MAREA DE VIGO PÍDELLE AO GOBERNO MUNICIPAL A RECUPERACIÓN DOS CASE 10 MILLÓNS DAS TORRES “IFER”

Marea de Vigo pídelle ao Goberno Municipal a recuperación dos case 10 millóns de euros que lle corresponden ao Concello, e polo tanto á veciñanza viguesa, polo aproveitamento lucrativo das Torres “Ifer”.

Os diferentes gobernos negáronse a cumprir a lexislación vixente e as diferentes sentenzas nas que, conforme á propia lei, dotaban ao Concello do 10% da promoción das torres.

“Xusto nun momento no que o debate sobre a vivenda pública ten tanta relevancia, e xusto no momento no que se vai elaborar un novo Plan Xeral de Ordenación Municipal, a Marea de Vigo considera que xa é o tempo de reclamar para a cidadanía viguesa o que, goberno tras goberno municipal rexeitaron reclamar” afirma Rubén Pérez, voceiro do Grupo Municipal da Marea de Vigo.

O Grupo Municipal da Marea de Vigo, xa en agosto do 2015, preguntara no Pleno do Concello se nesta ocasión íase levar a cabo dita reclamación, obtendo como resposta un simple “fíxose como marcaba a lexislación vixente no momento”. A Marea de Vigo entendeu entón que a resposta debía vir motivada polo convenio que tiñan asinado a Promotora Ifer e o propio concello, onde non existía tal 10%, mais, segundo sinala Rubén Pérez, “a lei está e estaba tamén naquela altura por enriba dun convenio bilateral. E dicir, ou o convenio é ilegal, ou simplemente non reflectía esa parte, o que non exime do seu cumprimento”

No seu día, a propia promotora Ifer tratou incluso de “saltarse” a lei nese aspecto, amarrándose ao citado convenio urbanístico.

Dito convenio tamén foi requirido polo Grupo Municipal da Marea de Vigo, hai xa máis dun ano, así como os planos que puideran clarificar as/os verdadeiras/os propietarias/os dos terreos afectados na promoción. Para ambas cousas, a Marea de Vigo obtivo o silencio como resposta.

Ademais destas peticións, hai un feito que, para a Marea de Vigo sería aclaratorio, que non é outro que saber si existe licenza de actividade nas torres, e no caso de non existir, os motivos.

Calquera intento de legalización de todo o ámbito, debería pasar polo reparto equitativo de cargas urbanísticas e beneficios, pola redacción do proxecto de compensación e pola clarificación da propiedade dos terreos, ademais de facer a reclamación que, tal e como fixo Adif (Ministerio de Fomento) reclamando o que lle corresponde á entidade (sentenza 629/2015 do TSXG) o Concello tería que facer, reclamando, neste caso, o devandito 10% de aproveitamento lucrativo.

Para o Grupo Municipal da Marea de Vigo, é especialmente grave que, dende o ano 1996, coñecida a sentenza xa naquela altura polo propio Concello de Vigo, estiveron, todos os diferentes gobernos que pasaron polo Concello, “escurrendo o vulto, facendo varias modificacións e tratando así encaixar e legalizar o que non pode ser legalizado. Mais o máis grave de todo é que, en definitiva, unha promotora privada apropiouse dunha gran cantidade de diñeiro pertencente á veciñanza de Vigo, para o que contaron coa interesada conivencia das persoas que din representar a dita veciñanza” remata Rubén Pérez.

MAREA DE VIGO ANTE AS ÚLTIMAS INVESTIGACIÓNS XUDICIAIS E A CONTRATACIÓN PÚBLICA.

O Grupo Municipal da Marea de Vigo atribúe a (nova) investigación xudicial sobre dous concelleiros e persoal do Concello a unha práctica habitual de asignar postos de responsabilidade no cadro de persoal local ao gusto do Goberno de Abel Caballero.

Marea de Vigo considera que o Goberno Local ten que dar explicacións ao Pleno e pide e a convocatoria urxente da comisión especial de investigación que reiteradamente solicitou para aclarar os procesos xudiciais abertos, que forman parte do “día a día” deste Concello.

O voceiro do Grupo Municipal da Marea de Vigo, Rubén Pérez, denuncia que “os informes sobre a maior parte das inversións en contratacións, tanto en concesións de obras e servizos como en humanizacións, están feitos por persoal absolutamente descoñecido e sen a correspondencia adecuada na RPT”. Destaca que “asistimos a un rosario de recursos no Tribunal en Materia de Contratación (Parques e Xardíns, alumeado, Limpeza de colexios, ORA…) que, en moitas ocasión apuntan aos propios pregos e clasificacións de ofertas.”

O Grupo Municipal da Marea de Vigo lémbralle ao Goberno Municipal que, ao igual que a Comisión de Investigación, tamén solicitou reiteradamente a relación de postos de traballo actualizada (RPT), documentación que tiña que ter acompañado aos orzamentos e non o fai dende hai anos. A publicación desta relación permitiría saber o modo mediante o cal están ocupados certos postos de responsabilidade por parte de funcionarias/os, cuestión que, entre outras, está comezando a ser parte do día a día nos xulgados da nosa cidade.

Polo tanto, o voceiro do Grupo Municipal da Marea de Vigo, Rubén Pérez, considera que “non é ningunha sorpresa a investigación xudicial aberta contra dous concelleiros do Goberno local e mesmo responde a decisión política de Marea de Vigo de non participar en mesas de contratación onde están presentes sen ningún problema. Persoal que, sen estar perfectamente clasificado na RPT e tratándose en moitos casos de persoal con encomendas que deberían durar 6 meses (e levan mais de dez anos nalgún caso), participa activamente na redacción de pregos, valoración de propostas e clasificación de ofertas”.

Por outra banda, para o Grupo Municipal da Marea de Vigo, esta nova ida aos xulgados por parte de certas/os traballadoras/es e edís do Concello de Vigo, veñen a reafirmar, outra vez, que a causa non é outra que as dinámicas de traballo que se están levando a cabo no Concello nos últimos anos, a mesma que non controla as concesionarias públicas e a mesma que engrosa sumarios como os da Operación Patos e, seguramente a mesma que fará que sigan xurdindo novos casos con novas investigacións si non se toman medidas de inmediato. É inaceptable que a base de premios, favores e débedas, estéanse condicionando unha gran parte dos contratos públicos, xogando ademais cos cartos de todas e todos.

PORTO CABRAL É UNHA OPERACIÓN ESPECULATIVA QUE DISTA MOITO DA REACTIVACIÓN ECONÓMICA QUE PRECISA ESTA CIDADE

O Grupo municipal da Marea de Vigo, vistas os últimos movementos arredor do proxecto de Porto Cabral, considera inaceptables os argumentos que grupo inversor, directiva da comunidade de montes e unha asociación de comerciantes pretenden utilizar para resucitar o proxecto.

En canto aos aspectos legais utilizados para defender o desenvolvemento de Porto Cabral, a Marea de Vigo considera que, por unha banda, a mencionada lei 3/2016 non permite determinadas actuacións como recalificacións de solo, neste caso, a conversión dun solo rústico á urbano consolidado para un uso comercial. Pola outra, a vía da supramunicipalidade non se pode tomar, posto que non estamos falando dun centro de interese público e utilidade social, como podería ser unha universidade ou mesmo un hospital, senón dun centro comercial e de ocio, polo tanto, segundo Rubén Pérez, voceiro do Grupo Municipal da Marea de Vigo, “se isto acontecese, habería que denuncialo inmediatamente na fiscalía”.

A única opción posible é na redacción dun novo plan, plan que por outra parte, debe estar sometido a unha avaliación ambiental estratéxica, na que Porto Cabral non tería cabida.

De feito non ten cabida nin desde o punto de vista ambiental, nin económico nin coherente coas necesidades que pode ter Vigo. Exemplo disto aconteceu en cidades como Zaragoza, con Porto Venecia (proxecto irmán de Porto Cabral) onde a Cámara de Comercio xa recoñeceu que se destruíron máis de 1000 postos de traballo no comercio local de proximidade da cidade, cuestión que parece obviar o presidente da asociación de comerciantes e hostaleiros da Zona Náutico, cando asina un convenio coa empresa promotora de Porto Cabral, que, a todas luces, prexudica ao comercio local, promovendo supostamente o desprazamento dos visitantes entre a zona náutico e Cabral, dito noutras palabras: privando ao resto do comercio da cidade (onde existen mais dunha vintena de asociacións de comerciantes consolidadas) das visitas de potenciais clientes.

O Grupo Municipal da Marea de Vigo tamén cuestiona as afirmacións que parece facer a entidade inversora sobre os terreos. Cando afirma que ten un acordo cos propietarios, debería especificar a quen se refire, posto que se trata dunha comunidade de montes cuxa asemblea xa votou “non” á venda dos terreos; Quizais entón se estea referindo unicamente á Directiva de dita Comunidade de Montes, que nunca cesou no seu intento por vender o monte para este proxecto.

O GRUPO MUNICIPAL DA MAREA DE VIGO LEVARÁ O VINDEIRO PLENO A PETICIÓN DE COMISIÓN DE INVESTIGACIÓN SOBRE O AUDITORIO MAR DE VIGO.

Auditorio_Pazo_de_Congresos_Mar_de_VigoO pasado 7 de outubro o Grupo Municipal rexistrou a petición da comisión, que será levada o pleno, en forma de moción, o próximo luns.

O auditorio Mar de Vigo está a converterse ano tras ano nun verdadeiro problema para esta cidade e para os recursos públicos, e a recente entrada en concurso de acredores da UTE que o xestiona ven a amosar as consecuencias da mala xestión deste espazo que xa, durante a súa construción, xerou unha serie de problemas que desembocaron daquela noutra comisión de investigación, entre outras problemáticas, porque, dun proxecto inicial de 85,7 millóns de euros, acabou en 154,5; case duplicando os custes.

Rubén Pérez, voceiro do Grupo Municipal da Marea de Vigo, lembra que tamén “en 2012 ampliouse a concesión a 25 anos e desembolsáronse 5 millóns de euros, argumentando a ampliación de prazas de rotación no actual aparcadoiro cando non existiu nunca demanda das mesmas.”

Para a Marea de Vigo, non e concibible que, a unha concesionaria que recibe ao ano medio millón de euros para a xestión da actividade cultural, a que ademais se lle subvencionan gran parte das actividades que se realizan no espazo e ademais agora se lle pretenden dar mais de 800.000 euros para alugar un espazo para a UNED, non se exerza sobre ela control algún, e, ao final, tal e como xa comeza a ser costume neste concello, acabe nunha situación de concurso de acredores, o que fai a situación actual insostible.

Polo tanto, Marea de Vigo, vai pedir no pleno do luns, a apertura dunha Comisión Especial de Investigación sobre o Auditorio Mar de Vigo e todos os contratos, convenios, actividades ou calquera tipo de intervención existente no presente e pasado entre este concello e a empresa concesionaria, así como entre as e os actores que forman parte de ambas entidades.

MAREA DE VIGO CONSIDERA QUE A SITUACIÓN DA CONCESIÓN DE PARQUES E XARDÍNS OBRIGA A CREACIÓN DE MECANISMOS PERMANENTES DE CONTROL DAS CONCESIONARIAS E A POSTA EN MARCHA DAS FERRAMENTAS QUE XA EXISTEN

conc1Entre os posibles mecanismos está o observatorio da contratación pública en Vigo para “fomentar a auditoría cívica” dos contratos públicos que propuxo en reiteradas ocasións, e constitución da Comisión de Vixilancia da Contratación.

O cadro de persoal e diversos colectivos veciñais, veñen, dende o inicio da concesión, denunciando tanto o estado das zonas axardinadas, como os incumprimentos en materia laboral, pero en lugar de actuar, o Goberno Municipal, mesmo actualizou prezos da concesión cunha modificación de crédito aprobada fai meses.

O Grupo Municipal da Marea de Vigo pide que se convoque de xeito inmediato a a Comisión de Vixilancia da Contratación Pública como obrigatoria tras unha emenda do noso grupo municipal sobre a proposta de Regulamento, e lembra que leva anos sen convocarse, e de feito, está aínda sen constituír, polo que sería bo avanzar na creación dun organismo aberto que evite “sustos” como os que está dando o contrato de parques e xardíns.

Tamén o Grupo Municipal da Marea de Vigo considera moi interesantes, tal e como xa expresou noutras ocasións, as iniciativas que Concellos como o de Zaragoza lanzaron fai anos, como a da creación dun OBSERVATORIO DA CONTRATACIÓN PÚBLICA, que audita tanto os cumprimentos dos pregos das concesionarias de servizos públicos como a calidade e cumprimento de convenios e lexislación laboral dos contratos de traballo que formalicen.

Para Rubén Pérez, voceiro do Grupo Municipal da Marea de Vigo, a operación Patos, os informes do tribunal de contas dubidando dos procedementos de adxudicación de obras do PLAN E e mesmo as recentes denuncias sobre contratación formuladas por colectivos ou mesmo grupos municipais, xa fan imprescindible dotarse de organismos transparentes que auditen a contratación no Concello de Vigo “visto que hai unha desidia interesada ou mesmo provocada polo propio Goberno Local”.

É notorio que coa negativa a reunir á Comisión de Vixilancia da Contratación, ou mesmo a negativa a creación da comisión especial de investigación que solicitou Marea de Vigo “non existe nin control nin vontade de facer un seguimento exhaustivo sobre a calidade do traballo que xeran as contratas, sobre as contratacións nas mesmas, sobre contratos menores, sobre inversións, etc….

Marea de Vigo propón a posta en funcionamento deste observatorio, onde participarían os grupos municipais, as seccións sindicais do concello, os comités de empresa das grandes concesionarias públicas e mesmo o tecido veciñal e asociacións de consumidores e usuarios, serviría para ter un organismo plural e apartidario de seguimento do grado de cumprimento dos pregos de concesión, algo practicamente inexistente na actualidade na nosa cidade e deixado ao arbitrio do concelleiro da área correspondente. Do mesmo xeito que propoñemos que se apliquen as sancións correspondentes ás concesionarias que incumpran os pregos, ó marxe das detraccións nas facturas, que é o único que fixo este goberno municipal neste caso coa concesionaria de parques e xardíns.

O GRUPO MUNICIPAL DA MAREA DE VIGO CONSIDERA POLITICAMENTE IRRELEVANTE O SOBRESEMENTO DA IMPUTACIÓN DA FAMILIAR DE CARMELA SILVA NO CASO DO SUPOSTO ENCHUFISMO E LEMBRA QUE, ADEMAIS DE FUNCIONARIOS DESTE CONCELLO, UN EDIL SEGUE SENDO INVESTIGADO NA CAUSA.

logowebA Marea de Vigo insiste na necesidade da asunción de responsabilidades políticas con respecto os diversos casos xudiciais abertos nos que se atopan inmersos varios ediles do Concello.

O Grupo Municipal da Marea de Vigo quere lembrarlle tamén a Pedro Sánchez que, cando afirma que non leva persoas imputadas nas súas listas, posiblemente sexa por que as persoas imputadas xa teñen cargos institucionais actualmente, como acontece no Concello de Vigo. Nin máis nin menos que 5 dos 17 dos que tanto presume o alcalde para xustificar cada unha das súas accións.

A Marea de Vigo considera que a súa función ó respecto á hora de pedir responsabilidades é política, tal e como substanciou en varias ocasións pedindo comisións de investigación no Pleno do Concello, que lle foron sempre negadas, demostrando o Grupo Socialista ese talante democrático do que se vanagloria día si, día tamén, véndose obrigados a personarse como acusación popular no seu día na Operación Patos por unha cuestión incluso de necesidade, poñendo así unha “barreira de contención”. Pero polo que se pode ver día tras día, dá a impresión de que non hai límite nesta Casa do Concello, cada vez son máis as paralizacións e anulacións dos concursos públicos, ben por que moitas empresas, fartas das dinámicas das mesas de contratación, presentan recursos, ou ben por ordes do tribunal administrativo central de recursos contractuais.

O que está claro, segundo Rubén Pérez, voceiro do GM da Marea de Vigo, e que “existe unha grande distorsión na contratación pública neste Concello, e a cidadanía ten que saber do xogo que se está a facer cos seus cartos, pero o seu Goberno Municipal, representado por Abel Caballero en lugar de dar explicacións, adícase a facer declaracións dun moi baixo nivel político e descualificacións ó estilo mesmo dunha parodia de Nerón cara a quen lle está preguntando que está a acontecer coas concesionarias públicas.”

MAREA DE VIGO CONSIDERA ESCANDALOSOS OS VÍNCULOS QUE AMOSAN A EXISTENCIA DUN SALARIO DE 97.000 EUROS NUNHA CONCESIONARIA MUNICIPAL E PROCESOS DE INVESTIGACIÓN XUDICIAL ABERTOS.

logowebPide que o Concello aclare si o empregado que ten este salario coincide co que “tivo de declarar en dependencias policiais e xudiciais” sobre a contratación de familiares de membros do goberno local.

O voceiro municipal da MAREA DE VIGO Rubén Pérez, lembra que “foron despedidas 4 traballadoras dos centros cívicos dentro da concesión de IMESAPI sen ser subrogadas e agora para este contrato se blinda a subrogación do cadro de persoal incluído este salario, que corresponde a labores de xerencia da empresa que opera en moitos concellos non so o de Vigo; polo que estamos pagando custos estructurais da empresa, non da concesión”. MAREA sospeita do cambio de declaración de ese empregado en dependencias policiais e xudiciais, resultando moi “curiosa”.

O voceiro do grupo municipal da MAREA DE VIGO Rubén Pérez, considera xa inaprazable a concreción de comisións de control e seguimento das concesionarias públicas sobre todo porque a sospeitas de que poden converterse en “plataformas de contratación partidaria dos gobernos municipais” está máis que fundamentada.

MAREA DE VIGO pedirá aclaracións xa no vindeiro pleno de como a redacción do prego de condicións ven de ser impugnado por unha empresa licitante por cuestión derivadas dos custos salariais presentes no devandito prego.

%d bloggers like this: