MAREA DE VIGO PIDE AO CONCELLO QUE INVISTA NA CONSTRUCIÓN DE ESCOLAS INFANTÍS DADA A ALTA DEMANDA QUE EXISTE NA NOSA CIDADE, NA QUE SÓ EXISTEN 5 ESCOLAS INFANTÍS PÚBLICAS NA ACTUALIDADE.

A lei Montoro impide ao Concello de Vigo utilizar o superávit para a construción de escolas infantís mais a consignación de recursos no capítulo de investimentos permitiría que se puidesen facer.

A escasa existencia de escolas infantís públicas está obrigando á creación de bonos para as familias co obxectivo de que poidan acceder ás escolas infantís privadas ou concertadas.

Para o Grupo Municipal da Marea de Vigo, unha das medidas que se poderían tomar desde o ámbito do Concello, entendendo que non se pode usar o superávit para elo, é comezar a consignar recursos económicos no capítulo de investimentos para os orzamentos do 2018, no lugar das humanizacións, que si que poden ser financiadas a través do superávit. Por exemplo, o millón de euros que se consignou para a grada de Balaídos (que podería ter saído do superávit) podería terse consignado para a construción de escolas infantís. Marga L. Barreiro, concelleira do Grupo Municipal da Marea de Vigo, incide “Non é comprensible que nos 55 millóns de euros que, segundo o alcalde existen para os investimentos que están en marcha neste 2017, non haxa espazo para a construción de escolas infantís”.

Asociacións como FOANPAS xa teñen feito estudos sobre as necesidades de Vigo en canto a escolas infantís e zonificación, e, entre as conclusións que teñen sacado, os lugares onde hai máis demanda son Bouzas, Navia- Coia, Lavadores-Calvario, Valadares ou mesmo o centro, alén do Casco Vello, onde non existe ningunha opción de escola infantil pública. Desde a Marea de Vigo insístese en que, máis aló das responsabilidades que ten a Xunta por cuestións competenciais en materia de educación, “o Concello ten a capacidade e posibilidade de paliar algunhas das carencias que existen en materia de equipamento educativo e así debería actuar”, explica Marga L. Barreiro.

Advertisements

MAREA DE VIGO AMOSA O SEU APOIO Á FECOVI ANTE A DESESTABILIZACIÓN QUE ESTÁ SUFRINDO NOS ÚLTIMOS DÍAS

O Grupo Municipal da Marea de Vigo apoia á Federación de Comerciantes de Vigo (FECOVI) na operación de desestabilización alentada desde o Concello que está a sufrir nos últimos días.

A Marea de Vigo sempre apoiará a de a todas aquelas  asociacións e federacións que pulan polo asociacionismo como ferramenta aglutinadora de defensa dos dereitos comúns, neste caso, do pequeno comercio local.

Para a Marea de Vigo, os intereses particulares, partidarios ou conxunturais non deberían de condicionar a situación da federación de comercio vigués, que, á marxe de escoitar as diferentes posturas políticas con respecto aos temas que lles son do seu interese, as súas decisións deben ser soberanas e sen inxerencias tales como o feito de tratar de crear novas asociacións para copar os espazos comúns, accións que parece están a acontecer desde o momento, hai xa meses, no que se puxo enriba da mesa o debate sobre os horarios comerciais ao ser declarada Vigo como “cidade de gran afluencia turística”, momento no cal, de forma demostrada, desde a concellería de Comercio, leváronse a cabo certas manobras para acadar o resultado que lle interesaba a mesma Concellería (e que non necesariamente ía a favor da supervivencia do pequeno comercio).  “FECOVI sempre foi un órgano independente dos gobernos locais e así debe de seguir sendo”, apunta Rubén Pérez, voceiro do Grupo Municipal da Marea de Vigo.

O que está acontecendo nesta ocasión e que algúns pretenden a división do tecido asociativo dos comerciantes a través da defensa dun proxecto que hoxe en día  está morto, como é o proxecto de Porto Cabral. Esta defensa é cualificada pola Marea de Vigo como “actitude suicida”, xa que, a historia, os proxectos paralelos noutras cidades do estado e mesmo os estudos, veñen reafirmar o desastre que supoñen os grandes centros comerciais para o pequeno comercio local, e, segundo Rubén Pérez,  “non podemos entender que asociacións como a de Teis tomen estas decisións en base á defensa de Porto Cabral, sendo este proxecto completamente lesivo para os intereses dos/as seus/súas representados/as”.

Desde o Grupo Municipal da Marea de Vigo tamén hai que dicir que a información que se está dando sobre a saída de asociacións como a do Calvario e Príncipe de FECOVI resulta moi imprecisa e podería dar lugar confusións, xa que, o acontecido con estas asociacións sucedeu hai tempo e baixo razoamentos que distan moito do suxerido e argumentado nos últimos días por parte, neste caso, da asociación de comerciantes de Teis.

MAREA DE VIGO ALERTA DO PECHE DE LOCAIS NO CASCO VELLO ALTO E PIDE AO CONSORCIO DO CASCO VELLO E O CONCELLO QUE ACTÚE

Marea de Vigo alerta do peche xeneralizado de locais e negocios no Casco Vello Alto e pide actuacións do Consorcio do Casco Vello e o Concello para evitar o fracaso da revitalización da zona.

Rubén Pérez: “A falla dunha actuación pro-activa do Concello e o Consorcio do Casco Vello forma parte das causas polas que esta semana xa teñen pechado varios locais da zona”.

Marea de Vigo considera que finalmente os alugueres excesivos, a falla de campañas de dinamización no comercio e mesmo o pouco dinamismo de visitas na Pinacoteca Municipal están rematando co proceso de rexeneración da zona emprendido fai algún tempo.

Xa fai anos que a asociación cultural do Casco Vello Alto identificaba a necesidade de programar actividades e dotar ao barrio de vida cultural que fose parella ao proceso de rehabilitación, mesmo a idea de facer do barrio alto un barrio das artes ou da mocidade creadora quedou nun baleiro fronte ao inmobilismo das administracións. A marcha dun coñecido fotógrafo que tiña unha tenda-galería no barrio é sen dúbida un feito que ten que activar xa ao Consorcio do Casco Vello, posto que estes locais estaban promovidos e ofertados por ese ente.

En canto ao recente anuncio por parte do Goberno Municipal sobre o acceso ao barrio, “unha entrada ao barrio alto presidido por un Castelo de San Sebastián en mal estado e cunha zona de aparcadoiro e contedores desordenada non é a mellor presentación turística do barrio, sendo necesaria a reordenación do acceso dende a rúa Pracer. Un plan de reordenación que conecte a Praza do Rei coa entrada superior ao barrio é absolutamente necesario.” argumenta Rubén Pérez, voceiro do Grupo Municipal da Marea de Vigo.

MAREA DE VIGO CUALIFICA COMO MOI GRAVE AS ADXUDICACIÓNS PÚBLICAS A EMPRESARIOS QUE NON CUMPREN COS DEREITOS LABORAIS

O Grupo Municipal da Marea de Vigo cualifica como moi grave a adxudicación de concesións públicas a empresarios que non cumpren cos dereitos máis básicos das e dos traballadoras/es

Marea de Vigo advirte á Mesa de Contratación que isto pode acontecer no caso da próxima adxudicación na explotación da cafetería e a instalación de máquinas expendedoras de bebidas e sólidos na Casa do Concello.

Nos pasados días, a empresa que figuraba como primeira na clasificación de ofertas para esta concesión, renunciou á mesma no momento da entrega da documentación solicitada pola Mesa de Contratación, dada a imposibilidade que tiña para entregar dita documentación a causa das débedas de natureza tributaria coas que contaba e a imposibilidade de obter aval bancario. Isto provocou que se lle solicitase á segunda clasificada a documentación pertinente.

O que acontece agora, e que ven de ser denunciado e mesmo comunicado formalmente pola Federación de Servizos da central sindical CIG aos Grupos Municipais e á mesma Mesa de Contratación, é que, a segunda clasificada nas ofertas ven sendo unha empresa co mesmo administrador único que a primeira empresa clasificada (segundo o Rexistro Mercantil).

Esta empresa mantén, a día de hoxe, á marxe das débedas que mantén coa Tesourería Municipal, miles de euros en débedas salariais con traballadoras e traballadores, que, tal e como todas e todos poderemos recordar, mobilizábanse día tras día nas portas da cafetería do Hospital Meixoeiro hai xa máis de 5 anos. Aínda é que, hoxe en día, atópase cun embargo no Xulgado do Social polo que ten que depositar cantidades de xeito mensual.

Para o Grupo Municipal da Marea de Vigo, o cumprimento das obrigas en materia laboral, debe ser unha das condicións “sine qua non” para o acceso a unha concesión pública, e é por isto polo que tamén advirte á Mesa de Contratación dos feitos arredor destas dúas empresas que de facto, veñen sendo responsabilidade da mesma persoa. Para a Marea de Vigo, polo tanto, non é aceptable que se lle permita ter contratos coa administración pública a empresarios que non cumpren cas/os traballadoras/es e, neste caso, despois dos feitos probados, non cabe a escusa do descoñecemento por parte da mesma administración.

MAREA DE VIGO LAMENTA QUE OS RECURSOS OBTIDOS POLA VENDA DOS PISOS DE REPÚBLICA ARXENTINA NON TEÑAN DESTINO DE CARÁCTER DE VIVENDA SOCIAL.

O Grupo Municipal da Marea de Vigo lamenta a venda das vivendas de República Arxentina sen ter destino final para os recursos recadados.  Agora mesmo soamente quedan 4 pisos en propiedade municipal.

Marea de Vigo considera que os máis de 3 millóns de euros recadados na venda deberían empregarse en adquirir máis vivenda de titularidade municipal, pero para destinala a emerxencia social.

Rubén Pérez, voceiro do Grupo Municipal, considera que “os valores catastrais e os prezos de saída das vivendas de Rosalía de Castro eran altas, polo que co recadado en cada vivenda poderían adquirirse varias repartidas polo conxunto da cidade para artellar un parque de vivenda municipal de emerxencia social, feito que reiteradas veces temos reclamado dende Marea de Vigo”. Do mesmo xeito, Rubén Pérez tamén entende que “os recursos obtidos de alleamentos públicos, deberían ter un uso exclusivamente para a construción de vivendas suxeitas a algún réxime de protección pública, tal e como figura no artigo 176.2.e da LOUGA e mesmo no expediente de alleamento do anterior lote de vivendas da rúa República Arxentina que dotou os recursos para as expropiacións do ámbito da cidade da Xustiza, situación definitivamente modificada ao situala finalmente no antigo Hospital Xeral.

Marea de Vigo no seu día rexeitou este alleamento público de vivendas e solares que o Goberno Local aprobou na Xerencia de Urbanismo, en concreto 15 vivendas na Rúa República Arxentina e varios solares de titularidade municipal. Marea de Vigo non entendía naquela altura que a escusa de obtención de recursos económicos pode ser un criterio para liquidar patrimonio público como figura na proposta de expediente, cando a situación económica da que alardea o Goberno Municipal do Concello de Vigo non o precisa.

Polo tanto, o Grupo Municipal da Marea de Vigo considera que o destino final dos recursos económicos obtidos nas poxas públicas polas 19 vivendas vendidas (orixinariamente para pagar as expropiacións ou demandas dos ex-propietarios dos terreos da frustrada cidade da xustiza) ten que ser inescusablemente dotar de máis patrimonio público e vivendas coas que o concello poida paliar a inexistencia de vivendas de emerxencia social para as familias que son expulsadas dos seus fogares, especialmente aquelas onde existen menores e persoas dependentes.

Este futuro parque contaría tamén coa totalidade das vivendas de titularidade municipal que figuran no inventario de patrimonio e aquelas que puidesen ser cedidas en titularidade ou uso por entidades bancarias, SAREB ou outros organismos públicos mediante convenio. “Sen expropiar o dereito de uso como fixo por exemplo na anterior lexislatura o goberno andaluz, o rexistro será un mero instrumento estatístico” apunta Rubén Pérez.

Marea de Vigo considera urxente adoptar unha medida proactiva en materia de vivenda por parte do Concello ante a evidencia de que o modelo de rexistro de vivendas baleiro proposto pola Xunta, quen ten competencias en materia de vivenda, é unha cortina de fume, xa que segue sen aclararse como as familias poderán acceder a unha de esas vivendas rexistradas. Hai máis de 2600 vivendas declaradas pola SAREB e entidades bancarias pero nin un solo regulamento nin modelo de acceso ás mesmas.

O GRUPO MUNICIPAL DA MAREA DE VIGO PIDE ACLARAR SE OS AUTOBUSES PÚBLICOS TEÑEN OPERATIVA A RAMPLA ADAPTADA.

O Grupo Municipal da Marea de Vigo pide aclarar se os autobuses públicos teñen operativa a rampla adaptada.

Tendo constancia de varias denuncias de persoas en cadeira eléctrica que non puideron acceder aos autobuses de Vitrasa por non estar operativo o sistema que así o facilita.

O Grupo Municipal da Marea de Vigo denuncia que vai facer un ano que o Concello anunciou unha instrución especial para regular o acceso das persoas que empregan cadeiras eléctricas tipo “scooter”, instrución anunciada por Abel Caballero como “unha prioridade non só en Vigo senón tamén a nivel do estado, que defendería como presidente da FEMP”, mais nada se fixo a esta altura. O Grupo Municipal da Marea de Vigo non ten constancia de ningunha orde especial nin modificación do servizo de transporte urbano.

O concelleiro da Marea de Vigo Xosé Lois Jácome, lembra que “non se trata de dispor dun servizo a demanda a través de autobuses especiais para persoas con mobilidade reducida (os PMR), xa que, se realmente é certo que o 68% dos autobuses de Vitrasa contan con rampla manual e dende decembro de 2005 moitos con rampla eléctrica, non se entende que moitos usuarios de cadeiras eléctricas teñan denunciado a imposibilidade de subir en moitos autobuses de diversas liñas da cidade.” No entanto Marea de Vigo non entende que haxa tantas denuncias por parte das persoas usuarias se foran certos os anuncios do concello e da concesionaria ao respecto, onde se di que a maioría da flota xa está dotada do sistema de rampla eléctrica.

Xosé Lois Jácome, considera ademais que “é absolutamente necesario que todos os autobuses estean equipados co sistema eléctrico e non manual debido aos tempos impostos pola empresa ás/aos condutoras/es; a súa baixada, ademais de atrasar, trátase dunha función a maiores das que teñen asignadas, que con toda seguridade, non está reflectida nas súas condicións laborais nin en materia de saúde laboral”.

Por outra banda, ao Grupo Municipal da Marea de Vigo non lle estraña esta situación, perfectamente coherente cun Goberno Municipal para o que unhas escaleiras mecánicas axudan á mobilidade, cando, para unha persoa que use cadeira de rodas, estas resultan completamente inútiles.

MAREA DE VIGO ANTE AS ÚLTIMAS INVESTIGACIÓNS XUDICIAIS E A CONTRATACIÓN PÚBLICA.

O Grupo Municipal da Marea de Vigo atribúe a (nova) investigación xudicial sobre dous concelleiros e persoal do Concello a unha práctica habitual de asignar postos de responsabilidade no cadro de persoal local ao gusto do Goberno de Abel Caballero.

Marea de Vigo considera que o Goberno Local ten que dar explicacións ao Pleno e pide e a convocatoria urxente da comisión especial de investigación que reiteradamente solicitou para aclarar os procesos xudiciais abertos, que forman parte do “día a día” deste Concello.

O voceiro do Grupo Municipal da Marea de Vigo, Rubén Pérez, denuncia que “os informes sobre a maior parte das inversións en contratacións, tanto en concesións de obras e servizos como en humanizacións, están feitos por persoal absolutamente descoñecido e sen a correspondencia adecuada na RPT”. Destaca que “asistimos a un rosario de recursos no Tribunal en Materia de Contratación (Parques e Xardíns, alumeado, Limpeza de colexios, ORA…) que, en moitas ocasión apuntan aos propios pregos e clasificacións de ofertas.”

O Grupo Municipal da Marea de Vigo lémbralle ao Goberno Municipal que, ao igual que a Comisión de Investigación, tamén solicitou reiteradamente a relación de postos de traballo actualizada (RPT), documentación que tiña que ter acompañado aos orzamentos e non o fai dende hai anos. A publicación desta relación permitiría saber o modo mediante o cal están ocupados certos postos de responsabilidade por parte de funcionarias/os, cuestión que, entre outras, está comezando a ser parte do día a día nos xulgados da nosa cidade.

Polo tanto, o voceiro do Grupo Municipal da Marea de Vigo, Rubén Pérez, considera que “non é ningunha sorpresa a investigación xudicial aberta contra dous concelleiros do Goberno local e mesmo responde a decisión política de Marea de Vigo de non participar en mesas de contratación onde están presentes sen ningún problema. Persoal que, sen estar perfectamente clasificado na RPT e tratándose en moitos casos de persoal con encomendas que deberían durar 6 meses (e levan mais de dez anos nalgún caso), participa activamente na redacción de pregos, valoración de propostas e clasificación de ofertas”.

Por outra banda, para o Grupo Municipal da Marea de Vigo, esta nova ida aos xulgados por parte de certas/os traballadoras/es e edís do Concello de Vigo, veñen a reafirmar, outra vez, que a causa non é outra que as dinámicas de traballo que se están levando a cabo no Concello nos últimos anos, a mesma que non controla as concesionarias públicas e a mesma que engrosa sumarios como os da Operación Patos e, seguramente a mesma que fará que sigan xurdindo novos casos con novas investigacións si non se toman medidas de inmediato. É inaceptable que a base de premios, favores e débedas, estéanse condicionando unha gran parte dos contratos públicos, xogando ademais cos cartos de todas e todos.

%d bloggers like this: