O GRUPO MUNICIPAL DA MAREA DE VIGO ESÍXELLE AO PRESIDENTE DA ÁREA METROPOLITANA, ABEL CABALLERO, QUE VOLVA A REUNIR ÁS ALCALDÍAS DA ÁREA COA XUNTA COMO FERRAMENTA PARA DIRIMIR O ASUNTO DO TRANSPORTE METROPOLITANO E EVITAR ASÍ O XOGO DE MAIORÍAS E MINORÍAS QUE LEVOU A CABO O PP NO DÍA DE HOXE.

vitrasaPara o Grupo Municipal da Marea de Vigo, que forma parte do Grupo político Marea Metropolitana na Asemblea da Área Metropolitana de Vigo, non é aceptable a manobra que tratou de levar a cabo a Xunta no día de hoxe na xuntanza da Comisión de Seguimento do Transporte na que, facendo uso da maioría que o Partido Popular posúe nela (e non na Asemblea da Área) tratou de levar a cabo votacións que poderían ter como resultado a dilapidación da Área Metropolitana.

Para a Marea de Vigo, ao igual que expuxeron hoxe os alcaldes do Grupo Metropolitano do que forman parte e que acudiron hoxe á xuntanza da Comisión de Seguimento do Transporte convocada pola Xunta (Cangas e Salceda), tratar de utilizar unha maioría forzando votacións cuxo resultado pode significar a paralización total da Área Metropolitana non é o camiño para solucionar as diverxencias, senón que os debates se deben dar no seo da Área, é, de non existir acordos, seguir traballando onde si os hai e dirimir o resto no contencioso ao non ter outra alternativa. En todo caso, o órgano onde se ten que dirimir, non é o convocado e celebrado no día de hoxe.

A Marea de Vigo considera un erro que a Xunta estea “amarrándose” a unha interpretación do Convenio asinado xunto ao Concello de Vigo e Vitrasa, no que, tal e como veñen de admitir hoxe, é o Concello de Vigo o que debe pagar o bono do transporte urbano de Vigo de todas as persoas viaxeiras da área, con independencia da procedencia, utilizando incluso comparacións como a Área de A Coruña ou de Santiago de Compostela, pero, sen falar da gran diferenza que existe con Vigo: Vigo paga á empresa por viaxeiro e as outras urbes, o fan por km, o que constitúe unha diferenza considerable no caso que estamos a tratar. Ademais de que, para os demais concellos da área a teoría parece diferente, posto que os gastos do transporte xa existente están repartidos entre a propia Xunta e o concello en cuestión.

Por tanto, esixímoslle á Xunta que acepte a interpretación que fai Vigo do Convenio, posto que beneficiaría a toda veciñanza da Área (e non soamente á de Vigo), e ao Alcalde de Vigo e Presidente da Area (do que aínda non se entende como puido asinar ese convenio de interpretación tan arbítrea) que, tal e como fixo á hora de poñer a andar a Área, convoque a Xunta e as alcaldías da Área para poñer todas as diferenzas e acordos enriba da mesa e se poida comezar a traballar, mais aló dos panfletos por parte do PP e o lanzamento de receitas dia sí día tamén por parte do Alcalde de Vigo cara a Xunta.

Advertisements

MAREA DE VIGO CONSIDERA UN “ESPERPENTO” AS ACTITUDES DO PP E PSOE, DINAMITANDO A ÁREA METROPOLITANA DESDE DENTRO.

vitrasaO Grupo Municipal da Marea de Vigo considera que o convenio asinado por Xunta, Concello de Vigo e Vitrasa efectivamente ten diferencias substanciais de interpretación (especialmente no tocante aos anexos onde figuran tarifas para viaxes sen saltos no ámbito de Vigo) polo que a solución do contencioso é unha vía lóxica. Tamén lembra que foi o Alcalde de Vigo o que pedía a formulación desta denuncia no contencioso e comprometíase a “acatar o seu resultado”.

O voceiro do Grupo Municipal da Marea de Vigo, Rubén Pérez, sinalou hoxe que o debate sobre o modelo de xestión de transporte da Área Metropolitana continúa a ter tintas esperpénticas, por unha banda o PP negando que a entrada do transporte urbano de Vigo no transporte metropolitano sexa unha realidade dende o mesmo momento no que a lei que está aprobada contén o convenio esixido entre Concello e Xunta; e doutra o Concello de Vigo non asumindo o erro de ter asinado con pouca cautela un convenio que na súa páxina 9 (anexo sobre tarifas actuais do transporte metropolitano) introduce unha interpretación moi aleatoria do que comporta o prezo do billete para as viaxes no transporte urbano de Vigo ao non especificar as responsabilidades sobre as bonificacións á custo do Concello de Vigo para as viaxes sen transbordo. Para a Marea de Vigo este convenio é insuficiente precisamente pola falla de concreción, alén do estraño feito de que unha empresa privada a que lle quedan dous anos de concesión sexa parte asinante do convenio coma si dunha institución pública se tratara.

Marea de Vigo non deixa de sorprenderse sobre os motivos polos que se asinou o convenio por parte do Concello de Vigo a través do seu Alcalde se non se tiña claro a interpretación do mesmo, no que ademais non se deixa claro cal vai ser o proceso de integración do transporte urbano de Vigo no transporte metropolitano, polo que Marea de Vigo demanda discutir sobre o modelo de transporte metropolitano, sobre as razóns polas que o modelo de lei aprobada polo Partido Popular desbota a xestión pública directa do transporte, e sobre como e cando se concretará a cesión de competencias en transporte á Área. Polo tanto, Marea de Vigo pide que se convoque, tralo pleno organizativo, un pleno extraordinario para dirimir a cuestión do transporte.

Sendo un momento e oportunidade importante para abaratar e incluso remunicipalizar servizos, a importancia da Área debería estar por enriba das siglas, posto que servizos como o do transporte, auga, ou a rsu poderían ser xestionados desde a Área, mais se a vontade, tanto do PSOE como do PP non muda, seguramente este novo intento de construción da Área Metropolitana de Vigo volva a fracasar.

MAREA DE VIGO ANTE A NEGATIVA DA XUNTA A INSCRICIÓN DA ÁREA METROPOLITANA DE VIGO NO REXISTRO DE ENTIDADES LOCAIS

areametropoPara o Grupo Municipal da Marea de Vigo, que forma parte do grupo Marea Metropolitana na asemblea da Área Metropolitana de Vigo, a noticia recibida hoxe con respecto a negativa da Xunta de Galicia a inscribir a Área Metropolitana de Vigo no rexistro de Entidades Locais ven a confirmar que a posición política do PP con respecto á Área é de boicot por un cálculo partidista.

O Grupo Municipal da Marea de Vigo, representado na Área por Marga L. Barreiro e Rubén Perez, insiste en que todas as discrepancias sobre o ámbito do transporte metropolitano e a entrada do transporte urbano de Vigo na Área deben ser resoltas no ámbito da área, e de non constituírse esta, o único que existe é unha pelexa entre administracións. É unha grave irresponsabilidade, xa que pode supoñer outra vez a morte do intento de posta en marcha da Área, onde moitos servizos poderían ser reconfigurados e incluso xestionados de xeito publico, ademais de que a veciñanza dos concellos que abarca a area merecen que se asuman as responsabilidades necesarias para a mellora dos seus servizos públicos por enriba de intereses partidistas.

Marea de Vigo considera que a argumentación que a Xunta está poñendo enriba da mesa sobre a capacidade de interrupción da constitución da Área por parte do Presidente de idade da Mesa senta un precedente moi perigoso a hora a constitución de entes públicos e, de existir calquera defecto de forma, hai modos de solucionalo sen chegar a os termos que se están a chegar, pero para iso é necesaria a vontade política, cuestión que non está demostrando o Partido Popular con respecto a posta en marcha da área Metropolitana de Vigo.

Por tanto, a Marea de Vigo esixe unha xuntanza urxente entre Xunta e Concello de Vigo para solucionar esta cuestión, lonxe do inoperante intercambio postal que estamos acostumadas e acostumados a ver entre ambas administracións ,e considera que o perseverar na actitude do boicot a Área Metropolitana, o PP está alimentando o uso localista dun instrumento de gran importancia para todas e todos as e os habitantes da área, convertindo a Abel Caballero nun mártir innecesario.

MAREA DE VIGO PRESENTA AS EMENDAS Á LEI DE ÁREA METROPOLITANA DE VIGO.

Marea-Vigo-rubenMarea de Vigo trasladou hoxe ao grupo parlamentar de AGE unha serie de emendas ao proxecto de Lei de Área Metropolitana. O Grupo Parlamentar de AGE non presentou finalmente a solicitude de devolución que garantía o debate sobre as insuficiencias da lei, e no seu lugar presentou as emendas que se lle trasladan dende este Grupo Municipal e as que elaborou o propio Grupo Parlamentar.

As emendas da Marea de Vigo están feitas baixo a filosofía da recuperación dos servizos públicos actualmente privatizados, así como do control dos servizos concesionados, incluíndo nas mesmas as garantías de cumprimento dos pregos no caso das empresas adxudicatarias de tales servizos, tal e como sempre defendeu a Marea de Vigo. Transporte, RSU, a auga, son servizos que poden ser perfectamente asumidos directamente dende a Área Metropolitana e o Grupo Municipal da Marea de Vigo considera que neste momento, co debate desta lei, ábrese a porta a cambios substanciais en materia de recuperación para a xestión pública directa.

Por outra banda, pídese artellar un estatuto de capitalidade para Vigo evitando o baleiro legal da declaración de capital semellante a capital provincial que expón o PSOE e que obrigaría a modificar a lei de bases de réxime local.pdf1

MAREA DE VIGO APOIA OS CONSENSOS DOS ALCALDES PERO OS CONSIDERA INSUFICIENTES DENTRO DUNHA LEI DE ÁREA METROPOLITANA QUE PRETENDE TER INCIDENCIA SOBRE MÁIS DE MEDIO MILLEIRO DE PERSOAS.

vigoEstando dacordo co consenso existente entre os alcaldes dos municipios da Área Metropolitana, o Grupo Municipal da Marea de Vigo considera necesario o afondamento nas materias substanciais da propia área como o transporte, a RSU ou a xestión da auga, temas que non se definen co detalle que se precisa no actual proxecto.

O Grupo Municipal da Marea de Vigo considera insuficiente o contido da lei que vai ser debatida no parlamento galego, posto que soamente supón o 1% do conxunto das materias que deberían de ser debatidas na devandita lei e que serían competencia da Área Metropolitana. Actualmente a proposta está baseada na gobernanza da mesma, feito que é importante, pero non o único que debe existir na lei.

A Marea de Vigo, despois de non ter podido acceder o debate sobre a Lei de Área Metropolitana de Vigo, tal e como xa denunciou con anterioridade, onde solicitaba que este debate se dera no pleno como maior órgano de representación democrática do municipio, tal e como fixeron concellos como o de Cangas ou Moaña; vai presentar emendas substanciais sobre a mesma perante o parlamento galego, posto que considera, na liña do anteriormente exposto, que o debate sobre presidencias ou órganos xestores non poden deixar nun segundo plano asuntos tan importantes sobre os que se nos abre agora a posibilidade dun cambio real e efectivo como é a xestión do transporte, auga ou xestión de residuos. Non descartando, a través de AGE, solicitar a devolución da lei para a súa mellora.

MAREA DE VIGO PIDE QUE O TEXTO DO PROXECTO DE LEI DA ÁREA METROPOLITANA SEXA DEBATIDO E ACORDADO NO PLENO.

logowebO Grupo Municipal da Marea de Vigo considera que a proposta de remitilo directamente á Xunta de Galicia só co aval da Xunta de Goberno “mingua consenso cidadá en Vigo” , e sería máis integrador e moito máis democrático tratalo nun pleno como van facer hoxe os Concellos de Cangas e Moaña.

A Marea de Vigo non tería problemas en aprobar o borrador de texto de lei e mesmo as emendas presentadas polo goberno local pero, segundo Rubén Pérez, “sen un debate previo e sen que pase polo pleno incúmplese gran parte dos preceptos do pretendido consenso do que fala o alcalde”. Cuestións desta importancia non poden ser aprobadas baixo o arbitrio da Lei de Grandes Cidades que está sendo moi cuestionada polo propio PSOE en moitos concellos.

O GM da Marea de Vigo considera “bastante surrealista” que a Xunta de Goberno de hoxe aprobe o texto da futura lei que ven a modificar a que aprobara o Parlamento de Galicia o pasado 9 de abril do ano 2012, (Lei 4/2012, do 12 de abril, da Área Metropolitana de Vigo) sen trasladalo tamén ao pleno, xa que o proceso de debate aberto pola administración autonómica recolleu tanto as impresións dos gobernos municipais como dos grupos da oposición dos 14 concellos que integraron de xeito inicial esta área. En Vigo, como se non existira.

“Non cometamos o erro”, sinalou hoxe Rubén Pérez, “de pensar que os consensos municipais en esta materia se manteñen no tempo se son exclusivamente froito de debates en Xuntas de Goberno e non en Plenos. “as cores políticas dos gobernos cambian pero os acordos dos Plenos vinculan a todos, goberno e oposición”.

MAREA DE VIGO CONSIDERA POSITIVA A PROPOSTA DE VIGO PARA POÑER EN MARCHA A CONSTRUCIÓN DO FUTURO TRANSPORTE METROPOLITANO

logowebMarea de Vigo defende a “especificidade” do transporte urbano en Vigo pero ese mesmo feito non impide a integración e coordinación metropolitana.

Marea de Vigo valorou hoxe a xuntanza mantida polos 14 concellos principais da futura área como “esperanzadora” e celebra que haxa consenso en que a actual lei é insuficiente e ten que ser amplamente modificada e dotada de orzamento e claridade no reparto competencial asumido por parte das administración públicas

Marea de Vigo considera necesario o acordo do transporte interurbano e como integrar os traxectos que afecten dentro do mesmo ao transporte urbano de Vigo e mesmo defende artellar dende xa os traballos para que o novo prego concesional ao rematar a concesión en 2019 teña xa partes específicas do transporte metropolitano.

Marea de Vigo aportará a súa proposta ao plan de transporte que deseñe a futura área metropolitana, que pasaría por un modelo análogo ao da área metropolitana de Barcelona, onde existiría un Consorcio público participado ao 51% pola Xunta de Galicia, o 25% polo Concello de Vigo e un 24% polo resto dos concellos da área metropolitana. Para a Marea así se solventarían os problemas de financiación do servicio xa que a maior parte da financiación sería autonómica de acordo con esa participación maioritaria no consorcio.

%d bloggers like this: