIDADE E A PARTIDA ORZAMENTARIA DO ESTADO PARA O MARCO

O Grupo Municipal da Marea de Vigo considera esencial dotar de máis recursos e atención a rede de museos públicos da cidade para facer máis atractiva a súa oferta cultural.

Presentará, a través de En Marea, emendas aos Orzamentos do Estado para aumentar a partida económica destinada ao Museo de Arte Contemporáneo.

A Marea de Vigo trasladará ao Congreso dos Deputados as eivas existentes no Museo de Arte Contemporáneo, presentando, a través do Grupo Parlamentario de En Marea, unha emenda aos Orzamentos do Estado que contemple unha partida orzamentaria para ampliar a partida económica do MARCO. Marea de Vigo vén tempo denunciando os problemas que neste eido presenta a principal institución museística da cidade olívica (con preto de 90.000 visitantes ao ano e moi lonxe do seguinte espazo museístico, que recibe arredor das 25.000 visitas), xa que as partidas orzamentarias destinadas para o MARCO son insuficientes para ofertar unha ampla programación cultural. “É preciso asegurar unha programación completa, e para iso debemos aumentar as achegas económicas do Estado xa que o orzamento anual do seu Padroado (Concello de Vigo, Xunta de Galicia e Ministerio de Cultura), son escasos e non cobren, ás veces, todos os gastos do museo de xeito óptimo”.

O MARCO é, xunto ao Museo do Mar, o único espazo museístico de carácter público na nosa cidade (ademais dos das fundacións) que non está xestionado directamente polo Concello, que no caso de Vigo é o mesmo que estar concesionado. A situación da rede de museos que dependen do Concello é similar a calquera outro servizo xestionado por unha concesionaria (responsabilidade por tanto do Goberno que é quen en definitiva aproba os pregos de condicións para os servizos). Isto tradúcese en mínima atención e investimento e, por suposto, custe mínimo para pagar ao persoal, que ten que cubrir practicamente tódalas funcións que se levan a cabo nos museos, incluídas as tarefas de administración e coordinación, estando case na súa totalidade cubertas por persoal cunha categoría profesional pola que se percibe un salario non superior ao Salario Mínimo Interprofesional. Ademais, e como xa aconteceu co Verbum, estes espazos sufriron na súa gran maioría fortes reducións en investimento nos últimos anos, o que leva a un peor servizo que despois se traduce nos pésimos datos sobre as visitas.

Isto non é un feito illado en canto a atención que se lle da á cultura na nosa cidade, son moitas as asociacións culturais de música, teatro, danza, cine, etc… que nos últimos tempos teñen amosado o seu asombro porque Vigo estea fóra dos circuítos culturais do país e mesmo semelle non ser unha prioridade para este Goberno Municipal.

MAREA DE VIGO DENUNCIA A MORTE POR ASFIXIA DO TECIDO CULTURAL DA NOSA CIDADE.

Os recortes en cultura e a mala xestión do Concello de Vigo, son os responsábeis do fin do festival ALT e a situación de precariedade do Teatro Ensalle; referencia nacional nas salas alternativas do Estado.

A xerencia explicoulle ao concelleiro Xosé Lois Jácome os principais problemas que está tendo o Teatro para poder seguir sendo referencia nacional e continuar con programación de calidade na cidade, problemas que se repiten en todo o tecido asociativo cultural.

A cultura viguesa está a asfixiarse por mor das axudas nominativas que expide o goberno de Abel Caballero; estas axudas en forma de convenio -que deberían ser de concorrencia competitiva, segundo a Marea de Vigo e a xerencia do teatro- repártense sen ter coñecemento do proxecto. As responsábeis do Ensalle demandan que as axudas se repartan con concorrencia competitiva e cun epígrafe que expida de maneira lóxica e obxectiva tales achegas.

O Concello de Vigo repártelle ao Teatro Ensalle 4.000€ en forma de axuda nominativa; unha cantidade que vén sendo o 2,3% do presuposto total no 2016. Temos que ter en conta, que o Teatro nútrese de tres principais institucións:
2,3%: Concello de Vigo
24% Xunta de Galicia
28% Ministerio de Cultura
O resto é presuposto posto polo Teatro.

Ao Concello de Vigo corresponderíalle outorgar unha axuda ao Teatro que fose para investir en infraestrutura; mais o Concello entrega axudas para a programación, cousa que non é competencia do organismo local, senón que é algo que lle corresponde ao Ministerio; o cal esixe para acceder ás axudas estatais que os teatros sexan interautonómicos (máis de 3 comunidades autónomas) para poder conseguir unha axuda viable. A Xunta esixe que o 50% sexa galego e que haxa tránsito entre compañías de distintas provincias. É por estes requisitos, que se “o Concello falla, tamén o fai a Xunta e o Ministerio”, apunta un dos responsábeis do Teatro.
Grazas ao Ensalle, os organismos de cultura da Xunta e do Estado investiron en 13 anos máis de 2 millóns de euros en Vigo; polo que o Concello non está valorando que só cun 2,3% de investimento consigue unha cantidade moi significativa que fai emerxer á cultura viguesa, e que se fose unha cifra digna, podería manterse sen problemas un dos teatros alternativos máis importantes do estado. O organismo local investiu soamente 40.000€ ao longo da historia do Teatro.

“A esperanza do norte”, como lle chama moita xente da península ao Teatro Ensalle, está a organizar -sen axudas institucionais- unhas xornadas de cultura con ECOAR; onde encherán de arte catro días de maio e onde actuarán compañías internacionais. O obxectivo é visualizar a desidia das institucións pola cultura e reflexionar sobre como achegar o teatro á sociedade.
Ao ser o Teatro Ensalle tanto unha referencia estatal en estilos artísticos -como a danza contemporánea-, como unha principal porta de entrada da cultura e de cartos a nosa cidade, así como de saída de proxectos cara o mundo; non é de recibo que este goberno non mostre interese polos seus proxectos e lle dea practicamente unha esmola para garantir a súa continuidade; plasmando, iso si, o selo do Concello nos carteis do Teatro; pois o investimento medio anual desta sala oscila entre os 140.000€ e os 180.000€, polo que os 4.000€ que reciben do Concello é unha cantidade ridícula respecto ao investimento e á riqueza cultural que está a recibir Vigo grazas a súa labor. Esta cifra resulta aínda máis vergoñenta se a comparamos cos 8.500€ anuais que recibe o Teatro a través da ‘Asociación Amigos del Teatro Ensalle’; que composta por 40 socias e socios, aportan máis do dobre que o Concello de Vigo.

O GRUPO MUNICIPAL DA MAREA DE VIGO RECOLLE AS PROPOSTAS FEITAS POR TRABALLADORAS/ES DE ARQUEOLOXÍA SOBRE A CONSERVACIÓN DOS XACEMENTOS ARQUEOLÓXICOS CATALOGADOS E REXISTRA UNHA MOCIÓN COAS SÚAS PROPOSTAS

logowebRecentemente foi adxudicado polo Goberno Local o Plan de limpeza dos bens arqueolóxicos municipais á empresa Xestión Ambiental de Contratas, empresa especializada en “urbanizacións e creación de espazos verdes” en lugar de facelo contando coa experiencia e opinión das e dos arqueólogos e dende unha xestión totalmente pública.

Dentro dos límites territoriais do Concello de Vigo existen máis de 170 xacementos arqueolóxicos catalogados, e polo tanto, suxeitos a protección legal e urbanística. A Lei 8/1995, do 30 de outubro, do Patrimonio Cultural de Galicia establece unha correspondencia de colaboración entre a administración autonómica e as corporacións locais, para adoptar, en caso de urxencia, as medidas cautelares necesarias para salvagardar os bens do patrimonio cultural de Galicia que se virán ameazados.

Pero, a maiores de calquera consideración legal, a administración local ten que achegarse ao patrimonio cultural abordándoo como unha gran oportunidade, O patrimonio é unha arma cargada de futuro. Vigo non pode permitirse o luxo de desdeñar o seu patrimonio cultural –e dentro del o patrimonio arqueolóxico-, xa que cunha boa xestión pode ser unha gran oportunidade para o crecemento do turismo de calidade na nosa cidade.

Xose Lois Jácome, concelleiro da Marea de Vigo, sinala que, “sen embargo, no prego de condicións da concesión só figuran os bens patrimoniais que o goberno considera mediáticos, deixando no abandono máis absoluto bens culturais como o petroglifo de Redondelos en Matamá, o castro do Carballal en Cabral, ou Castro Castriño tamén en Cabral, por citar só tres dos bens catalogados pola Xunta e esquecidos polo Concello na súa concesión, destinada a xerar titulares e non a solucionar os graves problemas patrimoniais do Concello, actitude que por outra banda é a habitual en Abel Caballero.”

O Grupo Municipal da Marea de Vigo considera que a conservación de bens patrimoniais debería ser unha prioridade para calquera goberno responsable e que debería ser xestionada directamente dende a área de patrimonio do Concello con persoal cualificado para estas tarefas, xa que non ten nada que ver o coidado dun xardín co mantemento e conservación de áreas de interese histórico.

Coa colaboración da Deputación de Pontevedra que xa dispón dunha bolsa de emprego con persoal cualificado para estas tarefas, e dende unha xestión plenamente municipal seria posible manter non só as áreas que figuran no prego senón ampliar estas zonas con maior seguridade para o patrimonio que desexamos legar a todas e todos os que veñan detrás.

ESQUERDA UNIDA DE VIGO PRESENTOU O SEU PROGRAMA DE CULTURA E DE DEFENSA DA LÍNGUA GALEGA

Esquerda Unida de Vigo presentou o seu programa de cultura e de defensa da língua galega alertando de que a crise tamén afecta á cultura e a promoción da nosa língua.

Rubén Pérez, candidato de EU ao Concello de Vigo e Xesús Alonso Montero, Catedrático da Lengua Galega e membro da candidatura de EU ao concello de Vigo suliñaron que a cultura é un sector que pode crear emprego e riqueza tamén dende o municipalismo. 

ESQUERDA UNIDA defende unha cultura como espazo de socialización e de prestixio do colectivo, educadora da cidadanía nun lecer crítico e creativo fronte ao patrón consumista e individualista. Igualmente é garantía de reafirmación das nosas raíces de identidade como galegos, orgullosos dun idioma nin mellor nin peor que outros, simplemente noso. ESQUERDA UNIDA defenderá en propostas de cultura e defensa da lengua as seguintes prioridades: 

  • Programas integradores e de calidade, dende o público e coa complicidade do tecido sociocultural da cidade. 
  • Apoio municipal a salas, locais, bares, etc… que programan alternativas culturais e que non teñen prácticamente apoio municipal. 
  • Loitar contra a cultura espectáculo (Cow Parade, Regata Cutty Sark …) que dilapidan millóns de euros sen xenerar tecido cultural e defender activamente a micropolítica cultural. 
  • Ampliación da rede de CASAS DA CULTURA, creación dun ATENEO CULTURAL VIGUÉS e dotar aos barrios que non dispoñen deles un centro cívico (barrios como Lavadores, Beade, Valladares, etc…). 
  • Creación dunha TV PUBLICA e RADIO PÚBLICA viguesa que dinamice especialmente a cultura e a información plural. 
  • WIFI en todo o térmo municipal gratuito. 
  • Loita contra a SGAE e denuncia municipal dos seus abusos. 
  • Defensa da lengua galega en tódolos ámbitos públicos, evitando que sexa un arma política entre partidos e axudando que sexa o concello a verdadeira arma de inmersión lingüística integradora. 
  • Impulsar de espazos culturais de contido feminista nas novas radio e televisión públicas. 
  • Fomento dos ciclos culturais de cine aproveitando as xinerxias locais como LUMIERE ou a ALIANZA FRANCESA.

Esquerda Unida de Vigo denuncia os despidos na musealización do Castro de Vigo

ESQUERDA UNIDA DENUCIA OS DESPIDOS DE PERSONAL NAS MUSEALIZACIÓNS DO CASTRO DE VIGO E A FINCA MIRAMBEL E CONSIDERA INEXISTENTE O PLAN MUSEISTICO ANUNCIADO POLA TENENCIA DE ALCALDÍA.

 

O coordenador local e candidato á alcaldía en 2011, Rubén Pérez, recorda que so coa partida de cartos asignada a axendas en 2011 polas concellerías do BNG se mantiñan todos os postos de traballo nas dúas musealizacións durante un ano.

O Castro

O coordenador local e candidato á alcaldía en 2011, Rubén Pérez, denuncia que a escusa do peche por reformas do museo do poblado do Castro en decembro era en realidade o peche por falla de planificación a hora de asignar recursos e personal ao museo do Castro. Actualmente somentes traballa un arqueólogo na musealización co que se suspenderon as visitas guiadas que requiren alomenos dous especialistas. Igualmente denuncia que co despido do garda xurado contratado a empresa VINSA somentes hai unha persona na musealización de Mirambel sendo inexistentes as visitas guiadas explicativas.

Para ESQUERDA UNIDA o concello asfixiou á empresa contratada para a xestión do museo do castro sen pagarlle durante meses provocando os despidos dos arqueólogos e o vixiante. Incluso coa renovación do convenio en agosto seguíu incumplindo o pago do acordado para a xestión do entorno musealizado.

ESQUERDA UNIDA cuestiona o gasto de 1 millón de euros na musealización do castro porque entronca coa mania que ten o PSOE e o BNG de levantar museos pero non dotalos de orzamento nin personal co que a cidadanía de Vigo o que acaba tendo e un “continente valeiro de contido”. É un exemplo máis da nefasta política cultural e de fomento do
patrimonio histórico deste goberno bipartito.

A magnífica acollida da cidadanía viguesa do poboado musealizado do Castro (máis de 10.000 visitas en catro meses) demostra que nin siquera con voa vontade de disposición da nosa cidadanía a coñecer o seu patrimonio histórico o Concello planifica e optimiza os recursos.

 

Gabinete de Prensa
Secretaría de Comunicación
Executiva Local de Esquerda Unida

Esquerda Unida saúda a cidadanía galega que saíu masivamente a rúa para defender civicamente a súa lingua e a súa cultura ante o ataque do goberno do PP

EU VALORA COMO UN GRANDE ÉXITO A MANIFESTACIÓN EN DEFENSA DA LINGUA GALEGA E CONTRA O DECRETO, FALAZMENTE ALCUMADO DO PLURILINGÜISMO

ESQUERDA UNIDA ENTENDE QUE TANTO O PRESIDENTE DA XUNTA COMO O PP DEBEN DAR MARCHA ATRÁS AO DECRETO CONTRA O GALEGO ANTE O UNÁNIME CLAMOR POPULAR

Nun ambiente festivo entre sons de tambores, pandeiretas e gaitas, 100.000 galegas e galegos convocados pola plataforma Queremos Galego manifestáronse civicamente a prol da lingua e a cultura galega. A manifestación partiu da Alameda compostelá encabezada pola pancarta principal sostida, entre outros, por Carlos Callón, portavoz de Queremos Galego e Yolanda Díaz, Coordinadora Nacional de Esquerda Unida organización que forma parte da plataforma.

Esquerda Unida valora como un grande éxito a manifestación e considera que o 17 de maio de 2010, día das letras galegas, pasará aos anais da historia como a data na que o pobo galego saíu masivamente a rúa para defender a súa lingua e a súa cultura do ataque sen precedentes que o Goberno do PP está a executar mediante o decreto contra o galego, xa que logo, supón un recorte dos dereitos lingüísticos dos galegos e galegas como así o indican diversos informes xurídicos como o díctame do Consello Consultivo que indica que o decreto que pretende aplicar o Executivo galego é ilegal e inconstitucional.

EU entende que tanto o presidente da Xunta como o PP están solos e illados na súa política lingüística, polo que deben dar marcha atrás e retirar o decreto contra o galego. Non só polo unánime clamor popular amosado polo pobo galego, senón tamén porque o decreto atópase fora do ordenamento xurídico, constitúe un ataque político sen precedentes contra a lingua e a cultura galega e racha co consenso acadado durante toda a historia do autogoberno galego, levado acabo a través da Lei 3/1983 de Normalización Lingüística e mailo Plan Xeral de Normalización Lingüística aprobado en setembro de 2004, sendo Vicepresidente da Xunta o propio Feijóo.

As bases do decreto producirán consecuencias negativas para a nosa lingua, o alumnado e a propia sociedade. A lingua galega, minorizada pola imposición secular dun poder político alleo as necesidades e arelas do pobo galego, require, para facer efectiva a súa normalización, ser a lingua vehicular na escola; a actual lexislación (decreto 124/2007) aínda sendo insuficiente para conquerila como non deixan de pór en claro os diversos estudos e informes sociolingüísticos realizados, supuña un paso adiante pois é un feito cientificamente demostrable que as linguas febles como a galega necesitan da discriminación positiva para garantir a competencia do alumnado, como así o recolle o Informe do Consello da Cultura Galega, que advirte de que “en ningún caso se deben tomar medidas que supoñan pasos atrás no proceso de recuperación do galego” e que a nosa lingua “precisa dun apoio especial para superar a súa posición actual de desvantaxe”. Con todo o “decretazo lingüístico do PP” apunta cara a progresiva desaparición do galego como lingua viva e de cultura, na procura do pensamento único tan característico dos gobernos neoliberais.

A nosa organización reclama abrir un amplo diálogo social para conquerir unha plena e eficaz aplicación da lei e do plan de normalización lingüística no que ninguén se sinta excluído, polo que en aras da concordia e o entendemento solicita ao PP a retirada do decreto, falazmente alcumado do plurilingüismo.

Gabinete de Prensa
Secretaría de Comunicación
Executiva Nacional de Esquerda Unida
%d bloggers like this: