MAREA DE VIGO ESIXE A ASUNCIÓN DE TODAS AS RESPONSABILIDADES POLÍTICAS DERIVADAS DA XESTIÓN DA ADXUDICACIÓN DO CONTRATO DE ALUMEADO PÚBLICO.

logowebO Grupo Municipal da Marea de Vigo utilizará todas as vías que lle permita a Lei de Rexime Local e o Regulamento do Pleno para poñer claridade sobre todo o que rodea a adxudicación do contrato de alumeado a empresa Imesapi.

No día de onte xa o Grupo Municipal da Marea de Vigo, a través do seu voceiro, Rubén Pérez, denunciaba publicamente unha serie de irregularidades na xestión da concesión do contrato de alumeado a unha empresa cun vínculo familiar co Concelleiro do Goberno que participa na mesma, Concelleiro que ademáis en caso de empate de votacións na mesa disporía de voto dobre . Segundo a lexislación aplicable, non é compatible a participación na mesa si hai un vinculo de ata segundo grado de consanguinidade ou afinidade, como é o caso. Este asunto levou á mesa a emitir un informe valorando a situación, co cal o Grupo Municipal da Marea de Vigo non está dacordo, posto que sitúa a persoa vinculada a empresa nunha posición non decisoria, cando consideramos, tendo en conta os datos, non é o caso.

O Grupo Municipal da Marea de Vigo considera tamén que este problema podería terse evitado dun xeito tan sinxelo como que o concelleiro en cuestión non participase nesta mesa e o fixera outro no seu lugar. O feito de non facelo da a entender que se está actuando con tal descaro por parte deste goberno municipal que nin se preocupa por gardar as máis minimas formas democráticas de funcionamento.

Por isto, xa rematado o proceso de adxudicación, a Marea de Vigo levará o asunto ó Pleno e ademáis solicitará a apertura das comisións pertinentes para esclarecer o que está acontecendo e aconteceu con esta empresa e o Concello, a mesma que conseguiu empotrar cun salario de 97.000 euros como persoal subrogable ó xerente da mesma, e a mesma que está pasando por procesos xudiciais nestes intres con outros asuntos referentes a concesións públicas do Concello de Vigo e a supostas contratacións falsas de persoas afins o Goberno Municipal.

Do mesmo xeito, a Marea de Vigo considera que este asunto debe ser esclarecido no ámbito político e descarta acudir a sede xudicial, onde soamente acudíu ata o de agora pola reiterada negativa do Goberno Municipal a apertura de comisións de investigacións, nese caso, sobre a Operación Patos.

MAREA DE VIGO CONSIDERA QUE, DE PRODUCIRSE A CESIÓN DO SERVIZO DE LIMPEZA, A GARANTÍA NON DEBE SER DEVOLTA A LINORSA.

Concello_de_VigoO Grupo Municipal da Marea de Vigo constatou hoxe con información do Comité de Empresa (información da que tamén dispón o Goberno Municipal), que se está tratando de “empotrar” no servizo a cargos da empresa que non eran subrogables, tal e como vemos noutras concesións públicas neste Concello ultimamente.

Non sería a primeira vez que un ente público non devolve o aval depositado por unha empresa concesionaria por causa dun incumprimento igual o que tivo Linorsa para co cadro de persoal de limpeza da Casa do Concello e Colexios. O Grupo Municipal da Marea de Vigo considera que os servizos xurídicos do Concello son quen de analizar a posibilidade si as decisións políticas van acorde coa vontade de facelo.

Tamén resulta curiosa a diferencia que parece se ten por parte deste Goberno Municipal con unhas e outras empresas concesionarias, e por extensión, co seu cadro de persoal. Este Grupo Municipal non se esquece das e dos traballadoras/es dos aparcadoiros de Porta do Sol e Praza de Portugal, e sigue vixiante con estes servizos, posto que aínda hai procesos xudiciais abertos; e procesos de adxudicación de ambos servizos que por certo levan ritmos que se poderían considerar anómalos, non debendo de ser así. Por suposto que o cadro de persoal sigue na mesma situación, estando todas e todos expectantes a ver de que modo este goberno municipal cumpre co acordado no pleno, o igual que con respecto o cadro de persoal de Linorsa.

MAREA DE VIGO CONSIDERA QUE O GOBERNO TEN QUE SER RESPONSABLE A HORA DE VALORAR A SOLICITUDE DE CESIÓN DO CONTRATO DE LIMPEZA DE LINORSA A UNHA EMPRESA LIGADA A UNHA ETT E CONTEMPLAR A VÍA DA REMUNICIPALIZACIÓN.

logowebDeixar que unha empresa que non cumpre as obrigas para co seu cadro de persoal e outra empresa decidan de modo privado o futuro dos próximos meses do servizo non é solucionar a situación de problemática laboral que está a sufrir o cadro de persoal dos servizos.

O grupo municipal da Marea de Vigo, despois de ver o contido da solicitude de cesión do servizo de limpeza de dependencias municipais e colexios e informarse sobre o funcionamento da empresa que pretende quedarse cun servizo de tal magnitude sen pasar por ningún órgano de contratación pública dun xeito que non sexa soamente a valoración desta solicitude dentro do contexto no que está o servizo hoxe en día, pide o Goberno Municipal responsabilidade á hora de valorar positivamente a proposta, xa que podemos atoparnos de volta con graves problemas para o cadro de persoal, que, a día de hoxe, a través dos seus representantes sindicais, non teñen nin a mínima comunicación da súa empresa, Linorsa, o respecto (a pesar de tratar de poñerse en contacto coa mesma).

A Marea de Vigo pregúntase, o igual que o cadro de persoal, de que modo vai a ser solucionada a súa situación de impago, si realmente as subrogacións van facerse tal e como marcan os pregos, e unha infinidade de incógnitas, que, aínda que por defecto poidan contestar que se cumprirá estritamente a lexislación, todas e todos temos dúbidas de si na práctica será así, tal e como a realidade nos mostra. Tamén este Goberno Municipal votou a favor da moción presentada polo GM da Marea de Vigo no seu día onde afirmaba poñer en práctica todas as ferramentas para solucionar a situación e vemos que o único que se fixo foi contemplar como Linorsa, por sí mesma, en teoría, buscaba saída a esta situación a base de negociar con outra empresa a cesión.

Este grupo municipal insiste na vía da remunicipalización, para o cal vai a aportar informes técnicos doutros concellos de similares características en canto a dimensión dos servizos e dos custes, que foron quen de levar a cabo políticas de remunicipalización de servizos públicos co que implica e sen medo, con toda a normalidade do mundo.

MAREA DE VIGO PIDE A CONVOCATORIA DA COMISIÓN DE SEGUIMENTO DA CONTRATACIÓN PÚBLICA, ASÍ COMO REITERA A SOLICITUDE DA CREACIÓN DUN OBSERVATORIO DA CONTRATACIÓN PUBLICA PARA “FOMENTAR A AUDITORÍA CÍVICA” DOS CONTRATOS PÚBLICOS

pleno-rubenMarea de Vigo considera importante que finalmente non desapareza do regulamento do pleno a Comisión de Seguimento da Contratación Pública como obrigatoria tras unha emenda do grupo municipal da Marea de Vigo, pero lembra que “leva anos sen convocarse” polo que sería bo avanzar na creación dun organismo aberto que evite “sustos” como a anulación do contrato de parques e xardíns, ademáis da propia Comisión.

Para Rubén Pérez, voceiro do grupo municipal da Marea de Vigo, a Operación Patos, os informes do tribunal de contas dubidando dos procedementos de adxudicación de obras do PLAN E e mesmo as recentes denuncias sobre contratación formuladas por colectivos ou mesmo grupos municipais e empresas, xa fan imprescindible dotarse de organismos transparentes que controlen a contratación no Concello de Vigo “visto que hai unha desidia interesada ou mesmo provocada polo propio Goberno Local”.

É notorio que coa negativa a reunir á Comisión de Seguimento da Contratación ata o de agora, ou mesmo a crear a Comisión Especial de Investigación que solicitou a Marea de Vigo “non existe nin control nin vontade de facer un seguimento exhaustivo sobre a calidade do traballo que xeran as contratas, sobre as contratacións nas mesmas, sobre contratos menores, sobre inversións, etc….”

O Grupo Municipal da Marea de Vigo considera “moi interesantes” as iniciativas que Concellos como o de Zaragoza lanzaron fai anos como a da creación dun OBSERVATORIO DA CONTRATACIÓN PÚBLICA que vixía tanto os cumprimentos dos pregos das concesionarias de servicios públicos como a calidade e cumprimento de convenios e lexislación laboral dos contratos de traballo que se formalicen.

O Grupo Municipal da Marea de Vigo propón a posta en funcionamento deste Observatorio, onde participarían os grupos municipais, as seccións sindicais do concello, os comités de empresa das grandes concesionarias públicas e mesmo o tecido veciñal e asociacións de consumidores e usuarios, serviría para ter un organismo plural e apartidario de seguimento do grado de cumprimento dos pregos de concesión, algo prácticamente inexistente na actualidade na nosa cidade e deixado ao arbitrio do concellerio da área correspondente.

Situacións como a de Linorsa que de novo debe salarios e pagas o cadro de persoal estarían fiscalizadas “en tempo real” tanto por representantes do Concello, das e dos traballadoras/es e mesmo ampas e organizacións relacionadas cos centros educativos afectados polo impago dos salarios.

MAREA DE VIGO CUALIFICA A ACTITUDE DO PSdeG-PSOE EN MATERIA DE SANIDADE UNHA ABSOLUTA INCOHERENCIA XA QUE, RESPONDE A INTERESES MÁIS ELECTORALISTAS QUE A PROPIA DEFENSA DA SANIDADE PÚBLICA, QUE QUEDA RELEGADA A UN SEGUNDO PLANO.

marea-descartaAs votacións do PSdeG-PSOE parece que máis que dependentes do contido, dependen do momento electoral, dos intereses propagandísticos ou en moitos casos, de quen son as persoas que presentan a iniciativa ou moción que teñan que votar.

Marga L. Barreiro considera que o que está pasando co PSdeG-PSOE en materia do Hospital Álvaro Cunqueiro “é para chorar”. Primeiro, no Parlamento de Galiza, vota a favor da Proposición non de Lei que fai o grupo parlamentario de AGE para a reversión ao público do Hospital, con algun engadido que AGE acepta.

Despois abstense no Concello de Vigo de aprobar a moción presentada pola Marea de Vigo para sumarse tanto á denuncia presentada pola Asociación Galega pola Defensa da Sanidade Pública na UE como a dita Proposición non de Lei no Parlamento Galego, dicindo que o Concello non é unha institución “adecuada” para sumarse ás iniciativas que outras organizacións presenten; E mais tarde, de novo no Parlamento, o PSdeG-PSOE rexeita unha emenda de AGE , que antes xa votara a favor, para incluír no texto da súa iniciativa. Por certo, indica Marga López Barreiro, “iniciativa similar á que AGE propuxo para reverter o Hospital Álvaro Cunqueiro ao público e que a eles lle debeu causar algún tipo de reacción de “envexa” por pensar que era un tanto que lle podía ser moi útil para comezar a súa campaña electoral; pois non será polo moito que lle importe o estado da sanidade de Vigo xa que como é visto van sempre detrás das iniciativas dos demais colectivos para facer as súas reclamacións .”

Marga López Barreiro lembra que “non foi o Concello de Vigo quen convocou a manifestación multitudinaria, o Concello sumouse, pero convocou a Xunta de Persoal, a pesar do que o alcalde expresou en varias ocasións” e mesmo no pasado pleno deste martes, onde insistían na idea, cando a realidade e que a loita pola defensa da sanidade publica na área de Vigo sempre foi levada por iniciativa tanto da Xunta de Persoal como SOS Sanidade pública, dando moitos pasos nesa loita á que despois se foron sumando entidades coma o Concello de Vigo.

O que sí fixo o PsdeG-PSOE de Vigo, como é xa coñecido aínda que non lles guste escoitalo, foi facilitar as acometidas de auga e luz para que a obra fose adiante.

O grave vai seguir sendo que a atención hospitalaria nesta cidade segue a ser cada vez máis desastrosa e quédanos un futuro negro para a saúde de toda a veciñanza de aquí en diante se non somos quen de reverter a situación.

Dende o Grupo Municipal da Marea de Vigo pedimos o PsdeG-PSOE que deixe nun segundo plano os seus intereses electorais en favor dos intereses da cidadanía, que ten dereito a unha sanidade pública e de calidade.

MAREA DE VIGO PIDE QUE O TEXTO DO PROXECTO DE LEI DA ÁREA METROPOLITANA SEXA DEBATIDO E ACORDADO NO PLENO.

logowebO Grupo Municipal da Marea de Vigo considera que a proposta de remitilo directamente á Xunta de Galicia só co aval da Xunta de Goberno “mingua consenso cidadá en Vigo” , e sería máis integrador e moito máis democrático tratalo nun pleno como van facer hoxe os Concellos de Cangas e Moaña.

A Marea de Vigo non tería problemas en aprobar o borrador de texto de lei e mesmo as emendas presentadas polo goberno local pero, segundo Rubén Pérez, “sen un debate previo e sen que pase polo pleno incúmplese gran parte dos preceptos do pretendido consenso do que fala o alcalde”. Cuestións desta importancia non poden ser aprobadas baixo o arbitrio da Lei de Grandes Cidades que está sendo moi cuestionada polo propio PSOE en moitos concellos.

O GM da Marea de Vigo considera “bastante surrealista” que a Xunta de Goberno de hoxe aprobe o texto da futura lei que ven a modificar a que aprobara o Parlamento de Galicia o pasado 9 de abril do ano 2012, (Lei 4/2012, do 12 de abril, da Área Metropolitana de Vigo) sen trasladalo tamén ao pleno, xa que o proceso de debate aberto pola administración autonómica recolleu tanto as impresións dos gobernos municipais como dos grupos da oposición dos 14 concellos que integraron de xeito inicial esta área. En Vigo, como se non existira.

“Non cometamos o erro”, sinalou hoxe Rubén Pérez, “de pensar que os consensos municipais en esta materia se manteñen no tempo se son exclusivamente froito de debates en Xuntas de Goberno e non en Plenos. “as cores políticas dos gobernos cambian pero os acordos dos Plenos vinculan a todos, goberno e oposición”.

MAREA DE VIGO CONSIDERA UN ATAQUE Á IGUALDADE E A LIBERDADE DAS MULLERES O CONCEDERLLES ESTE ANO O PREMIO DE VIGUESAS/ES DISTINGUIDAS/OS Á UNHA ORGANIZACIÓN TAN PROFUNDAMENTE ANTIDEMOCRÁTICA COMO A FUNDACIÓN RED MADRE

Concello_de_VigoDende a Marea de Vigo queremos dar a coñecer á cidadanía viguesa a proposta do PP de este ano ó premio de Vigueses/as Distinguidos/as á Fundación Red Madre.

A Fundación Red Madre é unha fundación antiabortista de sospeitosas prácticas e ideoloxía o que a Corporación Municipal de Vigo vai a conceder un premio. Vinculada ó Foro da Familia, trátase dunha organización que está en contra das mulleres que decidan abortar, para o que levan a cabo dinámicas que se poderían incluso denominar como acoso ás mulleres que deciden interrumpir un embarazo non desexado.

Á Marea de Vigo parécenos moi preocupante este feito, mentres as mulleres maltratadas, as mulleres que teñen persoas dependentes no fogar ao seu coidado, que teñen que manter a unha familia elas soas con empregos precarios e mal remunerados non teñen acceso ás axudas, en cambio, sí aplaudimos que unhas cantas señoras con poder institucional detrás poidan recibir premios polo seu labor antidemocrático.

Dende que goberna o PP a nivel estatal, moitas subvencións e axudas que eran destinadas á asociacións de mulleres foron recortadas coa excusa da crise e en cambio destinadas a organizacións afíns a súa ideoloxía coma neste caso Red Madre.

Parécenos perigosísimo que non se sepa nin que se denuncie este recoñecemento institucional, xa que estas mulleres o único que fan é impedir que moitas outras poidan decidir sobre as súas vidas. Sabemos do apoio que o PP leva anos facéndolle a esta organización antiabortista (no 2012 o concello de Santiago cedeulles pisos destinados a persoas sen recursos e unha cantidade de 120.000€ en apenas 2 anos para xestionar persoal e outros gastos derivados da súa actividade).

O caso é que para a designación dos premios a Viguesas/es Distinguidas/os, o sistema establece cupos para cada Grupo Municipal, co que non hai opcion a consensuar nin a votar; quizais habería que plantexar outro modelo para esta designación co obxectivo de que non se den premios a organizacións profundamente antidemocráticas como esta, que apostan pola idea de que todas as mulleres teñan que ter un bebé aínda en contra da súa vontade, e baixo calquer circunstancia; obviando toda igualdade e progresismo.

Dende a Marea de Vigo denunciamos este premio, xa que lexitimaría os recortes nas liberdades e dereitos de todas as mulleres. Pensamos que debemos reflexionar sobre a qué tipo de organizacións se lles están concedendo estes premios.

Seguir

Recibe aviso de cada artigo novo no teu correo electrónico.

Únete aos outros 34 segidores

%d bloggers like this: